Dous cargos da empresa foron xulgados por non limpar a vexetación xunto a unha liña eléctrica que provocou un incendio en 2016 en Ribas de Sil, pero a xustiza absólveos logo de que outro compañeiro declarase que non tiñan esa competencia
O 18 de xullo de 2016 o contacto de árbores cunha liña eléctrica propiedade de Adif provocou un incendio forestal en Ribas de Sil no que resultaron feridos cinco brigadistas, un deles de gravidade. Unha xuíza vén de sentenciar que houbo unha “neglixencia grave” por parte da empresa pública xestora da rede ferroviaria “por unha falta de control e adecuada xestión” da vexetación existente a carón da liña de alta tensión.
Porén, malia constatar a existencia dun delito, a xustiza non foi quen de atopar os responsables concretos do mesmo. Dous cargos da empresa pública foron xulgados por estes feitos pero veñen de ser absoltos logo de que outros compañeiros declarasen que eles non tiñan competencias sobre o mantemento das liñas eléctricas e a xestión da biomasa.
Segundo a sentenza emitida con data do pasado 19 de abril pola xuíza do Penal número 1 de Lugo, está probado que a primeira hora da tarde do 18 de xullo de 2016 comezou en Ribas de Sil un incendio polo “contacto das pólas das árbores existentes (biomasa sen xestionar) debaixo da liña eléctrica cos cables de alta tensión”. A xuíza considera que houbo “unha neglixencia grave no mantemento da liña de alta tensión titularidade de Adif, por unha falta de control e adecuada xestión da biomasa existente”.
A xuíza constatou o incumprimento por parte de Adif por non limpar a vexetación pero tivo que absolver os dous cargos acusados ante a imposibilidade de atribuírlles a responsabilidade directa que esixe a xurisdición penal para unha condena
O incendio foi extinguido a primeira hora da noite dese mesmo día tras afectar a apenas 24 hectáreas, pero no seu comezo, nunha zona de moi difícil acceso, atrapou unha brigada de extinción. Cinco brigadistas resultaron feridos, un deles de gravidade, e a Xunta cuantificou en 48.000 euros o custo de extinción do lume.
A dificultade de acceso ao punto de inicio do lume foi precisamente o que levou á Garda Civil a descartar que o incendio fose provocado. Os peritos confirmaron que o lume produciuse por simple contacto da vexetación coa liña eléctrica, sen que se tivese que producir ningún curtocircuíto nin incidencias nos cables. E a xuíza constatou que a falta de limpeza na zona “supón un incumprimento da normativa existente e constitúe unha neglixencia grave no mantemento da liña de alta tensión titularidade de Adif”. Uns feitos probados que, di a sentenza, “son constitutivos dun delito de incendio imprudente”, con “pena agravada para o caso de que existise perigo para a vida ou a integridade das persoas”.
A Fiscalía levou a xuízo por estes feitos a dous cargos de Adif, un “Xefe de coordinación de investimentos na Subdirección de operacións Noroeste, sita en León, da Dirección de mantemento e explotación da rede convencional Norte” e un “Técnico de electrificación na Xefatura de área de mantemento de Ourense” da mesma Subdirección Noroeste. Pero outro cargo de Adif, o xefe de recursos humanos da zona Noroeste, declarou que ningún dos dous tiña responsabilidades en mantemento de liñas de alta tensión nin en xestión de vexetación nas súas inmediacións.
Así que a xuíza conclúe que houbo delito pero que ningún dos dous acusados tivo responsabilidades nos feitos e absólveos.
A imposibilidade de determinar a responsabilidade dentro de Adif lembra as queixas formuladas polo xuíz instrutor, a Audiencia da Coruña e acusacións durante o proceso polo accidente de Angrois
A imposibilidade da xustiza de determinar que persoa dentro da estrutura de Adif era responsable do mantemento da liña eléctrica lembra as queixas formuladas polo xuíz instrutor e a Audiencia da Coruña durante a investigación do accidente de Angrois. Nese proceso deixaron por escrito as dificultades que lles estaban a supoñer a “descentralización, especialización e fragmentación de funcións e de tarefas” da empresa pública.
Unha fragmentación de competencias e complexidade da súa estrutura empresarial que diversas acusacións do xuízo de Angrois atribúen a un intento de dificultar precisamente a individualización de responsabilidades ante un xuízo penal.