A Fiscalía aprecia "evidentes erros de coordinación e mando" por parte da Xunta e do Concello que provocaron que se realizasen rozas nas estradas de Oímbra malia o risco extremo de lume que acabaron provocando o segundo maior incendio da historia de Galicia, con máis de 22.000 hectáreas queimadas e feridas graves en tres mozos brigadistas.
A Fiscalía aprecia "evidentes erros de coordinación e mando" por parte da Xunta e do Concello que provocaron que se realizasen rozas con risco extremo de lume
O ministerio público detecta importantes eivas e erros nas ordes e decisións levadas a cabo polas administracións e Seaga (empresa pública dependente da Consellería de Medio Rural) que acabaron influíndo para que a chispa provocada por un dos tractores que traballaba nestes labores provocase un devastador incendio.
O único imputado na causa que investiga a praza número 1 do Tribunal de Instancia de Verín é o operario da empresa subcontratada pola Xunta para as rozas nas cunetas, pero a Fiscalía considera que as acusacións contra el deben ser sobresidas, abrindo tamén a posibilidade de que se aclaren as responsabilidades que tiveron as diferentes administracións pola vía civil.
O ministerio fiscal pide exculpar o tractorista imputado porque seguía "ordes de traballo" e nunca fora alertado dunha "prohibición expresa" de rozar
No escrito enviado polo ministerio fiscal á xuíza que instrúe o caso —e ao que tivo acceso Praza.gal— advírtese de "evidentes erros de coordinación e mando entre Xunta, Seaga e o Concello de Oímbra nas ordes dadas ao traballador e as prohibicións existentes para facer determinados traballos nesa situación climatolóxica", con moita calor, refachos de vento que favorecían os incendios e a súa expansión e con risco extremo de incendio, "como establece o IRDI (Índice de Risco Diario de Incendio)".
A Fiscalía lembra que o operario seguía "ordes de traballo" como empregado dunha empresa adxudicataria da Xunta e que non levaba a cabo ningún labor particular, ademais de recordar que o sumario xa aclarou que nunca fora alertado dunha "prohibición expresa" de rozar.
Tratou de extinguir o lume
Ademais, lembra que o imputado axudou logo, "na medida do posible, a tratar de extinguir o incendio cos escasos medios que tiña ante tal magnitude e ata a chegada dos servizos de auxilio".
Non pode, di o escrito, imputárselle "unha maior responsabilidade por cumprir o traballo" e "sen que conste que fose notificado ou avisado dalgún xeito dunha prohibición expresa para realizar traballos de roza que, segundo os atestados, sería polos que se iniciou o incendio".
Considera así o fiscal que o acusado cometese un delito de incendio forestal imprudente, ao limitarse a cumprir co seu traballo, polo que reclama o sobresemento provisional das acusacións. Agora, as responsabilidades que poidan ter Xunta e Concello polas súas decisións terían que dirimirse pola vía civil, ao seren persoas xurídicas que non poden cometer ese delito de incendio imprudente.
O condutor do tractor foi o único acusado neste caso, pero a ampla investigación xudicial xa advertira do caos e descoordinación que provocou que non se suspendesen uns traballos que non se podían realizar e que acabaron por provocar o incendio o 12 de agosto do pasado ano.
Atendendo ás diferentes pescudas incluídas no sumario, Seaga (empresa pública dependente da Consellería de Medio Rural) ordenou parar as rozas o 30 de xullo pero non se enviou un correo ao Concello ata o 3 de agosto, mentres que a alcaldesa di que nunca tiveron constancia da prohibición. No entanto, a rexedora recoñecería que no día que prendeu o lume realizábanse rozas no concello. Ademais, un correo da propia Seaga daba directrices para esa xornada sobre os labores a realizar.