O presidente galego critica que Sánchez "propón pactos de Estado que en nada avanzan" e salienta os traballos de limpeza dos montes impulsados pola Xunta
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi preguntado este luns, tras a reunión semanal do seu Goberno, se cre que hai relación entre o cambio climático e os incendios e se ese cambio climático é natural ou froito da actividade humana. Na súa resposta Rueda non negou o cambio climático pero cargou contra o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, por pedir un pacto de Estado que lle faga fronte, que o PP vén minimizando. Segundo o presidente galego, "dicir que o cambio climático é a única causa dos incendios leva a moitas teorías e poucas prácticas", malia que Sánchez non dixo que fose a única causa.
Rueda comezou a súa resposta dicindo que "as causas dos incendios son múltiples, pero por suposto eu non nego, estamos vendo estes incendios de quinta xeración, que son auténticas explosións". "Todos os expertos coinciden no mesmo, antes non sucedía", engadiu o presidente galego, para quen "estas temperaturas tan altas que non viamos hai uns anos en Galicia inflúen sen dúbida".
Pero Rueda aproveitou a pregunta para, sen negar o cambio climático, relativizalo no debate político. "O debate das causas está ben, pero ás veces cando se teoriza moito non se dedica tanto tempo a actuar concretamente", dixo, salientando os traballos de limpeza e ordenación do monte que acomete a Xunta.
Rueda rematou sentenciando que "dicir que esa é a única causa leva a moitas teorías e poucas prácticas" e lamentou que Sánchez "propón pactos de Estado que en nada avanzan".