Máis do 40% da poboación española vive en territorios con servizos sociais "débiles" ou "irrelevantes", incluídos os cidadáns de Galicia, que ocupa o posto número 11 na clasificación das comunidades no desenvolvemento do seu sistema público e é unha das sete que suspenden, aínda que por pouco, cun resultado de 4,98, a pouco dun aprobado que non consegue desde 2022.
O informe destaca a debilidade do sistema público de servizos sociais en Galicia e a cobertura "reducida" malia un pequeno avance
Así o debulla o Índice DEC (Dereitos, Economía e Cobertura) 2025 da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, que destaca que o sistema público de servizos sociais "mellorou lixeiramente a súa relevancia económica", pero que esta segue a ser "débil". Ademais, constata que a "cobertura efectiva" de prestacións e servizos tamén foi a máis pero aínda foi "reducida" en relación cos anteriores informes.
O estudo destaca que o conxunto de administracións en Galicia aumentaron un 4,1% o seu gasto en servizos sociais, pero que este segue a estar por baixo da media do Estado (558,5 euros por habitante fronte a 575,1), aínda que si é superior en canto á relación co PIB, ao supoñer un 1,85%, dez décimas por riba da estatal, e un chisco por baixo en canto ao que supón do orzamento total público: o 10%.
As administracións en Galicia aumentaron un 4,1% o gasto en servizos sociais, que aínda está por baixo da media estatal
Tamén aclara que o peso do financiamento local sobre o total do gasto en servizos sociais en Galicia é inferior á media de España, xa que supón o 21,2% fronte ao 25,8%, polo que a achega da administración autonómica é superior á media estatal (78,8% fronte ao 74,2%).
A investigación destaca o sistema de servizos sociais públicos en Galicia no que ten que ver coa atención á dependencia, os centros de día para maiores (cunha cobertura do 2,5% fronte ao 2,2% estatal) ou nos acollementos familiares para menores.
Galicia suspende no número de profesionais, en prazas residenciais para maiores, no servizo de axuda a domicilio e na acollida de vítimas de violencia de xénero e de persoas sen fogar
Pola contra, Galicia atópase por debaixo da media do Estado en varios aspectos importantes. Na dotación de profesionais da súa rede básica de servizos sociais conta cun profesional por cada 2.064 habitantes fronte a un por cada 1.363 no Estado.
Ademais, en canto ás rendas mínimas de inserción, en Galicia só as percibe o 4,9% da súa poboación baixo o limiar da pobreza, fronte ao 6,2% estatal, mentres que a contía destas rendas é inferior tamén á media: o 9,3% da renda media fronte ao 14,5% que alcanza na media do conxunto de comunidades autónomas.
Tamén suspende Galicia en prazas residenciais para persoas maiores (menos do 5% de cobertura sobre maiores de 75 anos); servizo de axuda a domicilio (8,8% fronte ao 12% estatal e con menos horas mensuais); servizo de teleasistencia (só cubrindo o 10% desta poboación) ou servizos para persoas con discapacidade.
"Dereitos de papel"
Alén disto, o informe tamén destaca a escaseza de prazas de acollidas para vítimas de violencia de xénero e de aloxamento para persoas sen fogar.
Como conclusión, o estudo indica que Galicia ten "dereitos de papel": un sistema "ben ordenado" pero unha relevancia económica "débil" e unha "cobertura reducida de prestacións e servizos". "Nestes dous eixes, os servizos sociais de Galicia seguen a mostrar unha escasa evolución", remata.