Galicia, doutra volta á cola no investimento por persoa dependente: 500 euros menos que a media

Fabiola García, conselleira de Política Social, nunha visita a unha residencia de maiores CC-BY-SA Xunta

Como adoitan reflectir as cifras nos últimos anos, Galicia sitúase entre as comunidades autónomas que menos achegan ao sistema de dependencia e que menos invisten nas persoas afectadas. É o territorio con menos investimento por persoa potencialmente dependente, segundo os datos de 2025. E xa o fora tamén en 2024. 

A achega da Xunta de Galicia á dependencia sitúase no 67,1%, dous puntos máis que en 2024, pero só por riba de La Rioja, Castilla y León e Andalucía

Esta é unha das principais conclusións que se tiran dos datos sobre o financiamento da dependencia recompilados pola Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais, que aínda non foron feitos públicos polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030. 

Segundo o estudo, a Xunta de Galicia achegou un 67,1% (dous puntos máis que en 2024) do financiamento ao sistema de dependencia fronte ao 72,6% de media no conxunto das autonomías. Só por riba de La Rioja (59,8%), Castilla y León (63,3%) e Andalucía (66%) e cunha porcentaxe que queda moi lonxe do 85,3% de Euskadi, do 81,4% de Navarra ou do 81,3% das Illes Balears. 

Tal e como detalla o informe, o Estado achegou un 32,9% do financiamento do sistema en Galicia, dous puntos menos que en 2024

A achega do Estado á dependencia medrou moito na última década, pero en Galicia supón un terzo do total e está lonxe aínda do 50% que marca a lei

A nivel global, a achega estatal é do 27,4%, 3.758 millóns dun total de 13.734 millóns de euros de investimentos público. Pola súa banda, as autonomías puxeron, como media, o 72,6% e case 10.000 millóns de euros. A achega autonómica foi un 6,5% maior que en 2024, mentres que a estatal medrou un 8%. 

Con todo, a entidade que elabora o estudo reclama que o Estado "aumente o financiamento en polo menos 1.000 millóns cada ano para que se reduzan as listas de espera e se incrementen a contía das prestacións e as intensidades dos servizos, ademais de permitir compatibilidades". 

O ideal que nunca sucedeu

O investimento do Executivo central en dependencia supón triplicar os 1.200 millóns de hai unha década, cando os recortes do goberno de Mariano Rajoy deixaron en mínimos esta achega. No entanto, segue estando lonxe do que fixa a lei, que establece que se reparta a carga económica deste dereito á dependencia e que a autonomía poña, como mínimo, tanto como o Estado. Un ideal, o da repartición ao 50%, que nunca sucedeu. 

Sexa como for, e segundo os datos da Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais, Galicia sitúase á cola entre as comunidades autónomas tendo en conta o investimento en dependencia por persoa potencialmente dependente, é dicir, aquelas que por idade, enfermidade ou discapacidade sofren perda de autonomía na súa vida diaria. 

Son 1.490 euros por persoa potencialmente dependente os que achega a Xunta, uns 500 euros menos dos máis de 2.000 euros de media do Estado ou os 3.102 euros de Euskadi e os 2.757 de Extremadura. 

Galicia é a autonomía que menos inviste por persoa potencialmente dependente: 1.490 euros fronte aos máis de 2.000 de media estatal ou os 3.100 de Euskadi

En canto ao gasto anual medio por persoa dependente atendida, a media estatal é de 8.417 euros, dos que a Administración Xeral do Estado achegou 2.306 en concepto de nivel mínimo de protección e as comunidades autónomas 6.111. No caso de Galicia, o gasto ao ano sitúase nos 7.900 euros, 500 euros por baixo da media e só por riba de cinco territorios. 

Ademais, e se temos en conta o investimento por habitante, Galicia tampouco sae moi ben parada dos datos. A cifra elévase aos 270,3 euros, lonxe dos 280,5 euros de media no Estado e só por riba das Canarias, Murcia, Catalunya, Madrid, Aragón e Illes Balears.

Por último, o informe publicado este luns advirte que neste 2026 oito comunidades autónomas van ver reducidas as cantidades que o Estado achegará ao financiamento da dependencia por teren incumprido os obxectivos de mellor da atención en relación ao emprego, as listas de espera e a calidade dos servizos. Serán Catalunya, Comunitat Valenciana, Asutrias, Estremadura, La Rijoa, Cantabira, Aragón e a Comunidad de Madrid. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.