Os graves incendios que afectaron Portugal (e Galicia) en 2017 levou o país veciño a impulsar unha reforma forestal que vetou a plantación de eucalipto ata 2030 naquelas zonas onde non fose plantado antes. A nova lexislación e o abandono que sofren moitas áreas con esta especie —o Goberno luso calcula que dous terzos das 800.000 hectáreas de eucaliptais están a monte— fixo que desde 2018 as papeleiras virasen a súa ollada ao outro lado da raia.
A máis grande destas industrias —Navigator, antiga Portucel— encetou unha expansión en Galicia que avanza paseniño entre críticas ás políticas forestais do Goberno portugués, ao que achaca que non rehabilite áreas forestais, o que "compromete, neste momento, a sustentabilidade" do sector.
Navigator critica o Goberno luso pola súa "falta de aposta na reabilitação das áreas florestais" e acúsao de "comprometer a sustentabilidade" do sector: "É chocante"
"É chocante concluir que a falta de aposta na reabilitação das áreas florestais nacionais compromete neste momento a sustentabilidade de um setor com a importância que este tem para Portugal, tanto ao nível económico, ambiental e social", di Navigator no seu Relatório de Contas que foi enviado ao regulador da Bolsa en Portugal, a Comissão do Mercado de Valores Mobiliários (CMVM).
Para Navigator, a principal ameaza para a competitividade do eucalipto "reside na baixa produtividade da floresta portuguesa, que apresenta uma reduzida intensidade de gestão, que contribui para uma rentabilidade decrescente e crescentes riscos de incêndio florestal e de fitossanidade". A conxugación de todos estes factores, unido a que nos últimos anos, non "tenham existido medidas de atuação estratégica do Estado no setor, tem obrigado à importação de matéria-prima, processo que condiciona a rentabilidade de todos os agentes".
A multinacional xestiona 1.111 hectáreas en Galicia, o dobre que hai tres anos
Ao tempo que o grupo papeleiro sinala as políticas de Lisboa como un freo para o sector madeireiro, o seu informe anual confirma o asentamento e crecemento en Galicia e mesmo a súa expansión a Asturias. Segundo os datos feitos públicos, no peche de 2024 Navigator administraba perto de 110.000 hectáreas entre Portugal e España, con 1.410 "unidades de gestão" en 169 municipios no país veciño e 54 entre Galicia (nas provincias de Lugo e da Coruña) e unha pequena parte en Asturias, onde en Luarca prevé repoboar con eucaliptos 45 hectáreas de piñeirais que foran arrasadas polo lume.
O caso é que, segundo as cifras que achega o grupo, Navigator xestiona en Galicia 1.111 hectáreas forestais (equivalente a uns 800 campos de fútbol), das que arredor do 82% están dedicadas á produción de eucalipto —fronte ao 73% do total de todos os seus activos forestais— e o 28% atópase "dentro de áreas sensíveis", maioritariamente en espazos que son Reserva da Biosfera.
Os datos confirman a expansión de Navigator en Galicia, cunha superficie de plantacións que practicamente multiplica por catro ás de catro anos atrás (356 hectáreas en 2020) e dobra as de 2021 (601). Desde 2022, cando roldou o milleiro de hectáreas, o espallamento da papeleira portuguesa nos montes galegos vén sendo máis lento pero asentado con, por exemplo, unha ducia de parcelas e 156 hectáreas máis que daquela.
O valor económico das plantacións de eucalipto que Navigator ten en Galicia medra fronte ao descenso nas de Portugal
O incremento de plantacións de Navigator en Galicia é do 4,6%, fronte á suba de menos do 1% en Portugal, onde roza as 109.000 hectáreas, ademais das case 27.000 que xestiona en Moçambique. Ademais, e segundo o relatorio, o valor económico dos activos biolóxicos do eucalipto caeu en case tres millóns nas plantacións de Portugal (de 88,2 millóns de euros a 85,6) fronte ao incremento claro en Galicia: de 1,6 millóns a 3. Tendo en conta o global, os activos biolóxicos en territorio galego supoñen o 2,7% da valoración total de todos os da multinacional.
Con todo, o informe anual das contas do grupo The Navigator Company non detalla as importacións que de madeira galega realiza para abastecer as súas plantas, aínda que a clara que por mor da "insuficiência da produção nacional de madeira em quantidade suficiente" para as súas necesidades, "recorre habitualmente a importação de madeira de Espanha e de fora da Europa (Brasil e Uruguai)", algo do que tamén culpa á falta dunha actuación estratéxica no sector por parte do Goberno de Portugal.
Segundo os últimos datos, en 2024 Galicia exportou preto de 785.000 toneladas de eucalipto. En 2023 foran arredor de 955.000, o que supoñía máis do 17% da madeira desta especie cortada no país.