O incendio de Trevinca está estabilizado, e con iso xa están nesa situación ou mellor, controlados, os sete maiores incendios
A chuvia xeneralizada e a baixada das temperaturas das últimas horas está a acelerar a estabilización, control ou extinción dos incendios que desde o 8 de agosto, hai 20 días, levan queimadas máis de 94.000 hectáreas en toda Galicia segundo as cifras oficiais da Xunta, moitas máis segundo os sistemas de medición por satélite.
Segundo os partes da Xunta, na mañá deste xoves só había dous incendios activos, que ao longo da mañá quedaron estabilizados, o da Pobra de Brollón, con 900 hectáreas e xa coa Situación 2 desactivada, e o de Avión, con 250, e en horas anteriores tamén fora estabilizado o de Carballeda de Valdeorras-Casaio, de 5.000 hectáreas, que viña afectando á zona de Pena Trevinca e que nas últimas xornadas era o que máis viña medrando.
Co de Casaio estabilizado, xa están nesa situación ou mellor os sete maiores incendios da actual vaga. Así, a Xunta xa dá por estabilizados, ademais de Avión e Pobra de Brollón, os de Chandrexa de Queixa e Vilariño, con 19.000 hectáreas (neste caso xa están controlados os focos de Chandrexa e o de Vilariño, estabilizado) e Carballeda de Valdeorras-Casaio, con 5.000 hectáreas.
Por detrás, están controlados os de Larouco-Seadur, con "arredor" de 30.000 hectáreas, Oímbra e Xinzo de Limia, con 17.000 hectáreas; A Mezquita-A Esculqueira, con 10.000 hectáreas; Carballeda de Avia e Beade, con 4.000 hectáreas; Maceda, con 3.500 hectáreas; Vilardevós-Vilar de Cervos, con 900 hectáreas e Montederramo-Paredes, con 120 hectáreas.
E entre a tarde deste mércores e a mañá deste xoves quedaron extinguidos os de Carballedo-A Cova, con 118,6 hectáreas e A Fonsagrada-San Pedro de Río, con 53,47 hectáreas.
Con estes avances, entre o 8 de agosto e a mañá deste xoves os incendios queimaron máis de 94.100 hectáreas, que son 96.700 en todo o ano. As cifras superan amplamente as vagas de incendios de 2022, 2017 e 2006, e mesmo o total dese último ano. Fano ademais queimando máis hectáreas en moitos menos incendios.