O activista ferrolán foi denunciado pola Garda Civil por unha serie de publicacións nas redes sociais que denuncian as políticas do Estado israelí e o xenocidio en Palestina
Unha ampla manifestación de solidariedade con Bruno Lopes Teixeiro percorreu este domingo as rúas de Ferrol baixo o lema "antisionismo non é antisemitismo". A finais de 2024 este activista ferrolterrán foi denunciado pola Garda Civil por un presunto delito de odio en base a unha serie de publicacións nas redes sociais críticas co Estado de Israel e o xenocidio que está a practicar en Palestina. O vindeiro 10 de marzo Lopes terá que declarar no xulgado de instrución número 1 de Ferrol por mensaxes como "Nem um só dia sem desejar a destruçom do Estado sionista".
Este domingo persoas procedentes de toda Galicia achegáronse a Ferrol convocadas polo Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes nunha que partiu dende a praza Amada García e rematou na Praza de Armas, ante a sede do Concello. Ao remate da marcha interveu o propio Bruno Lopes, que despois de agradecer a "solidariedade e apoio" recibido por un gran número de colectivos, cualificou a denuncia como unha "montaxe policial" que se enmarca "nunha política contra quen dá voz á causa da Palestina e se atreve a denunciar as políticas de exterminio que Netanyahu está a levar adiante na Gaza ocupada".
A causa foi inicialmente arquivada polo Xulgado de Instrución número 1 de Ferrol, co argumento de que "unha cousa é a relixión xudía e as persoas que a profesan, e outra cousa é o Estado de Israel e a súa confrontación co pobo palestino", pero a Audiencia Provincial revogou a decisión
A causa foi inicialmente arquivada polo Xulgado de Instrución número 1 de Ferrol, co argumento de que "unha cousa é a relixión xudía e as persoas que a profesan, e outra cousa é o Estado de Israel e a súa confrontación co pobo palestino", como afirmaba o propio ditame xudicial, pero a Audiencia Provincial revogou a decisión, obrigando a abrila novamente.
O propio Lopes criticou hai uns días en rolda de prensa que se misture de maneira deliberada conceptos como o antisionismo e o antisemitismo, “pretendendo pasar por odio contra os pobos semitas o que non é outra cousa que a crítica lexítima a unha ideoloxía supremacista e racista que dá sustento ao xenocidio na Palestina”. Outros tribunais, como o que xulgou un hosteleiro vigués acusado doutro presunto delito de odio, subliñaron igualmente que a crítica lexítima contra Israel non é antisemitismo".
O vindeiro 10 de marzo Lopes terá que declarar no xulgado de instrución número 1 de Ferrol por mensaxes como "Nem um só dia sem desejar a destruçom do Estado sionista"
Entidades como Mar de Lumes alertan de que "esta denuncia é feita de oficio, sen denuncia previa de ningún particular ou entidade, o que evidencia que, nun escenario de xenocidio, o Estado español pon as súas forzas policiais a monitorar perfís persoais de activistas e militantes que se opoñen precisamente a ese xenocidio”. De igual xeito, para a CIG, a denuncia constitúe "un ataque á liberdade de expresión e un intento de criminalizar a solidariedade perseguindo as voces discrepantes co imperialismo, que se manifestan contra os ataques a soberanía e autodeterminación dos pobos".
Nas últimas semanas Bruno Lopes recibiu na cidade naval o apoio de BNG e Ferrol en Común.
Lopes lembra tamén que “hai multas, sancións e xuízos abertos contra activistas que participaron nas protestas contra a participación do equipo Israel Primer Tech en La Vuelta, así como persoas que foron detidas pola Policía Nacional despois de manifestacións populares antisionistas”
Tanto na rolda de prensa que serviu para difundir a convocatoria da manifestación como na propia marcha Bruno Lopes lembrou que a denuncia presentada contra el non é a única, senón que “hai multas, sancións e xuízos abertos contra activistas que participaron nas protestas contra a participación do equipo ciclista Israel Primer Tech en La Vuelta, así como persoas que foron detidas pola Policía Nacional despois de manifestacións populares antisionistas”. Todo isto, "un marco de criminalización da causa palestina que noutros estados europeos está xa a vetar mobilizacións sociais, como na Alemaña, ou onde accións por Palestina están a ser xulgadas baixo lexislación antiterrorista, como acontece no Reino Unido".