Sánchez sinala en Valdeorras os incendios como "evidencia" do "letal" cambio climático

Pedro Sánchez, cunha veciña do Barco afectada polos incendios, este 19 de xullo en presenza do presidente da Xunta e do alcalde do concello ourensán © Pool Moncloa / Fernando Calvo

O impacto da crise climática na virulencia dos incendios forestais viña sendo sinalada dende hai anos por múltiples voces expertas, que alertaban de que este problema global agravaría o efecto do lume xuntándose coas características e problemas propios de Galicia. Ao contrario que noutras ocasións, a cuestión climática si está presente nos últimos días nas reaccións políticas á actual vaga de incendios, que segundo os datos actualizados pola Consellería do Medio Rural a primeiras horas deste 20 de xullo xa se achega ás 24.000 hectáreas ardidas.

O presidente do Goberno de España insta a que as políticas ambientais "transcendan lexislaturas e Administracións"

Así sucedeu tamén durante a visita deste mércores do presidente do Goberno de España a zonas afectadas polo lume en Valdeorras. Pedro Sánchez, que advirte de que os prognósticos meteorolóxicos obrigan a afirmar que "aínda quedan días difíciles", sinala a actual onda de lume como unha "evidencia" de que "a emerxencia climática que vive o planeta é un feito" e resulta "letal" tanto en termos de "vidas humanas" como "en termos de biodiversidade", e tamén "sociais e económicos".

Comparecencia de Sánchez, Rueda e do alcalde do Barco, Alfredo García, xunto con outros representantes institucionais que visitaron a zona afectada polos incendios, este 19 de xullo © Pool Moncloa / Fernando Calvo

Coida o titular do Executivo central que o vivido estes días debera ser motivo dabondo para "facer das políticas ambientais políticas de Estado, que transcendan lexislaturas e Administracións". Non en van, esgrime, as hectáreas que van ardidas en todo o territorio estatal no que vai de ano (xa máis de 70.000) practicamente duplican "a media da última década". É por iso que "imos estar á altura na resposta ao desafío climático", dixo tras agradecer "aos servidores públicos" o seu traballo nos labores de extinción e protección das vilas afectadas, en ocasións mesmo "xogando a vida".

Rueda atribúe a vaga de incendios a un contexto meteorolóxico "absolutamente inédito" e, fronte ás críticas pola demora na constitución de brigadas municipais, reitera que a Xunta ten activa a "totalidade do operativo" de extinción

Sánchez estivo acompañado na visita polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que agradeceu a presenza do titular do Executivo central. Horas antes visitara o Centro de Coordinación Central de Incendios, en Santiago. Alí puxo o foco en que a "prioridade absoluta" dos últimos días foi "protexer as persoas" e, malia "entender o desacougo que supón ser desaloxado da casa", dixo, "ningún ben material é máis valioso ca unha vida".

O titular da Xunta encadra esta vaga de incendios nun contexto meteorolóxico "absolutamente excepcional e inédito". Así o confirman, asegura, "expertos en meteoroloxía" consultados polo propio Goberno galego, que "cualificaron de descoñecida" a "situación". Reitera ademais Rueda que a "totalidade do operativo" dependente da Xunta foi despregado, se ben continúan a agromar as críticas pola demora na constitución das brigadas municipais, dependentes en boa medida de convenios co Goberno galego.

Ana Pontón, reunida con responsables do dispositivo de extinción de incendios na sede do distrito forestal XIII Valdeorras-Trives, este 19 de xullo no Barco CC-BY-NC-SA BNG

Fronte a estas consideracións do presidente da Xunta e do PPdeG, a dirección do seu partido a nivel estatal recuperou este martes boa parte do argumentario empregado polo seu antecesor, Alberto Núñez Feijóo, ante vagas de incendios anteriores. Así, a cúpula do partido que agora encabeza o propio Feijóo fala de que "na maioría dos casos" os incendios se producen porque "hai xente" cunha "clarísima intencionalidade" que "os provoca" e por iso pide "deter os pirómanos, os incendiarios" e "endurecer de maneira notable as penas".

Pontón avoga por facer desta vaga "un punto de inflexión"

A líder do BNG avoga por "outro modelo forestal" e "medidas estruturais" de prevención e loita contra o despoboamento: "O que estamos a vivir vaise agravar co cambio climático"

Horas antes da visita de Sánchez a Valdeorras tamén se desprazou a dúas das contornas máis afectadas polo lume a portavoz nacional do BNG. Ana Pontón, que se reuniu no Barco con responsables do dispositivo de extinción e na Pobra do Brollón visitou veciñanza desaloxada a causa do lume, avoga por facer desta vaga "un punto de inflexión" que "dea paso" a "medidas de carácter estrutural" que aborden dende a "limpeza e ordenación do monte" a "outro modelo forestal". "Porque todo o que se está a vivir neste momento vaise agravar co cambio climático", advirte.

"Non se pode mirar cara a outro lado", defende Pontón, quen coida que "non podemos convivir no futuro" co "actual modelo forestal". "Sabemos que os incendios se apagan no inverno, con medidas de prevención, con ordenación do territorio e poñendo freo ao despoboamento", exemplifica.

A respecto deste primeiro momento, a líder soberanista evidencia que "a prioridade é apagar o lume" e para iso cómpre "mobilizar todos os medios necesarios", se ben "hai que ir pensando no día despois". Neste sentido, coida Pontón que cómpre aprobar a antiga "declaración de zona catastrófica" -a actual figura de zona gravemente afectada por emerxencia de protección civil- para facilitar "que haxa axudas, recursos e se poñan todos os medios necesarios para a recuperación destas terras, en moitos casos con alto valor ambiental", así como asistir as persoas que perderon as súas vivendas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.