Valdeorras clama contra o abandono e por medidas contra o lume: "O rural merece máis"

Mobilización no Barco de Valdeorras polos incendios do verán CC-BY-SA Concello do Barco

Un berro de indignación percorreu as rúas do Barco de Valdeorras nunha manifestación na que este xoves máis dun milleiros de persoas reclamaron solucións tras os tráxicos incendios deste verán na comarca e na provincia e na que a cidadanía reclamou un rural "vivo" que "merece máis". 

A chuvia non foi quen de minorar a forza dunha marcha convocada polo colectivo veciñal Terra en Pé e na que as proclamas, sinxelas pero contundentes, apuntaban o abandono da zona. "Nin máis lume nin máis fume" ou "Valdeorras unida pola terra ardida" foron algunhas das que se escoitaron nunha mobilización que insistía na necesidade de manter "viva" a zona. 

Mobilización no Barco de Valdeorras polos incendios do verán CC-BY-SA Concello do Barco

"A vosa incompetencia política queima o noso futuro" ou "Arde Valdeorras, arden os nosos corazóns", podíase ler nunha grande pancarta dunha marcha que contou cunha importante representación institucional e social e na que algúns carteis pedían a dimisión de Alfonso Rueda. 

"Nin máis lume, nin máis fume" reclamou a cidadanía, que demanda un rural "vivo" e clama contra o abandono da comarca

Houbo representación, ademais, todos os partidos, porque á presenza de alcaldes e edís socialistas e nacionalistas do Barco, Petín, A Rúa ou Vilamartín de Valdeorras uniuse o concelleiro do PP do Barco, Manuel Núñez, que rompeu a disciplina de voto nos últimos días para apoiar no pleno municipal o apoio do Concello a esta manifestación. 

O artista Anxo Baranga foi o encargado de ler un manifesto no que se advertiu de que Valdeorras está "cansa, indignada e queimada" tras reclamar que se tomen medidas axiña en canto á xestión forestal, axudas ao poboamento no rural ou con programas de sensibilización e educación. 

"Valdeorras está cansa, indignada e queimada (...). Non queremos máis desculpas. Queremos un futuro verde, con vida, con esperanza"

Tamen se denunciou a falta de prevención e planificación no monte ou a impunidade dos incendiarios nunha marcha que se centrou en demandar compromisos e medidas reais e concretas tanto no que ten que ver na xestión forestal como na protección das localidades que acaban sendo ameazadas polo lume. 

Mobilización no Barco de Valdeorras polos incendios do verán CC-BY-SA Concello do Barco

"Non queremos máis desculpas, nin máis fotos, nin máis vídeos de cinza. Queremos un futuro verde, con vida, con esperanza. Nunca máis lume, nunca máis silencio, nunca máis cinza no corazón", remataba o manifesto desta mobilización nun dos epicentros da vaga de lume rexistrada en Galicia este verán. 

Agora, neste vindeiro domingo 14 de setembro, a plataforma Por un Monte Galego con Futuro convoca unha manifestación baixo o lema A política forestal da Xunta é quen nos queima! Por un monte galego con futuro. Lumes Nunca Máis. Unha mobilización coa que se quere denunciar "a responsabilidade da Xunta nos devastadores incendios que arrasaron máis de 150.000 hectáreas, especialmente nas comarcas de Ourense, e exixir un cambio radical nas políticas forestais, agrarias e ambientais".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.