Galicia lidera a mortalidade laboral, con 45 defuncións en seis meses: "Algo está a fallar, urxe que se cumpra a lei"

Concentración de persoal da refinaría de Repsol na Coruña tras a morte de Unai Martínez nun accidente laboral CC-BY-SA UGT A Coruña

Galicia vén sendo historicamente unha das comunidades autónomas con máis accidentes laborais e con máis mortes no traballo, sumando máis de tres mil falecementos nos últimos 30 anos. Nas últimas dúas décadas o número de defuncións e sinistros graves foise reducindo de vagar, aínda que o noso país continuou sendo un dos territorios con peores datos. O primeiro semestre, cuxa estatística completa se coñeceu hai uns días, amosa un empeoramento dos indicadores, cun total de 45 mortes en só seis meses, case tantas coma as rexistradas no conxunto do pasado ano 2021 (49).

Este incremento dos sinistros mortais débese ao aumento da actividade económica nos últimos meses e tamén á coincidencia cun dos accidentes máis graves rexistrados no mar nos últimos tempos: o afundimento do Villa de Pitanxo, que provocou a morte de 21 traballadores galegos nas costas de Terranova. En calquera caso, os indicadores poden facer que o 2022 se convirta nun dos peores anos do presente século no que atinxe á sinistralidade laboral.

"É evidente que algo está a fallar, polo que urxe extremar a vixilancia para que se cumpra a Lei", sinala a Unión Xeral de Traballadores

Os datos converten Galicia, ademais, na comunidade autónoma con peores datos de todo o Estado en canto ao número de falecementos en relación co número total de traballadores. Neste senso, UGT-Galicia demanda un "plan de choque" para reducir a cifra de accidentes laborais e, especialmente, o de accidentes graves e mortais. O sindicato subliña que "hai que atallar xa os accidentes laborais", que seguen a ser "unha das grandes lacras do mercado laboral en Galicia". 

"É evidente que algo está a fallar, polo que urxe extremar a vixilancia para que se cumpra a Lei", sinala a Unión Xeral de Traballadores, que aposta tamén por "reformar a Lei de Prevención para adaptala ás novas realidades, como as ondas de calor".

A sinistralidade no primeiro semestre aumentou nun 24,6% en Galicia en relación ao mesmo período do ano anterior

Os datos do primeiro semestre sitúan a Galicia moi por riba da media española en canto ás mortes en accidente laboral, cunha taxa de case 8 defuncións por cada 100.000 traballadores, se extrapolamos o indicador de xaneiro a xuño aos doce meses do ano. A media retorna ás cifras que se rexistraron entre 2014 e 2016 e máis que duplica a taxa do conxunto do Estado. 

A sinistralidade no primeiro semestre aumentou nun 24,6% en Galicia en relación ao mesmo período do ano anterior. O dato galego é o peor de todo o Estado no primeiro semestre, por diante dos de Murcia, Castela-León e Castela-A Mancha.

No conxunto do ano 2021, 25 das mortes producíronse por infartos e outras patoloxías non traumáticas. Neste senso, UGT-Galicia demanda políticas que atendan á redución da incidencia dos riscos psicosociais entre a poboación traballadora, "xa que tanto os infartos como os derrames cerebrais son patoloxías asociadas a este tipo de riscos laborais".

No conxunto do ano 2021, 25 das mortes producíronse por infartos e outras patoloxías non traumáticas

A segunda causa de morte, con 9 persoas falecidas, foron as caídas ou golpes con esmagamentos contra obxectos inmóbiles. 6 mortes foron ben por amputacións ou atrapamentos. 5 por choques ou golpes contra obxectos en movemento. Unha por contacto con corrente eléctrica, lume ou substancias perigosas. E outra por afogamentos ou sepultamentos. A todo isto hai que engadirlle as 5 persoas falecidas “in itinere”, no traslado do fogar ó traballo ou á inversa.

UGT denuncia igualmente a "infradeclaración das enfermidades profesionais", con só 755 casos rexistrados en Galicia con baixa e 541 sen baixa ao longo do 2021

UGT denuncia igualmente a "infradeclaración das enfermidades profesionais", con só 755 casos rexistrados en Galicia con baixa e 541 sen baixa ao longo do 2021. En especial chama a atención sobre os cancros de orixe laboral, con só unha comunicación en todo o pasado ano. Para UGT, o procedemento de notificación e o rexistro son "inoperantes, privando ás persoas traballadoras do recoñecemento da orixe laboral da súa enfermidade e do acceso ás prestacións ás que ten dereito". Ademais, denuncia que ten "un impacto directo na prevención porque o que non se rexistra non existe e, polo tanto, non se adoptan medidas preventivas".

O pesqueiro Villa de Pitanxo, con base en Marín, nunha imaxe de arquivo © VesselFinder.com

O sindicato denuncia que "a externalización xeneralizada da xestión preventiva dos centros de traballo, unida á precariedade fan que non se garanta a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras"

O sindicato denuncia que "a externalización xeneralizada da xestión preventiva dos centros de traballo, unida á precariedade fan que non se garanta a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras". "Por este motivo, resulta importante a aprobación da última reforma laboral, que está facendo descender a temporalidade na contratación e que, sen dúbida, a futuro terá un impacto positivo na redución das cifras de sinistralidade", engade. 

Ademais, destaca que "resulta imprescindible reforzar a Inspección de Traballo, dotándoa de máis recursos materiais e humanos, co que podería incrementar as actuacións de oficio nas empresas, sen agardar as denuncias dos traballadores, os cales, en moitas ocasións, debido ao medo a ser despedidos, non chegan a interpoñela".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.