O Goberno galego convoca en plena vaga de incendios máis de 300 prazas de bombeiros forestais en procesos selectivos previstos desde hai meses e cuxas probas se realizarán dentro de medio ano
O Goberno galego convocou no Diario Oficial de Galicia deste martes máis de 300 prazas de bombeiros forestais en procesos que estaban previstos desde antes da vaga de incendios e cuxas probas se realizarán dentro de medio ano pero que obrigan aos aspirantes, moitos deles traballando na actualidade nos montes na loita contra o lume, a recompilar a documentación necesaria e inscribirse nos procesos nun máximo de 20 días hábiles. As datas elixidas pola Xunta provocaron protestas dos sindicatos, que tamén reclaman o cesamento do secretario xeral técnico da Consellería de Medio Rural, o veterano Jorge Atán, pola xestión "nefasta" dos cadros de persoal da consellería.
As convocatorias realizadas agora pola Xunta, para bombeiro forestal, bombeiro condutor e bombeiro xefe de brigada son resolucións asinadas o pasado 18 de xullo, antes de que comezase a vaga de incendios. Son convocatorias de acceso libre e promoción interna para postos que actualmente están cubertos por outras figuras contractuais e cuxa primeira proba "non terá lugar antes dos seis (6) meses posteriores" á esta publicación no DOG. Pero obriga ás persoas interesadas a inscribirse nos procesos nos próximos 20 días hábiles, antes de mediados de setembro, mentres se mantén a época de alto risco de incendios. E moitos dos interesados en participar nos procesos están traballando na actualidade nos montes, tanto para a Xunta noutros postos ou con outras condicións laborais como noutros servizos de loita contra o lume como os municipais.
A convocatoria provocou malestar en numerosos brigadistas e colectivos profesionais e sindicais pola "falta de sensibilidade da administración", á que reclaman que adíe o proceso selectivo.
CCOO, CSIF e UGT piden o cesamento do secretario xeral de Medio Rural, Jorge Atán, pola súa "nefasta e neglixente xestión"
Este mesmo martes CCOO, CSIF e UGT denunciaron "a nefasta e neglixente xestión da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural", que ocupa Jorge Atán, veterano alto cargo de sucesivos gobernos do PP, pola "situación crítica que atravesa o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF)". "O principal problema é a existencia de arredor de 200 postos de traballo sen cubrir no SPIF", din os sindicatos, que lembran que tras negativas reiteradas a Xunta acabou admitindo o problema e "viuse obrigada a recoñecer a situación e facer un chamamento extraordinario para cubrir 198 prazas estruturais, non operativas porque os seus titulares se atopaban en situación de incapacidade temporal", isto é, de baixa.

"Porén, malia que apenas se cubriu un 50% desas prazas, desde a Secretaría Xeral Técnica, non se fixo ningunha nova xestión para garantir a cobertura total dos efectivos", din os sindicatos, que engaden que ademais "os chamamentos realizados non provocan un incremento real de efectivos, senón que se limitan a mover persoal entre prazas, perpetuando un déficit estrutural que continua sen resolverse".