Preto de 4.000 hectáreas arderon en 40 incendios este ano, á espera da chuvia

Brigadistas traballando pola noite no lume da parroquia de Randín, en Calvos de Randín. CC-BY-SA ATBrif

Se as previsións meteorolóxicas se cumpren, a chuvia chegará nas vindeiras horas a boa parte de Galicia e, xunto coa baixada das temperaturas axudará a reducir os risco de  incendios forestais que nos últimos días están a arrasar centos de hectáreas

Se as previsións meteorolóxicas se cumpren, a chuvia chegará nas vindeiras horas a boa parte de Galicia e, xunto coa baixada das temperaturas, permitirá acabar cos incendios forestais que nos últimos días están a arrasar centos de hectáreas. 

No que vai de ano a superficie ardida ascende a preto de 4.000 hectáreas en 42 incendios, segundo a información oficial da Consellería de Medio Rural, que por norma xeral só detalla os incendios de máis de 20 hectáreas ou que atinxan a espazos habitados ou áreas naturais protexidas.

Incendio en Quiroga, na parroqua de Pacios da Serra CC-BY-SA ATBrif

A Xunta deu por controlado o domingo o lume en Calvos de Randín, activo desde o pasado xoves e que levou por diante 520 hectáreas

A Xunta informou este sábado de que deu por “estabilizado” o lume en Calvos de Randín, activo desde o pasado xoves e que levou por diante 520 hectáreas, que o fai ascender á categoría de gran incendio forestal. Neste lume, que pasou a "controlado o domingo", foi necesario declarar a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de As Meaus, no concello limítrofe de Baltar, unha situación operativa de emerxencia xa desactivada o venres, 25 de setembro. Para a extinción do incendio mobilizáronse, polo de agora, de xeito acumulado,7 técnicos, 43 axentes, 47 brigadas, 29 motobombas, 5 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 11 avións. 

Axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) están traballando sobre o terreo e utilizando drons, entre outros medios tecnolóxicos, para as inspeccións e a análise dos indicios, co fin de esclarecer a orixe do incendio. As actuacións inclúen a revisión dos posibles puntos de inicio, o estudo de imaxes dispoñibles e o reforzo da presenza dos equipos de investigación, tamén con finalidade disuasoria e de vixilancia.

Segundo informou a Xunta a investigación examina as distintas hipóteses sobre a orixe do lume mediante inspeccións oculares dos posibles puntos de inicio, para identificar datos de interese co obxectivo de trasladar á autoridade xudicial os achados pertinentes polos procedementos establecidos.

O maior incendio rexistrado este ano tivo lugar na parroquia de Ribadetea, en Ponteareas, que calcinou 750 hectáreas no pasado mes de abril

Este incendio na parroquia de Randín figura entre os de maior superficie dos que houbo este ano, por diante do de Quiroga, na parroquia de Pacios de Serra, con algo máis de 460 hectáreas ardidas. A Xunta deu por estabilizado este lume o día 17 –comezara o 15- pero aínda non informou sobre a súa extinción. O maior incendio rexistrado este ano tivo lugar na parroquia de Ribadetea, en Ponteareas, que calcinou 750 hectáreas no pasado mes de abril.

A Consellería do Medio Rural tamén informou de que o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Manzaneda, parroquia de Reigada, está controlado desde as 17,04 horas do venres, 25 de setembro. O lume iniciouse ás 01,15 horas do propio venres e aínda que as primeiras estimacións falaban de 20 hectáreas de superficie, finalmente a Xunta rebaixa a afección áa 13,82 hectáreas, das cales 13,52 corresponden a monte raso e as 0,3 restantes a arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, en conxunto, 8 axentes, 14 brigadas, 10 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros, indican.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.