"Á falta de recursos da Atención Primaria en Galicia, en Vigo únense os problemas xerados por Povisa e o Álvaro Cunqueiro"

Manifestación pola sanidade en Vigo © CIG

Milleiros de persoas manifestáronse este xoves en Vigo "pola dignidade da Atención Primaria". Malia estarmos no Nadal e a pesar de que a convocatoria dos 25 xefes de servizo dimitidos foi lanzada hai tan só uns días a cidadanía de Vigo e a súa área metropolitana expresou a súa protesta ante unha situación que vén de vello e que supuxo unha degradació da atención sanitaria na comarca. 

Falamos con Manuel Moreira (CIG), Ángel Cameselle (CC.OO.) e Manuel Martín (Asociación Galega de Defensa da Sanidade Pública) sobre as orixes do problema, pedímoslles unha valoración sobre os movementos das últimas semanas e demandámoslles unha proposta de solución para os actuais problemas asistenciais.

 

Cal é a situación da Atención Primaria en Vigo? Ademais das eivas existentes no resto de Galicia, que factores acentúan os problemas nesta área sanitaria?

Manuel González Moreira (CIG): “A Atención Primaria presenta eivas en toda Galicia, que tamén sufrimos en Vigo, pero aquí temos dous problemas engadidos: a presenza de Povisa e do Hospital Álvaro Cunqueiro. A apertura do Cunqueiro supuxo novos obstáculos, pois incrementou as barreiras de acceso para os médicos da Primaria, fixo moito máis difícil a comunicación co nivel hospitalario e aumentou as demoras das consultas de atención hospitalaria. Ademais, fáltannos recursos asistenciais para atender a toda a xente que temos nos cupos, por iso temos unha media de consultas máis alta que o restos do SERGAS. Esa é a razón de que a indignación por parte dos profesionais na área de Vigo sexa maior"

"Os problemas están acentuados pola privatización da sanidade, onde van parar cada ano 150 millóns de euros, entre o que se entrega a Povisa e o que se paga polo canon do Cunqueiro"

Ángel Cameselle (CC.OO.): "En Vigo pasa, primeiro, o mesmo que pasa no resto de Galicia: que hai unha gran falta de recursos, porque a porcentaxe do PIB que se destina a Sanidade é moi baixa. En Vigo, ademais, os problemas están acentuados por mor da privatización da sanidade, onde van parar cada ano 150 millóns de euros, entre o que se entrega a Povisa e o que se paga polo canon do Álvaro Cunqueiro. Cando se apostou por esa fórmula para o novo hospital nós xa denunciamos que eses cartos ían saír en gran medida do capítulo do orzamento dedicado a persoal. En Vigo faltan profesionais: médicos, enfermeiros e outros traballadores como psicólogos, traballadores sociais ou fisioterapeutas, perfís que estaban previstos no Plan Mellora e que son moi importantes para reducir a carga asistencial".

"É un problema, tamén, o sometemento dos centros de saúde ás Xerencias dos hospitais. Isto determinou unha situación de frustración entre o persoal da Atención Primaria"

Manuel Martín (AGDSP): “En Vigo sufrimos os problemas que se dan na Atención Primaria de toda Galicia, onde nos últimos anos houbo un recorte de profesionais moi importante. Houbo tamén un recorte orzamentario, de xeito que hoxe non superamos o 12% do gasto sanitario, cando deberiamos estar no 25%. Os novos profesionais MIR que van saíndo atopan que a precariedade laboral é a situación habitual para eles na sanidade en Galicia. Non teñen estabilidade no emprego e a maior parte está marchando fóra para poder conseguir condicións de traballo dignas.

É un problema, tamén, o sometemento dos centros de saúde ás Xerencias dos hospitais. Isto determinou unha situación de frustración entre o persoal da Atención Primaria, que se foi transformando en indignación e, finalmente, en rebelión".

Un centro de saúde en Vigo © Sergas

 

Como valoras a dimisión dos xefes de servizo e a posterior resposta ofrecida pola Xunta?

Manuel Martín (AGDSP): “Os Xefes de Servizo dixeron que xa abondaba, que non aceptaban seguir mantendo unha situación de precariedade e submisión, unhas condicións que prexudican a calidade da atención sanitaria e a capacidade resolutiva dos profesionais. A realidade é que a saturación leva a que non haxa tempo suficiente para dedicarlles aos pacientes. Cando a demanda sobrepasa a capacidade dos traballadores, neste caso dos e das profesionais de Atención Primaria, é imposible prestar unha atención correcta. 

A Administración pasou de dicir que non había ningún problema e que Galicia estaba moito mellor que o resto de comunidades a aceptar que hai que negociar modificacións. Pero a oferta de negociación de fan é completamente inaceptable. En toda a miña traxectoria nunca vin este nivel de indignación e de rebelión entre os profesionais sanitarios galegos". 

