Vinte anos da vaga de incendios de 2006: o lume que nos levou ao futuro

Incendio en Pontecaldelas en agosto de 2006 e imaxe satelital de Galicia durante a vaga daquel ano CC-BY-NC-SA Fotos: Andrés Rodríguez / Axencia Espacial Europea / Montaxe: Praza.gal

Hai agora dúas décadas, en agosto de 2006, unha devastadora vaga de incendios arrasou Galicia, sobre todo as provincias atlánticas da Coruña e Pontevedra. En menos de 15 días, entre o 3 e o 15 dese mes, uns 2.000 fogos —case 40 deles de grandes proporcións— queimaron 77.000 hectáreas segundo os datos da Xunta, unha cifra que o Estado elevou a máis de 86.000 e o CSIC a 92.000. 

Hai dúas décadas, unha vaga de incendios arrasou 77.000 hectáreas en menos de 15 días; morreron catro persoas nun episodio que aumentou o impacto social do lume

O lume daqueles días de agosto provocou a morte de catro persoas e o balance final daquel 2006 remataría con máis de 95.000 hectáreas ardidas, converténdose no peor ano dende o catastrófico 1989 e o de maior impacto do século ata a histórica vaga do pasado ano. Supuxo, ademais, un primeiro aviso do lume que viña: máis perigoso, incontrolable e voraz, con grandes extensións arrasadas en moi poucos días, tal e como acontecería logo tantas veces, especialmente en 2017 e 2025. Unha vaga, no entanto, con datos detallados e sen as restricións que aplica agora a Xunta, que impiden coñecer canto, cando e onde está a arder o monte exactamente

A vaga de hai 20 anos tornouse, tamén, nun campo de batalla política e partidaria no que era o primeiro ano do goberno de coalición entre PSdeG e BNG á fronte da Xunta. "Con nós non morría xente e con vostedes xa van catro", espetoulle Núñez Feijóo ao conselleiro do Medio Rural, daquela Alfredo Suárez Canal, semanas despois do lume, nunha frase lembrada ao nivel da polémica foto do daquela líder da oposición en Galicia: en zapatos náuticos e cunha mangueira doméstica, simulando apagar as lapas nun monte xa arrasado. 

Entre os argumentos de Feijóo para, por exemplo, esixir destituír o "calcinado" conselleiro figuraba que non ardera tanto dende 1989: "Lle pido o que eu faría se estivese no seu lugar; teríamos que cesar o conselleiro directamente responsable do maior desastre ecolóxico dos últimos 16 anos", resumira quen despois foi presidente da Xunta durante 13 anos. 

Cos incendios de 2006, Feijóo despregou por primeira vez a súa faceta máis dura contra o goberno de PSdeG e BNG: "Con nós non morría xente e con vostedes xa van catro"

Naquel ano final da década dos 80 arderan máis de 198.000 hectáreas. O desastre forestal golpeara os montes e tamén o Goberno galego da época, o desbordado Executivo tripartito liderado polo socialista Fernando González Laxe, que dera en verse impotente mentres o lume servía de argumento preelectoral na carreira do ex-ministro franquista Manuel Fraga para tentar lograr a Xunta no seu primeiro intento en decembro daquel ano.

Aquela cifra de case 200.000 hectáreas ardidas nun ano non foi aínda superada tendo en conta os rexistros oficiais, pero os incendios de 2006 —moitos en poucos días, cada vez máis achegados a núcleos de poboación ou estradas importantes, con consecuencias fatais e difundidos socialmente a través de diferentes medios— fixeron albiscar un novo tipo de lume e aumentaron o seu impacto social. 

As lapas serviran a Feijóo, daquela líder da oposición en Galicia, e ao seu equipo —liderado no gabinete asesor por Mar Sánchez Sierra e no organigrama do PP por Alfonso Rueda— para despregar por primeira vez a súa faceta máis dura contra o goberno de PSdeG e BNG. Mesmo amentando os mortos, dos que culpou o executivo de coalición. 

Ao pouco da volta do PP ao poder na Xunta en 2009, e con Feijóo como presidente, dous brigadistas faleceron nos traballos de extinción en Fornelos de Montes en agosto de 2010. Varios anos despois, o TSXG condenou o Goberno galego por aqueles falecementos, obrigou a indemnizar as familias e subliñou que no sucedido fora clave a excesiva tardanza do vehículo motobomba en chegar ao lugar. 

A tese terrorista

En 2017, unha gran vaga de lume queimou case 50.000 hectáreas en menos de tres días. Naqueles incendios, que mudaron a forma de mirar o lume e advertiron do que chegaba, morreron catro persoas. Os restos dun furacán, a seca extrema e a acumulación de combustible vexetal facilitaron unhas condicións idóneas para unhas lapas voraces e moi rápidas. Nesta altura, a xustiza investiga a orixe do grande incendio de Oímbra do pasado ano, no que a Fiscalía ve "erros evidentes" de Xunta e Concello

Aos poucos días, a Xunta gastou 77.000 euros en contratos menores para que unha ducia de xornais impresos, a páxina completa, publicasen unha declaración institucional de Alberto Núñez Feijóo sobre os incendios forestais e o chamado "terrorismo incendiario". Un informe posterior da Fiscalía desbotou a tese terrorista, ao igual que os estudos impulsados polo Parlamento ou informes da policía autonómica. 

