No que vai de 2026 os incendios comunicados pola Xunta suman unhas 1.700 hectáreas nunha ducia de focos, pero é imposible afirmar que fosen os únicos
No que vai de 2026 levan ardido nos montes galegos unhas 1.700 hectáreas nunha ducia de incendios forestais. Case a metade nun só, en Ponteareas, onde en apenas vinte e catro horas ardeu a principios de abril unha superficie de 750 hectáreas, o primeiro grande incendio do ano -consideración técnica dos que superan as 500 hectáreas- nun contexto de altas temperaturas e forte vento.
Nesta primeira quincena de xuño oficialmente existen tres incendios. O meirande, o declarado o pasado día 12 en Padrón, que no momento da redacción desta información permanecía controlado tras queimar unhas 350 hectáreas. Un día despois, o 13 de xuño, declarouse outro en Boborás, xa extinguido cunha afectación de 277 hectáreas. En Roupar (Xermade), un foco dunhas 35 hectáreas quedou tamén extinguido o pasado xoves.
Como adoito, é imposible asegurar que estes sexan os únicos incendios acontecidos no conxunto de Galicia no que vai de ano. Son só os comunicados oficialmente pola Consellería do Medio Rural, que por décimo oitavo ano consecutivo aplica a política informativa do Goberno galego que, a priori, implica non informar dos que non superen as 20 hectáreas se non atinxen a espazos naturais protexidos ou zonas habitadas.
O pasado 2025 os incendios non comunicados mentres sucedían foron uns 1.300
Esta peneira de opacidade permitiu nos últimos días, por exemplo, deixar fóra do radar público pequenos focos de lume en localidades coma O Irixo, Mondariz, Valga, O Saviñao, Meis, Friol ou Sober. Incendios de escasa dimensión e causas diversas —varios deles, por exemplo, a causa de treboadas eléctricas, segundo constatacións de persoal especializado ou fontes presenciais— que, non obstante requiren da intervención de medios públicos contra incendios.
Esta opacidade foi a que durante o pasado 2025, no que Galicia sufriu varios dos peores incendios forestais documentados na súa historia -o peor superou as 33.000 hectáreas-, a Xunta ocultase á opinión pública xeral mentres sucedían uns 1.300 dos, en cifras redondas, 1.500 incendios que aconteceron. Durante a destrutiva vaga de incendios de agosto foron ocultados uns 20 incendios ao día. A información completa, dos exactamente 1.475 incendios rexistrados por Medio Rural, foi publicada o pasado abril por Praza.gal tras lograr obter todos os datos ao abeiro da lei de transparencia.
Unha aplicación e intelixencia artificial
O mantemento da restrición informativa implantada tras o regreso do PP á Xunta -durante o mandato do Goberno de coalición PSdeG-BNG Medio Rural informou, con diferentes formatos, de todos os incendios que rexistraba- contrasta con dúas ferramentas presentadas esta mesma semana pola Consellería orientadas, precisamente, a mellorar a información sobre a presenza de lume nos montes.
A nova aplicación ALume está deseñada para que a cidadanía poida alertar de incendios e achegar xeolocalización, fotografías ou audios. Este e outros avances nos datos sobre o lume contrastan coa información pública incompleta, pechada e escasamente sistemática
Unha delas é a aplicación móbil ALume, "deseñada para que a cidadanía poida alertar dun xeito áxil e sinxelo de incendios forestais e favorecer a detección temperá", segundo salientou a conselleira, María José Gómez, nunha presentación para medios xunto ao director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco. Xa dispoñible para dispositivos Android e iOS, permite alertar dun incendio a través da propia aplicación compartindo a xeolocalización, anexando imaxes e audios ou chamando a través dela ao 085.
Nesa mesma presentación Gómez e Francisco salientaron que o plan contra incendios deste ano "incorpora outras novidades tecnolóxicas de grande importancia", como o uso de "intelixencia artificial no sistema interno de xestión de incendios". Serve, din, para "crear de xeito automático unha alerta de incendio cando se detecta fume a través das cámaras da rede de videovixilancia sen necesidade de que avise a un profesional do servizo ou houbese unha alerta cidadá". O modelo, din, xa foi adestrado co devandito incendio de Padrón.
A estas ferramentas engádese o novo Sistema de Propagación de Incendios de Galicia (Spigal), un "simulador da propagación de grandes incendios forestais" co que, asegura o Goberno galego, será posible anticipar "cal vai ser o seu comportamento" mediante a "integración de datos en tempo real". Permitirá, anticipa o Executivo, "ofrecer en 30 minutos unha simulación de cal vai ser a evolución do lume nas seguintes 12 horas
Estes avances tecnolóxicos e a constatación de que a Xunta manexa abondosos datos en tempo real conviven non só coa devandita ocultación de incendios. Tamén coa difusión escasamente sistemática e os formatos pechados da información que Medio Rural si divulga, baseada na combinación de actualizacións do perfil incendios085 na rede social X con comunicados de prensa que dificulta obter unha imaxe xeral non só aos medios de comunicación ou forzas políticas da oposición, senón tamén á cidadanía en xeral.