O exército israelí capturou na mañá deste luns cando menos unha ducia de barcos, entre eles o Holy Blue, cun tripulante galego, secuestrado polos militares. Trátase de Duarte Ferrín Iglesias, Edi, de Bouzas (Vigo)
Embarcacións militares israelís interceptaron na mañá deste luns en augas internacionais varios do barcos da Global Sumud Flotilla que viaxa en dirección a Gaza. A abordaxe, como sucedeu hai unhas semanas entre Italia e Grecia, produciuse en augas internacionais, a unhas 250 millas da costa de Palestina, nunha zona de rescate correspodente a Chipre.
Neste momento son 12 os barcos interceptados, entre eles o Holy Blue, que conta cun tripulante galego, Duarte Ferrín Iglesias, Edi, de Bouzas (Vigo), que foi secuestrado polos militares israelís, segundo informa a delegación galega.
"O réxime israelí continúa demostrando un desprezo sistemático polo dereito marítimo internacional, a liberdade de navegación en alta mar e a Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar", denuncia a organización da Flotilla.
Neste momento están a convocarse concentracións de repulsa varias cidades e vilas galegas para este luns e para mañá martes
Neste momento están a convocarse concentracións de repulsa varias cidades e vilas galegas para este luns e para mañá martes. De momento, as convocatorias confirmadas son as seguintes:
- 18 de maio. Redondela 20:00 diante do Concello
- 19 de maio. Ferrol. Praza de Armas 19:00
- 19 de maio. Vigo. Oliveira, Paseo de Alfonso. 20:00
- 19 de maio. Santiago. Praza do Toural. 20:00
- 19 de maio. Pontevedra. Praza da Peregrina. 20:00
- 19 de maio. Betanzos. Praza Irmáns García Naveira 20:30
- 19 de maio. Lalín. Praza da Igrexa. 21:00
Desde a delegación galega confirman contactos con representacións políticas en Galicia, no Congreso e Senado e no Parlamento Europeo "para denunciar o asalto e secuestro de civís en augas internacionais e exixir a súa inmediata liberación".
A abordaxe produciuse a 250 millas da costa de Gaza e polo tanto en augas internacionais, nunha zona de rescate correspodente a Chipre
Na Flotilla viaxan outros sete galegos e galegas. Entre eles e elas, Amaia Pérez-Izaguirre Urquizu, sanitaria; Sandra Garrido, avogada e activista que xa formou parte da Flotilla no 2025; Alberte Pagán, cineasta e documentalista galego que participou na Marcha a Gaza por terra no 2025; e Xurxo Porritt Lueiro, enfermeiro xubilado, ex-portavoz da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública no Condado e membro de O Condado con Palestina.
A Flotilla partiu a finais de abril de Sicilia, pero unha semana máis tarde foi interceptada en augas internacionais a 650 millas de Palestina, entre Italia e Grecia. Unha vintena de barcos foi capturada e as tropas israelís detiveron ilegalmente unhas 180 persoas, algunhas delas trasladadas a cárceres en Israel. A Flotilla reorganizouse e o pasado xoves partiu de novo dende Marmaris (Turquia), reforzada con máis barcos, un total de 54, e tripulantes, retomando o seu obxectivo inicial de rachar o bloqueo ao que Israel somete á poboación de Gaza.
A interceptación naval da flotilla ocorre en paralelo co bloqueo en terra, onde o Global Sumud Convoi de Terra composto por máis de 30 vehículos, que inclúen sete ambulancias especializadas e vinte casas móbiles, foi obrigado a deterse preto de Sirte (Libia)
A interceptación naval da flotilla ocorre en paralelo co bloqueo en terra, onde o Global Sumud Convoi de Terra composto por máis de 30 vehículos, que inclúen sete ambulancias especializadas e vinte casas móbiles, foi obrigado a deterse preto de Sirte (Libia). "As autoridades do leste de Libia, actuando baixo presión política directa de Exipto, despregaron forzas militares para bloquear a ruta humanitaria terrestre cara a Rafah", indica a organización.
O ataque e o bloqueo "deixa claro que o asedio ilegal a Gaza se expandiu para constituír unha arquitectura global de violencia, ocupación e ampla impunidade. Isto representa unha proxección extraterritorial da doutrina do 'Gran Israel', despregando unha influencia sobre monicreques políticos e unha forza militar que atravesa fronteiras soberanas internacionais para esmagar o apoio da sociedade civil a Palestina", denuncia.