Adif non limpou correctamente as marxes da vía entre Santiago e Ourense e permitiu que un tren seguise circulando malia ser coñecedora do mal estado dos seus freos, que soltaban faíscas e que non foran comprobados por Renfe
O 29 de xuño de 2015, sobre as 15.30 horas, as faíscas que soltaban as rodas dun tren de mercadorías que circulaba pola liña Santiago-Ourense provocaron un incendio forestal en Boborás con catro focos ao longo das vías. Obrigou á intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME), puxo en risco varias casas das que houbo que desaloxar os seus ocupantes e non se deu por extinguido ata día e medio máis tarde, tras queimar 180 hectáreas.
Sete anos máis tarde a Audiencia Nacional vén de condenar a Adif e Renfe, as empresas públicas responsables das vías e dos trens, respectivamente, a indemnizar á comunidade de montes de Costas de Xurenzás con preto de 69.000 euros polos danos causados. A sentenza considera probado o “nexo causal entre as actuacións de Adif e Renfe e o incendio producido, o que dá lugar á responsabilidade solidaria de ambas respecto dos danos producidos”. Adif, constata a sentenza, non limpou correctamente as marxes da vía entre Santiago e Ourense e permitiu que o tren circulase malia ser coñecedora do mal estado dos seus freos, que soltaban faíscas e que non foran comprobados por Renfe.
A sentenza da Audiencia Nacional condenando a Adif e Renfe chega despois de que a comunidade de montes afectada reclamase unha indemnización a Adif e Renfe por 108.000 euros. As empresas públicas non contestaron e obrigaron á comunidade a recorrer á xustiza, na que nun primeiro momento un xulgado central do contencioso-administrativo desestimou a súa petición co argumento de que Adif limpara as marxes da vía dous meses antes e que os vagóns que provocaron o incendio non eran de Renfe senón doutra empresa e que ela só os transportaba.
Porén, a Audiencia Nacional invalida esa sentenza por considerar que non estivo correctamente motivada e vulnerou o dereito á tutela xudicial da comunidade de montes. O tribunal considera acreditado que “a causa do incendio foron as faíscas e restos metálicos que se desprenderon do tren, ao atoparse os freos en mal estado, e caer nos restos de materia orgánica existentes xunto á vía”.
A Audiencia Nacional di de Adif que a ela correspondía “o adecuado mantemento dos terreos veciños das vías férreas”. A partir desa premisa, a sentenza dá conta dun informe de investigación das causas do lume elaborado pola Xunta que sinala a existencia nos laterais da vía de restos das podas realizadas dous meses antes por Adif. A empresa pública rozara a zona, pero deixou alí os restos “que foron os que facilitaron e permitiron o incendio ao caer sobre os mesmos as partículas procedentes dos freos dos vagóns”.
A sentenza di que Adif rozara as marxes da vía pero deixara alí os restos “que foron os que facilitaron" o incendio, e que malia ser coñecedora de que saía fume dun vagón "permitiu a continuación da viaxe en lugar de deter o tren"
O tribunal tamén salienta que un informe de Renfe recolle o parte de incidencias do maquinista, no que se indica que o posto de mando comunicáralle que ao paso do tren por Padrón “un axente vira saír fume do primeiro vagón, efectuando unha parada onde comprobou que o freo ía amarrado” e as zapatas rozaban coas rodas. A sentenza conclúe que “dito parte pon de manifesto que se puxo en coñecemento do posto de mando a aparición de fume e que o freo dun vagón ía amarrado, e permitiuse a continuación da viaxe en lugar de proceder a deter o tren na estación de Lalín, aumentando o risco de que se producira o incendio, o que finalmente se produciu, sendo imputable a falta de dilixencia na detención do tren a Adif”.
Renfe aceptou transportar os vagóns doutra empresa sen comprobar o estado no que se atopaban, o que para o tribunal a fai tamén responsable
Por outra banda, a sentenza sinala que os vagóns, que saíran do porto de Marín, eran propiedade da empresa VTG Rail España SL e que Renfe puxera á súa disposición a locomotora. Pero salienta que “aínda cando Renfe non sexa o propietario dos vagóns, á hora de aceptalos para o seu transporte debeu efectuar un control sobre o estado dos vagóns, comprobando o adecuado mantemento dos mesmos, e o estado no que se atopaban”, algo que para o tribunal non consta que fixese. Por iso, aprecia “unha falta da dilixencia esixida, que a fai responsable dos danos ocasionados”, sen prexuízo, engade, “de que en virtude das relacións internas co propietario dos vagóns poida repetir contra el”.
Finalmente a sentenza analiza a contía reclamada pola comunidade de montes prexudicada, e fronte á súa reclamación de 108.000 euros conclúe que o que debe recibir son preto de 69.000 euros.