Nos seus anos como presidente Feijóo puxo o foco no "terrorismo incendiario" cunha firmeza e recursos que contrasta coa actitude actual dos populares ao abordar o cambio climático como clave no agravamento do incendios forestais
O 16 de outubro de 2017 o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareceu na sede central do Goberno galego para realizar unha declaración institucional. Tras unha noite que virara inferno en moitos puntos do país, Feijóo puña o foco no "terrorismo incendiario" como principal explicación para unha vaga de incendios que acabaría arrasando unhas 50.000 hectáreas, a maioría en apenas dous días en que catro persoas morreran como efecto dunhas lapas a cuxo agravamento contribúe unha crise climática cuxo efectos os populares dan agora en, cando menos, relativizar cos incendios de Madrid e Castela como pano de fondo.
Ao día seguinte, o 17 de outubro de 2017, unha ducia de xornais impresos publicaban cadanseus anuncios a páxina completa nos que o Goberno galego reproducía o discurso de Feijóo centrado no "terrorismo" -as insercións ascenderan a 77.000 euros-. O actual líder estatal do PP incidía desta maneira na tese que el mesmo ridiculizara abertamente unha década atrás cando, acabado de chegar ao liderado do PP galego, se mofaba do Goberno de PSdeG e BNG por falar de "terrorismo incendiario" ao abordar as 70.000 hectáreas que arderan nos montes galegos no verán de 2006.
A tese do "terrorismo incendiario" aínda foi recuperada por Feijóo hai apenas un ano, xa como principal responsable estatal do PP. Foi ao carón do presidente Rueda, mentres ardían os que acabarían sendo os maiores incendios documentados na historia de Galicia no verán máis destrutivo para o monte galego, precisamente, dende 2006 (118.763 hectáreas ardidas durante 2025 segundo os datos oficiais da propia Xunta, 111.000 delas en dezaoito grandes incendios forestais, a maioría durante a crise de agosto). A primeira pescuda científica sobre o acontecido xa achou vencellos directos entre o acontecido e a crise climática, como viñan sinalando múltiplas advertencias científicas nos anos previos.
A tese terrorista foi esgrimida por Feijóo tamén durante a vaga de lume padecida por Galicia hai apenas un ano, na que as primeiras pescudas científicas xa acharon vencellos directos coa emerxencia climática
As investigacións técnicas e xudiciais acreditaron ao longo dos anos a existencia de persoas concretas que prenderon lume ao monte con motivacións diversas. Iso é tan certo como que naquel 2017 e nos anos sucesivos nin a Unidade de Policía Adscrita á Xunta -coa análise dos incendios entre as súas funcións-, nin a Fiscalía nin o Parlamento con maioría absoluta do propio PP deron sustentado unha tese terrorista que os propios plans contra incendios que a Xunta aproba cada ano (o Pladiga) nin sequera mencionan mentres si aluden á causas como a política forestal ou a propiedade da terra e a condicións climáticas como factores de agravamento.
"En anos de investigación, nunca atopamos esa famosa trama incendiaria" resumía, en entrevista con Praza.gal, o daquela fiscal delegado de Medio Ambiente en Galicia, Álvaro García Ortiz, ao ser cuestionado ao respecto durante a vaga de 2017. Aquelas consideracións foron unha das raíces da animadversión do PP cara á súa persoa.
"Dicir que o cambio climático é a única causa dos incendios leva a moitas teorías e poucas prácticas", sostén Rueda
De volta en 2026, este mesmo luns foron varios os responsables do PP cuestionados sobre a influencia da crise climática nos graves incendios que afectan a varios puntos do Estado. Un deles foi o presidente Rueda, que se ben non negou o cambio climático, si cargou contra Pedro Sánchez por pedir un "pacto de Estado" para afrontalo. "Dicir que o cambio climático é a única causa dos incendios leva a moitas teorías e poucas prácticas", sinalou Rueda malia que o presidente do Goberno de España non dixo tal.
Nun sentido semellante, con maior ou menor virulencia, pronunciáronse outros dirixentes conservadores. Dende Feijóo, que ao ser preguntado especificamente polo cambio climático durante unha visita á zona afectada polo lume dixo non estar disposto a "facer ningún tipo de declaración de contido político". Poucos días antes, a respecto dos incendios que mataron 13 persoas en Almería, si cargara contra "determinadas leis restritivas que ás veces non facilitan a roza" do monte.