Medio Rural deu o lume por controlado este martes, cando arderan unhas 140 hectáreas. O traballador máis afectado ten a cuarta parte do corpo queimada e padece ademais unha intoxicación por fume
O incendio forestal declarado na parroquia barreirense de San Xusto de Cabarcos, con dous focos nas contornas de Vilamar e San Caetano, leva queimadas unhas 140 hectáreas. A Consellería do Medio Rural deuno por controlado -fase previa ao control- na noite deste martes mentres, no hospital da Coruña, continuaban sendo atendidos os cinco membros da brigada helitransportada de Castromaior que resultaron feridos na loita contra o lume e cuxo estado segue sendo "grave".
O complexo hospitalario coruñés actualizou nesta mesma xornada o estado dos traballadores, catro bombeiros forestais e un axente ambiental. O parte médico refírese a un prognóstico "grave" para os cinco, todos eles con queimaduras de segundo grao aínda que con diferente intensidade. O traballador máis afectado, de 24 anos, ten queimaduras na cuarta parte do corpo e padece ademais unha intoxicación por inhalación de fume, indican dende o Sergas.
O resto de brigadistas feridos teñen 24, 25, 27 e 29 anos. A afectación das queimaduras nos seus casos é do 10%, 15%, 5% e 8%, respectivamente, indican dende a unidade de queimados do CHUAC. Ningún deles, segundo o parte, sufriu intoxicación por fume.
O Concello de Barreiros expresou o seu agradecemento ao "inmenso labor dos brigadistas, persoal de extinción e os bombeiros comarcais do consorcio de Lugo". Resalta o goberno que preside Ana Ermida (BNG) que "estiveron protexendo as casas do lume" alén de "traballar arreo para controlar as lapas".
Bombeiros forestais da Xunta: "Non se pode seguir a xogar coa sorte"
Tras este accidente en Barreiros, bombeiros forestais da Xunta que periodicamente lanzan reivindicacións públicas sobre as súas condicións laborais advirten, a través dun comunicado de que "non se pode seguir a xogar coa sorte". Porque "baixo todo isto atópase a doenza da precariedade laboral no sector".
Así, por exemplo, aseguran que continúan padecendo "deficiencias nos deseños" da roupa de traballo. ¨ o caso, din, de "chaqueta, pantalóns e camiseta non válidos para soportar temperaturas extremas" ou "máscara incompatible co uso do casco cando debes facer uso de ambos".