Imaxes satelitais de Galicia en dous días de agosto de 2006, durante a vaga de incendios © Axencia Espacial Europea

Esa tese fora defendida pola dereita desde os 80, pero tamén por parte do goberno bipartito cando a vaga de 2006. Aínda que nin o presidente Touriño nin o conselleiro Suárez Canal se sumaron abertamente a esta tese —ao seren cuestionados ao respecto limitáronse a animar a investigar a súa eventual existencia—, cargos das súas formacións si deron a "trama" como real e, días antes da manifestación do PP, a plataforma Nunca Máis percorrera as rúas de Santiago clamando contra o "terrorismo incendiario". 

Un informe da Fiscalía de 2006 deixara en evidencia a tese do terrorismo incendiario, como sucedería logo noutras vagas

O informe da Fiscalía de 2006 deixou en evidencia aquelas suposicións, como sucedería noutras vagas posteriormente: non houbo probas de tramas ou de terrorismo incendiario nin se puido comprobar que se pretendese causar alarma social. Como se destacaba, o número de incendios foi semellante ao doutros anos, coa diferenza de que houbo "condicións climatolóxicas extremas" que non se deron noutros períodos, alén de posibles erros nos dispositivos de extinción ou na prevención. 

O impacto do cambio climático provoca que esas condicións extremas se repitan cada vez con maior frecuencia. Condicións favorables que se "durante moito tempo", como advirten os expertos. Así aconteceu na vaga de lume de agosto, a peor que se lembra en Galicia, con algúns dos maiores incendios da historia. Aínda que agora abondan menos focos para queimar máis

Unha devastadora vaga que deixou tras de si cifras nunca vistas: catro fogos superiores ás 20.000 hectáreas, un deles próximo ás 40.000, para un mes con 144.000 hectáreas perdidas nun balance anual de máis de 148.000, segundo as medicións dos satélites Sentinel 2 do programa europeo Copernicus, que a Xunta rebaixou a unhas 120.000.

As restricións informativas sobre os incendios aplícanse desde 2009; en 2006, co bipartito, a Xunta informaba con partes diarios do lugar exacto e a superficie de todos os focos

As cifras, que bailan, reflicten o impacto do lume, que é evidente nos grandes incendios, con quilómetros de perímetro, pero que vai alén do que informa a Xunta, que non informa daqueles focos de menos de 20 hectáreas a non ser que afecten a áreas protexidas. Un cambio que si é evidente respecto daquela vaga de 2006 da que agora fai dúas décadas. 

A actual política de restrincións informativas sobre os incendios forestais é aplicada dende o ano 2009. Cando o PP regresou á Xunta puxo fin ao modelo instaurado pola Consellería do Medio Rural do goberno de coalición de PSdeG e BNG. Naquela etapa, baixo a dirección do ex-conselleiro Alfredo Suárez Canal, o departamento autonómico informaba os medios de comunicación e a cidadanía en xeral de todos os incendios forestais con partes diarios que detallaban o lugar exacto do foco e a superficie atinxida, entroutros datos. 

Incendio en Pontecaldelas en agosto de 2006 CC-BY-NC-SA Pablo Ferreira

En plena vaga de lume forestal do verán de 2025, a conselleira de Medio Rural admitiu nunha entrevista que ata ese momento, o 18 de agosto, o Goberno galego rexistrara 492 incendios. Pero a Xunta só divulgara ata ese momento información sobre 45.

Praza.gal liberou os datos de todos os incendios de 2025, uns 1.500 que inclúen os arredor de 1.300 dos que a Xunta non informou mentres sucedían

Diante desas declaracións, Praza.gal formulou unha petición oficial ao abeiro da Lei de Transparencia para coñecer o detalle de todos os incendios ata, logo da negativa da Xunta e dun recurso, lograr liberar os datos, co detalle dos 447 incendios ocultados previamente pola Xunta naqueles 18 días de agosto.

Unha vez concluído o ano 2025, e ante a falta de datos anuais e de detalles relevantes, nos primeiros días de 2026 Praza.gal formulou unha segunda petición de transparencia para obter o detalle de todos os incendios rexistrados en Galicia durante todo o ano anterior. Datos que foron atos que agora liberados.

Cada vez máis destrutivos

Foron, segundo o cómputo técnico de Medio Rural para 2025, un total de 1.475 incendios nos que arderon 118.763 hectáreas, 111.000 delas en dezaoito grandes incendios forestais, consideración que acada formalmente un foco cando supera as 500 hectáreas. Como viñan sinalando múltiplas alertas expertas: moitos menos incendios que décadas atrás, pero moito máis destrutivos.

Esa cifra de máis de 1.500 incendios contrasta con que, durante 2025, a Xunta informase en comunicados oficiais ou nas súas redes sociais sobre apenas un centenar. Os ocultados, daquela, roldan os 1.300. Esa ocultación responde á política informativa aplicada polo PP dende o seu retorno á Xunta en 2009. A gran diferenza entre as vagas sufridas nos últimos anos e aquela de hai 20 anos. A gravidade do lume, as súas consecuencias e o agravamento polas condicións climáticas albiscábanse xa daquela. Cumpríronse, por desgraza. A transparencia informativa tamén foi a peor. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.