Tras preguntar á Comisión Europea pola cuestión, o eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares cuestiona se a Xunta e a conselleira de Medio Ambiente "van asumir a factura" das ilegalidades
A Comisión Europea leva anos dicindo a diversos partidos e administracións españolas e galegas que as concesións de terreos públicos do litoral non poden ser ilimitadas e que para garantir o libre mercado e a competencia deben ser outorgadas, ao igual que as súas prórrogas, con procedementos abertos aos que podan concorrer diversos interesados. Por iso ten aberto un procedemento de infracción contra España, á que obriga a mudar a súa lexislación ao respecto para restrinxir as concesións, un cambio que é criticado pola Xunta, defensora de concesións máis duradeiras.
Agora, a preguntas do eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares, o comisario de Mercado Interior e vicepresidente executivo da UE, Stéphane Séjourné, insiste nunha nova resposta oficial en que España debe mudar a súa lexislación e restrinxir as concesións xa que a actual "vulnera tanto as obrigas en virtude da Directiva de Servizos [que regula o mercado europeo] como o principio de liberdade de establecemento consagrado no artigo 49 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea".
A Comisión Europea sinala na súa resposta ao eurodeputado socialista que está "en estreito contacto coas autoridades españolas competentes para continuar co diálogo construtivo en relación con este caso". Un diálogo que se está a traducir en que o Goberno de España vén de lanzar unha proposta de reforma do Regulamento de Costas para introducir as garantías reclamadas por Bruxelas, que entre outras instalacións no litoral puxo o foco en "por exemplo, empresas papeleiras".
Ante a petición da UE de restrinxir a ocupación do litoral, a conselleira de Medio Ambienta augurou un "caos social e económico"
Ante as restricións na costa que está a tramitar o Goberno de España, a Xunta, e en particular a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, xa augurou que se producirá un "caos social e económico". Un prognóstico que lanzou malia admitir que "nestes momentos é difícil aínda calcular o alcance concreto que terán os cambios".
Este martes, ao facer pública a resposta que obtivo da Comisión Europea, o eurodeputado socialista González Casares preguntouse se Vázquez "vai asumir a factura das ilegalidades e os problemas que se derivan da súa irresponsabilidade". "A resposta é cristalina e desbarata, unha vez máis, as escusas da Xunta e da conselleira de Medio Ambiente, que novamente fica á altura do betún", di o socialista. "Fronte ás cortinas de fume e as acusacións persoais de Ángeles Vázquez, a claridade meridiana da lexislación comunitaria", conclúe González Casares.