Rueda acusa unha compañía eléctrica de causar un incendio en Padrón de 373 hectáreas

Vista desde Santiago do incendio declarado en Padrón o 12 de xuño que queimou 373 hectáreas CC-BY-SA Praza Pública

O presidente anuncia que a Xunta reclamará á empresa 1,6 millóns de euros como "responsable desta neglixencia" e lembra a obriga dos propietarios de limpar as parcelas

O pasado 12 de xuño comezou en Padrón, na parroquia de Herbón, un incendio que requiriu dun importante despregue de medios terrestres e aéreos pola proximidade do lume a vivendas. Acabou consumindo 373,21 hectáreas, segundo as cifras oficiais da Xunta, e agora esta quere que o custo da extinción sexa asumido por unha compañía eléctrica á que atribúe a responsabilidade, segundo verbalizou este martes o propio presidente Rueda.

Tras a primeira reunión do seu Goberno logo das vacacións de verán, Rueda amosou a súa satisfacción porque este ano, aínda que segue activo o período de risco, o balance de hectáreas queimadas en incendios forestais é "mellor que o ano pasado e que outros anos". Na súa intervención o presidente lembrou a obriga dos propietarios de terreos de mantelos limpos coa advertencia de que se lles poden esixir responsabilidades en caso de incendio. E nesa liña, avanzou a intención do seu Goberno de facelo así cunha empresa eléctrica cuxo nome non concretou. Posteriormente, o Goberno galego divulgou un comunicado no que si identificou a empresa como "UFC Distribución Electricidad, SA (do grupo Naturgy)".

Rueda di que "hai varios informes que indican" que a orixe do incendio "está na non limpeza dunha empresa eléctrica que tiña que ter rozado os terreos próximos ás súas liñas"

Segundo Rueda, no caso do incendio de Padrón iniciado o 12 de xuño "hai varios informes que indican" que a súa orixe "está na non limpeza dunha empresa eléctrica que tiña que ter rozado os terreos próximos ás súas liñas". "Hai ademais varias denuncias previas de axentes ambientais da Xunta sobre esta situación", engadiu, polo que dixo que o Goberno galego vai "reclamar case 1,6 millóns de euros polos danos, prexízos e gastos de extinción á compañía eléctrica responsable desta neglixencia que orixinou o incendio de Padrón". Segundo o desglose da Xunta, 884.000 euros foron os gastos de extinción e 700.000 euros os "danos e perdas por destrución de arborado en montes veciñais con contrato coa Xunta".

O incendio de Padrón iniciado o 12 de xuño visto desde Santiago CC-BY-SA Praza Pública

O presidente lembrou que, máis alá desta "actuación concreta", os propietarios "teñen esta obriga" de limpar as faixas secundarias mentres que "a obriga da Xunta é ser contundente con este tipo de neglixencias". Porén, Rueda non aclarou se a Xunta vai reclamar á empresa como responsable dalgún tipo de avaría na súa liña que fose a causa inicial do incendio, se o fará pola non limpeza da faixa de seguridade que puido contribuír á extensión do incendio, ou se o fará polas dúas cousas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.