Veto definitivo do PP á investigación política da vaga de incendios

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, amosa a información de Praza.gal sobre a veciñanza de San Vicente de Leira afectada polo lume CC-BY-NC-SA BNG

A comisión de investigación solicitada polo BNG recibe o apoio de PSdeG e DO, pero decae polo "non" da maioría absoluta dos populares, que descualifican a petición como "linchamento" ou "xeito noxento de entender a política"

Non. O PP fixo valer este 23 de setembro a súa maioría absoluta para ratificar o veto bosquexado dende o pasado agosto a abrir unha comisión de investigación sobre a vaga de incendios na que arderon máis de 100.000 hectáreas --unhas 120.000 segundo as estimacións provisionais da Xunta para unhas 145.000 no que vai de ano, segundo as medicións dos satélites do programa europeo Copernicus-.

A solicitude do BNG -único grupo da oposición con deputados dabondo para formulala- recibiu os votos a prol do PSdeG e mais do deputado de Democracia Ourensana. Pero decaeu pola negativa duns populares cuxo voceiro, Alberto Pazos, descualificou a petición como intento de "linchamento", "polarización", "xuízo político" ou "xeito noxento de entender a política" por parte do Bloque, ao que reprocha que non reclame unha investigación política sobre asuntos que atinxen ao PSOE nas Cortes Xerais.

"O que vemos é como ao PP lle importa un bledo que arda este país", lamentou Ana Pontón tras constatar que Pazos respondía á súa petición falando "de todo menos do que pasou na vaga de lumes". O veto a investigar, considera a líder do Bloque, equivale a unha "declaración de culpabilidade" por parte do Goberno de Rueda, ao que atribúe unha "cadea de neglixencias" que desembocou na "catástrofe" de agosto.

"Vemos que ao PP lle importa un bledo que arda este país", lamenta Pontón, que reprocha a "frivolidade" do partido que sustenta ao Goberno tras unha "catástrofe" que non foi produto "da mala sorte", senón de "décadas de abandono do rural e dunha política forestal fracasada"

Que o partido que sustenta o Goberno pretenda "ventilar a catástrofe" coa comparecencia de Alfonso Rueda o pasado día 9 é a mellor mostra, coida, da "frivolidade" coa que abordan o acontecido, unha vaga de incendios ante a que se limitaron a seguir "punto por punto o manual de xestión de crise" do PP. Primeiro, di Pontón optaron por facer ver que "todos son responsables menos o presidente da Xunta, que ten as competencias"  para, acto seguido, botar man da "manipulación" e "minimizar a cástrofe".

Se aceptasen a investigación, defende a portavoz nacional da formación soberanista, ficaría acreditado que "o maior problema ambiental que ten Galiza" non é produto da "mala sorte", senón "o resultado de décadas de abandono do rural e dunha política forestal fracasada". Servirían as pescudas tamén, cre, para "aprender da crise e que non se repitan" e ao tempo, defende, para que veciñanza como a de aldea ardida de San Vicente de Leira (Vilamartín) puidese "dicir á cara" dos líderes do PP que os "deixaron sós" e "non había medios para loitar contra os incendios", resaltou ilustrando a lembranza cunha información publicada en Praza.gal o pasado agosto.

A aldea de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras), arrasada polo lume o pasado agosto © Pedro Armestre - Greenpeace

Queda así desbotada definitivamente unha comisión de investigación que, atendendo á petición formal rexistrada polo BNG, tería que analizar "as medidas de carácter preventivo e de ordenación e xestión do territorio que non foron desenvolvidas ao longo dos últimos anos" ou "a situación dos medios de extinción, as súas "carencias" e "erros" ou a "falta de transparencia e información fiábel sobre a vaga de lumes por parte do goberno e dos medios de comunicación públicos". 

A iniciativa defendida por Pontón  apostaba, asemade, por trazar "actuacións que se deberán levar a cabo no futuro a partir de experiencias anteriores e desta vaga de lumes". O obxectivo, indicaba, sería "desenvolver cambios estruturais no ordenación do territorio, no desenvolvemento rural, na ordenación e xestión multifuncional do monte, na protección dos bens públicos e privados e das vidas humanas; no modelo de emerxencias e extinción de incendios para facelo máis operativo e eficaz diante do novo tipo de lumes agravados por un contexto climático adverso".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.