Persoal de Urxencias do Clínico ve "inexplicables" as críticas dos xefes á súa folga, co 100% de servizos mínimos

Mobilización de persoal de Urxencias do Clínico CC-BY-SA CIG-Saúde

O pasado domingo, os xefes de servizo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) criticaron a folga que desde hai sete semanas se leva a cabo nas Urxencias do Clínico. Foi un destes xefes, Julián Álvarez, quen difundiu un escrito no que se advertía da prolongación excesiva e innecesaria no tempo da protesta e nas molestias e problemas que estaría a crear no funcionamento do hospital, malia que os servizos mínimos decretados son do 100%.

Os xefes de servizo critican os problemas que provoca a folga malia que os servizos mínimos son do 100%

A indignación é patente entre o persoal convocante da folga, que apoian todos os sindicatos con representación no Clínico (CIG, CCOO, UGT, Sagap, CSIF, SAE, CESM e O’Mega). Tanto a comisión de centro como o persoal médico advertiron de que o comunicado dos xefes de servizo só conta coa sinatura dun deles e insisten en lembrar que os servizos mínimos son totais.

Os xefes de servizo chegaron a falar dunha folga "traumática para os enfermos e o persoal sanitario". 

“As críticas son inexplicables, non teñen explicación lóxica nin obedecen a nada obxectivable; Urxencias é o único espazo onde sempre hai un 100% de servizos minimos e non se pode facer folga, síntoma de que o cadro de persoal non é o axeitado, polo que toda a xente traballa”, di Camilo Agulleiro, presidente da comisión de centro. “O que teñen que facer os xefes de servizo é facer o seu traballo, reclamando o persoal que precisan para unha correcta asistencia en tempo e forma”, di Fátima Nercellas, do sindicato O’Mega, que amosa o enfado do colectivo médico. “Este servizo non é un almacén, necesitamos o espazo para facer o noso troballo, que non é outro que a demanda de cada día”, engade.

Concentración de persoal e pacientes nas Urxencias do Clínico CC-BY-SA CIG-Saúde

Ademais, naquel comunicado afirmábase tamén que a dirección do centro estaba realizando un esforzo na busca de solucións" e que "realizou algunhas propostas para solucionar o conflito" dunha folga que consideran "anómala".

Pero a proposta da xerencia de aumento dun lixeiro aumento de persoal e de medios continúa a ser considerada insuficiente polo persoal sanitario e médico das Urxencias. Desde a dirección considérase definitiva, pero desde a comisión de centro din manter “abertas” as negociacións sobre unha oferta que será sometida a votación o vindeiro día 14, “sexa a última ou outra nova que se faga”. A data elixida tamén foi criticada polos xefes de servizo, que agardaban que a consulta fose antes.

O persoal de Urxencias votará o día 14 sobre a proposta de mellora que presente Sanidade

Respecto das críticas á folga, Agulleiro responde lembrando que nas Urxencias recolléronse 2.000 sinaturas de pacientes e usuarios en apoio das protestas, apañadas desde o peche levado a cabo o pasado día 19. Á marxe das mobilizacións de cada luns, que se repetiron nesta semana, tamén está prevista unha manifestación para o vindeiro 9 de xaneiro.

“A este paso, estaremos en folga toda a vida”, din fontes do persoal médico, que reclama máis profesionais e que critica que a xerencia non ofreza xa nada máis nin negocie e que reclaman que sexa a Consellería de Sanidade quen negocie directamente sobre as súas demandas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.