Visto e prace para o "novo CHUAC". O pleno extraordinario específico para debater o convenio que o Concello da Coruña e a Xunta asinarán para a ampliación do hospital da cidade rematou este mércores coa aprobación do documento tal e como chegara. PSOE e PP uniron os seus votos fronte á abstención da Marea Atlántica e do BNG e o único voto en contra da concelleira non adscrita de Podemos.
O convenio para a ampliación do hospital da Coruña sae adiante cos votos a favor de PSOE e PP, a abstención de Marea e BNG e o voto en contra da edil de Podemos
Foi nun pleno polémico, criticado polos partidos que non apoiaron o texto por ser convocado "con nocturnidade" --e con só unhas horas para poder revisalo-- e por confirmar, segundo Bloque e Marea, que "incumpre as promesas" feitas á veciñanza de Eirís que será afectada polas expropiacións ao establecerse a ampliación cara á zona das súas casas e non, como se dixo que se faría segundo lembran ambos partidos, cara ao aparcadoiro e na dirección do parque. "O proxecto do novo CHUAC será cara ao suroeste, xusto sobre a zona habitada", advirten.
A veciñanza de Eirís afectada polas expropiacións acusa o Concello de mudar a súa postura tras defender sempre unha ampliación cara a outra zona
Fóra, representantes da asociación de veciños de Eirís amosaban o seu malestar co Concello e pedían explicacións. Segundo denuncian, o goberno municipal mudou a súa postura da man da Xunta logo de "defender durante once meses que a ampliación se fixese cara ao norte", en contra do proxectado polo Executivo de Feijóo. Segundo advirte o colectivo, esta opción evitaría o derrubamento das vivendas de 27 familias --mentres que a agora aprobada no convenio pode afectar un total de 43-- e abría a porta a novas instalacións nese espazo, cun párking privado que non ten previsto tocarse e de máis superficie que a zona das casas.
Mónica Díaz, presidenta da asociación de veciños, asegura que hai só unha semana, a alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, aseguráronlle nunha xuntanza que non mudaran a súa postura. "Pero este martes convocaron un pleno extraordinario para aprobar un convenio coa Xunta na que se recolle expresamente a orientación das novas edificacións cara ao suroeste", engade, ademais de lembrar o colectivo que o propio Concello advertira non hai tanto de que o convenio que prevía a Xunta "roza a ilegalidade".
O convenio indica que se tratará de "minimizar a afectación a vivendas de modo compatible coa funcionalidade do hospital" e o Concello aclara que os terreos para a ampliación están nunha zona sen desenvolver no plan xeral, polo que non afectaría as casas que alí están.
Lage Tuñas, portavoz do PSOE, gaba o papel de Inés Rey para desatascar o proxecto e asegura que "non ten nada que ver" coa proposta inicial da Xunta
Para o portavoz do PSOE, José Manuel Lage Tuñas, o acordo supón "un punto de inflexión" polo importante investimento no ámbito sanitario. O representante socialista gabou o papel de Inés Rey para desatascar o proxecto nun acordo pechado nunha xuntanza con Feijóo hai só uns días. Ademais, lembra que o texto agora aprobado "non ten nada que ver coa proposta inicial da Xunta que os nosos técnicos consideraban rozando a ilegalidade porque só había obrigas para unha parte".
A voceira do PP, Rosa Gallego, gabou tamén o presidente da Xunta, así como a política sanitaria e os investimentos na cidade do seu Goberno.
Desde outras formacións non se agochan as acusacións de "propaganda" a ambos partidos, ademais de advertir tamén dunha incomprensible présa que vinculan á necesidade do anuncio dun grande acordo no ámbito sanitario no vindeiro Consello da Xunta. "O único urxente aquí é a foto con Feijóo", di a Marea sobre a actitude de Inés Rey.
Marea e BNG rexeitan o acordo, critican a súa "opacidade" e denuncian a "propaganda" que Feijóo e Inés Rey buscan co pacto
"É un acordo negociado con total opacidade que vai supor expropiacións, derruba de vivendas hoxe habitadas, mudanzas sensibles na mobilidade e infraestruturas e compromisos para as arcas municipais superiores aos 26 millóns", advertiu no pleno María García, portavoz da Marea, na mesma liña seguida pola concelleira do BNG, Avia Veira.
A representante nacionalista pediu tamén a PP e PSOE que "non insulten a intelixencia de ninguén" ao ligar a urxencia na construción do novo CHUAC á loita contra a pandemia cando "xa se falaba del en 2018 e 2019". Desde a Marea lembran, ademais, que, con sorte, as obras non empezarían ata 2023.
No convenio, a Xunta comprométese a investir máis de 430 millóns en sete fases; o Concello prevé gastar 12 millóns nas expropiacións
No convenio, que defenderon PSOE e PP no pleno, a Xunta comprométese a investir máis de 430 millóns de euros en sete fases para unha ampliación que creará 29 novas camas de hospitalización e creará unha nova área de hospital de día. O Concello, pola súa banda, asume a execución de viais de acceso entre 2023 e 2026 por 10,2 millóns, ademais de encargarse das expropiacións, nas que se prevé un gasto de 12 millóns, e dos custos de servizos municipais básicos ou da cesión dunha parcela.
Rexeitado o voto particular da Marea
O texto foi aprobado tal e como chegou ao pleno cos votos de PSOE e Partido Popular tras ser rexeitado o voto particular da Marea Atlántica, apoiado tamén por BNG e a edil de Podemos. Nel, solicitábase que se incluíse na redacción do texto a "opción preferente" da ampliación do compexo cara ao aparcadoiro, tal e como se consensuara coa asociación de veciños, que o gasto en expropiacións non superase os 9 millóns de euros ou completar o convenio cun "informe económico-financeiro de intervención e tesoureiría que xustifique a suficiencia de recursos municipais".
“Creo que cometen un erro histórico ao se poñer de lado e non apoiar a firma do convenio para o novo hospital”, dixo Lage Tuñas respecto dos votos da Marea, o BNG e a concelleira non adscrita.