O 12 agosto de 2025 declarouse en Oímbra un incendio que acabou sendo o segundo maior documentado na historia de Galicia. Máis de 22.000 hectáreas calcinadas, aldeas arrasadas e tres mozos brigadistas feridos. Un deles, de só 18 anos anos, non puido abandonar o hospital ata tres meses despois, con graves secuelas para toda a vida.
Unha roza dunha empresa que traballaba para Xunta e Concello en día de risco extremo de lume, prohibida por unha orde que nunca chegou onde debía, acabou provocando o segundo maior incendio documentado en Galicia. A Xustiza aínda investiga quen mandou aquel traballo
Como informou Praza.gal, as circunstancias en torno a ese incendio seguen baixo pescuda xudicial nun proceso no que o único acusado é o condutor dun tractor que traballaba rozando cunetas, isto é realizando unha retirada mecánica de vexetación precisamente para previr o lume pero que, segundo a investigación, acabou provocándoo accidentalmente. Era empregado dunha empresa contratada para facer rozas por Seaga (Servizo Agrario Galego), sociedade pública da Xunta, mais tamén polo Concello de Oímbra, e rozaba malia que estaba prohibido dende días antes por risco extremo de incendio. Pero unha arañeira de descoordinación ou desleixo fixo que a orde nunca chegase onde debía.
Con este pano de fondo, e mentres a Xunta -que evita aclarar quen ordenou a roza de Oímbra- se limita a remitirse ao desenvolvemento do proceso xudicial, a Consellería do Medio Rural vén de emitir unha orde para "regular a utilización de maquinaria durante a época de perigo alto" de incendios -do 1 de xullo ao 30 de setembro- "nos supostos de risco de incendio forestal moi alto ou extremo". É dicir, en supostos coma o de Oímbra.
O Goberno galego admite que o uso de maquinaria agrícola e forestal "está a motivar un aumento do número de incendios"
Indica a Consellería que, segundo a normativa contra incendios actualizada polo Estado en 2025, cando o risco de incendio sexa moi alto ou extremo rexen "prohibicións e limitacións" entre as que figura "a utilización de maquinaria e equipamentos nos montes e nas áreas rurais situadas nunha franxa de 400 metros arredor daqueles, cuxo funcionamento xere deflagración, chispas ou descargas eléctricas". Existe a excepción de que, no caso galego, a Xunta "autorice expresamente o seu uso ou resulten necesarios para a extinción de incendios", cita.
Apoiándose nesa directriz e no propio plan contra incendios da Xunta para 2026, o Pladiga, Medio Rural argumenta que "moitos dos traballos realizados tanto pola maquinaria agrícola como forestal se teñen que levar a cabo necesariamente nesta época do ano" se ben, admite, "o uso de maquinaria" neles "está a motivar un aumento do número de incendios asociados a esta causa, especialmente naquelas franxas horarias de maior intensidade de radiación solar".
Ao tempo, xustifica, "non resulta viable a emisión de autorizacións expresas de xeito individual, pola carga administrativa que suporía para a cidadanía e a propia Administración". O que di o Pladiga é, precisamente, que cando o índice de risco de incendio "sexa de nivel moi alto ou extremo", o uso desta maquinaria nesas circunstancias e límites territoriais "queda sometida á autorización expresa da Consellería do Medio Rural"
Medio Rural argumenta que "non resulta viable" autorizar cada uso de maquinaria no monte cando o risco de incendio sexa moi alto ou extremo e dá en cumprir esa obriga lanzando un permiso xeral condicionado, para labores entre mediodía e as 6 da tarde, a medidas de prevención adicionais como ter 400 litros auga para un posible lume
Desta maneira, a norma agora ditada autoriza "a realización de traballos e actividades de carácter preventivo, silvícola ou agrícola que requiran o emprego de maquinaria agrícola ou forestal dentro dos terreos forestais e das súas zonas de influencia" seguindo as recomendacións do plan vixente de incendios nesa época de perigo alto e en días de risco moi alto ou extremo. E os que se fagan entre as 12 da mañá e as seis da tarde terán que seguir certos requisitos.
Esas normas consisten, esencialmente, en ter un mínimo de medios persoais e materiais para abordar un posible incendio. Así, Medio Rural ordena que exista "unha persoa en funcións de auxiliar, cuxa función será a detección temperá de posibles conatos de incendio e a notificación inmediata aos servizos de emerxencia a través das liñas telefónicas 085 ou 112 ou da aplicación móbil Alume",
Ademais, agrega, durante os labores con maquinaria no monte deberá existir "un vehículo equipado cun depósito de auga cunha capacidade mínima de 400 litros, dous batelumes, un extintor de escuma con base de auga dunha capacidade non inferior a 6 quilogramos e unha mochila extintora cunha capacidade mínima de 15 litros". Cumprir estas medidas, conclúe, "non exime das responsabilidades que poidan derivar" se os traballos acaban provocando un incendio.