"En toda a miña traxectoria nunca vin este nivel de indignación e de rebelión entre os profesionais sanitarios galegos"

Manuel González Moreira (CIG): "Despois dun ano tentando buscar solucións a esta situación en conversas coa Xerencia, finalmente chegamos ao extremo de que dimitisen 25 xefes de servizo. A peor resposta foi a do propio xerente, Félix Rubial, ninguneando o papel dos xefes de servizo nos centros de saúde, minimizando a importancia destas dimisións e mesmo atacando persoalmente aos xefes de servizo dimitidos. A realidade é que entre eles hai moitas persoas que foron quen puxeron en marcha a Atención Primaria na área sanitaria de Vigo, tanto en aspectos docentes como organizativos. Polo tanto, non eran calquera persoa os que dimitían, eran profesionais moi comprometidos co sistema, que seguen estando completamente comprometidos con el. Persoas que dimiten precisamente por non ser cómplices dunha determinada política sanitaria. 

A resposta do SERGAS, creando uns determinados grupos de traballo nos que os seus integrantes eran seleccionados a dedo, deixando fóra os profesionais máis críticos que son precisamente quen mellor coñecen a realidade da área sanitaria de Vigo".

"A resposta que antes estas dimisións deu a Xunta de Galicia foi totalmente inxusta. Non se pode afirmar que non hai profesionais dispostos a traballar"

Ángel Cameselle (CC.OO.): "As dimisións dos xefes de servizo foron motivadas pola forte presión que soportan, tanto interna como externa, por parte en primeiro lugar dos traballadores dos centros de saúde, que non poden atender 50 e ata 60 pacientes nun día, como está a suceder. A resposta que ante estas dimisións deu a Xunta de Galicia foi totalmente inxusta. Non se pode afirmar que non hai profesionais dispostos a traballar. Este ano bateuse o récord de profesionais sanitarios que marcharon de Galicia porque aquí non acadaban un contrato estable. É necesario dotar de estabilidade ao emprego, que a xente conte con condicións dignas".

 

Como se solucionan os problemas, sobre todo de falta de persoal e de sobrecarga de traballo que presenta a Atención Primaria?

Ángel Cameselle (CC.OO.): "É necesario poñer en marcha en Galicia unha auténtica revolución sanitaria, hai que ir á orixe do problema. Non se trata de poñer parches, senón de investir máis en sanidade. Hai que frear e reverter as privatizacións e destinar eses cartos a contratar persoal. Se en vez de pechar camas e quirófanos no verán, se mantivesen abertos estes servizos, en tres meses poderían reducirse en catro mil persoas as listas de espera en Vigo. E, por último, hai que solucionar de forma urxente os problemas en Pediatría: hai que convocar máis prazas MIR de Pediatría. E tamén de Medicina de Familia e outras especialidades e iso permitiría avanzar na solución dos problemas da sanidade en Galicia".

"É necesario poñer en marcha en Galicia unha auténtica revolución sanitaria, hai que ir á orixe do problema. Non se trata de poñer parches, senón de investir máis en sanidade"

Manuel Martín (AGDSP): "Debe abrirse un proceso de diálogo sen restrición ningunha no que deben estar implicados todos os traballadores, todos os sindicatos, organización profesionais... e reproducir o que se fixo hai dez anos, no 2008, cando de debateu e se deseñou o Plan de Mellora da Atención Primaria: fíxose un diagnóstico da situación e realizouse unha proposta de medidas factibles e que contaban co consenso da administración e dos profesionais. 

Hai que incrementar o orzamento da Atención Primaria, hai que acabar con todos os recortes de profesionais que houbo neses anos, hai que planificar máis prazas MIR, hai que dar resposta aos problemas que presentan os PAC que nestes momentos non contan cos recursos necesarios para atender as emerxencias, hai que solucionar os problemas que presenta Pediatría en moitos barrios e localidades..."

"O primeiro paso é reverter esa nefasta taxa de reposición que impediu cubrir as prazas de se perdían por xubilacións e convocar prazas no sistema"

Manuel González Moreira (CIG): "Agora o que temos é un problema de falta de previsión por parte da administración e dunha nefasta política de recursos humanos que nos últimos anos fixo emigrar do país un gran número de médicos de familia e pediatras. Non hai médicos de familia nas listas de substitución, pero cando se convocan prazas, resulta que hai 1000 aspirantes para 200 prazas. É dicir, se se convocan prazas en condicións, si que hai profesionais interesados. O primeiro paso é reverter esa nefasta taxa de reposición que impediu cubrir as prazas de se perdían por xubilacións e convocar prazas no sistema, prazas estables que lles dean garantía de continuidade aos profesionais. 

Hai que modificar tamén as estruturas organizativas de Atención Primaria, porque nos últimos anos o SERGAS consolidou un modelo no que a Primaria está completamente subordinada á atención hospitalaria. Estamos desaparecidos e iso hai que subsanalo, debemos ter unha estrutura propia, con xestión de recursos humanos e de orzamento e aproveitar ese orzamento para convocar prazas nos centros, prazas para responder ás necesidades crecentes da poboación galega. Cada vez temos máis enfermos crónicos, o que é un éxito, é dicir, a xente vive máis, pero temos que adaptar o sistema para atender esta cronificación e dar máis calidade a eses anos de vida".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.