A COVID-19 está a ocupar grandes espazos nos medios de comunicación, deixando moitas veces nun segundo plano noticias tamén moi relevantes, como é o caso das mortes no traballo.
O Ministerio de Traballo e Economía Social acaba de facer público o avance dos datos de sinistralidade ata o mes de maio, e permítenos constatar que neses cinco meses perderon a vida 288 traballadoras e traballadores, vinte deles en Galicia. Esta mesma semana temos que lamentar unha nova vítima mortal, desta vez na Mariña.
De aquí a un mes, cando coñezamos as cifras de xuño, comprobaremos, por desgraza, que se mantén a tendencia. Malia o paro da actividade económica por mor da pandemia, as estatísticas son moi similares ás do ano anterior e intúese un recruamento coincidindo coa desescalada.
A falta de medidas de prevención, as excesivas cargas de traballo ou a escaseza de equipamentos de protección (EPI) son as principais causas por tras destas traxedias. O único xeito de corrixir esta tendencia é fomentando a cultura preventiva desde todos os ámbitos, facer unha revisión da lei de prevención de riscos e establecer un maior control sobre o seu cumprimento. O traballo de calidade é a mellor vacina para impedir as arredor de setecentas mortes anuais por accidente de traballo en todo o Estado.