Enxeñeiros forestais da Xunta tamén piden ampliar a prohibición de plantar eucalipto

Técnicos forestais da Xunta, nunha foto difundida por Apenfoga CC-BY-SA Apenfoga

Enxeñeiros forestais da Xunta reclaman ao Goberno galego a ampliación de maneira indefinida da actual moratoria a novas plantacións de eucalipto e denuncian que non se establecesen "os criterios técnicos e normas para regular o uso da especie" durante o tempo que leva vixente. 

É a Asociación Profesional de Enxeñería Forestal da Xunta de Galicia (Apenfoga), que agrupa enxeñeiras e enxeñeiros forestais da Administración autonómica, quen se une así cun comunicado ás demandas de ampliación ou mesmo de mantemento indefinido desta moratoria que fixeran Greenpeace, Adega, a Organización Galega de Comunidades de Montes ou a Fundación Arume, entre outras moitas entidades, empresas e colectivos da cadea de valor da madeira.

Plantación de eucalipto globulus en Galicia © Asociación Forestal de Galicia

Porque o vindeiro 31 de decembro, en pouco máis de tres meses, remata a moratoria temporal para as novas plantacións de eucalipto acordada pola Xunta en febreiro de 2021 e que entrou en vigor en xullo dese ano. A medida supuxo o recoñecemento por parte do Goberno galego da existencia dun problema na expansión desta especie forestal. e na planificación e xestión destas plantacións. 

Apenfoga pide a "prórroga indefinida da moratoria" ata que se "dispoña de información máis precisa" e haxa "ferramentas de planificación para poder cumprir os obxectivos do Plan Forestal"

Apenfoga entende que, "vista a falta de análise sobre a evolución da superficie ocupada polo eucalipto e a
ausencia absoluta dunha planificación básica do emprego da especie elaborada sobre criterios técnicos", a Xunta debe "prorrogar indefinidamente a moratoria sobre novas plantacións de eucalipto", polo menos ata que a Consellería de Medio Rural "dispoña de información máis precisa achegada polo Inventario Forestal Continuo de Galicia" e "se dote ao territorio das ferramentas de planificación necesarias para poder cumprir os
obxectivos establecidos na primeira revisión do Plan Forestal". 

O colectivo entende que "estando xa moi preto a data límite que establece a moratoria, é preciso que a Xunta se pronuncie urxentemente sobre a súa continuidade ou o seu remate". Ademais, entende que este período "debería terse empregado para establecer os criterios técnicos e normas para regular o uso da especie", tal e como indicaba o o diagnóstico do Grupo de Traballo do Consello Forestal de Galicia, algo que, advirten, non se fixo.

Enxeñeiros forestais da Xunta critican que non se empregase o tempo da moratoria para "establecer os criterios técnicos e normas para regular o uso do eucalipto"

"A día de hoxe, non temos coñecemento de que a Consellería de Medio Rural iniciara o desenvolvemento destas actuacións", din desde Apenfgoa, que sinala os plans de ordenación de recursos forestais (PORF), cuxa redacción antes de 2030 tamén está recollida na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia, "poden ser unha ferramenta
clave para o establecemento dos criterios técnicos para a plantación de eucaliptos en cada distrito".

Técnico forestal da Xunta, nunha foto difundida por Apenfoga CC-BY-SA Apenfoga

Respecto ao control da superficie do eucalipto, Apenfoga lembra que a primeira revisión do Plan Forestal de Galicia, aprobada en 2021, recolle a necesidade de desenvolver un programa de actuación específico con seis eixos de intervención e que un deles supón achegar iniciativas "que contribúan a controlar a superficie dedicada a eucalipto, cuantificando o obxectivo nunha redución do 5%, como mínimo, da superficie daquel momento.

"O elevado número de plantacións ilegais de eucalipto chega a desbordar a capacidade de medios e persoal encargado da inspección e denuncia"

A prohibición temporal de novas plantacións desta especie, lembra a entidade, fíxose "sen programar ningún tipo de análise da evolución" e sen prever o desenvolvemento "dunha regulación do seu uso". E recordan que a Xunta advirte na lei que avala a moratoria que a duración da mesma "poderá ser obxecto de revisión" en base aos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia. 

Estes datos, advirten, estiman a superficie de eucalipto en 2023 en 419.051 hectáreas, "o que se traduce nun aumento respecto ao ano 2022 do 1,4% (6.000 hectáreas máis)". As cifras, din, "deixan en evidencia o elevado número de plantacións ilegais de eucalipto que se están a levar a cabo, que chegan a desbordar a capacidade de medios e persoal encargado da inspección e denuncia dos Distritos Forestais nos que se producen".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.