Rueda cre ter "o mellor" sistema de extinción "do mundo" e insinúa que Pontón quere máis lumes para debilitalo

Incendio declarado en Boborás © @BrifLaza

A portavoz do BNG pide unha "moratoria indefinida" do eucalipto e máis axudas ás granxas para "un rural vivo" mentres o presidente insiste en que a prevención "é tarefa de todos"

Aínda a mediados de xuño e con xa máis de 600 hectáreas queimadas nos últimos días nos incendios declarados en Padrón e Boborás, a nova tempada de lumes foi protagonista este mércores na sesión de control á Xunta no Parlamento. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, previra falar da cuestión antes dos últimos incendios, pero a actualidade levou a que o seu debate con Rueda fose especialmente duro, reprochándose mutuamente que, na oposición, tanto PP como BNG desexan moitos incendios para debilitar ao contrincante.

O presidente Rueda diríxindose a Ana Pontón na sesión de control deste mércores 17 de xuño de 2026 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Pontón iniciou a súa intervención con propostas de mellora como un "novo modelo forestal" cunha "moratoria indefinida" do eucalipto, un fondo plurianual de axudas aos concellos ou máis axudas ás explotacións gandeiras para que "un rural vivo" sexa "a mellor medida contra os lumes". Porén, lamentou os "17 anos de fracaso na loita contra o lume" coa Xunta do PP. 

Na súa primeira réplica Rueda asegurou que Galicia ten "un dos mellores servizos de extinción do mundo, se non o mellor". E insinuou que o BNG desexa que haxa moitos incendios para debilitar o seu Goberno. "Non sei se vostede ten un dilema, que todo sexa un desastre para dicir que vostede xa o dixo e que todo se facía mal", lanzou o presidente. 

Pontón durante a sesión de control deste mércores CC-BY-SA BNG

Pontón defendeuse da crítica de Rueda de interese partidista nos lumes dicindo que co bipartito o PP foi a "única forza que traballou para que todo fose mal"

Esas foron "insinuacións que os descualifican", segundo lle respondeu Pontón, para quen "pensa o ladrón que todos son da súa condición". E nesa liña a nacionalista lembrou a actuación do PP durante o goberno de coalición de PSdeG e BNG entre 2005 e 2009. Foi, dixo, a "única forza que traballou para que todo fose mal".

Na súa intervención final Rueda insistiu nas súas críticas ao BNG, ao que acusou de "populismo incendiario". E como broche da confrontación o presidente rematou pedindo "unidade". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.