A segunda sesión da mesa de contratación da Consellería de Presidencia encargada de mercar este equipamento para a unidade de Policía adscrita ao Goberno galego confirma que o "representante oficial en España dos principais fabricantes israelís de material policial e militar" cumpre os requisitos para seguir adiante no proceso
A Consellería da Presidencia segue adiante cos trámites para contratar a compra de 250 chalecos "antibalas, anticoitelo e antipunzón" para a unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta, a coñecida como policía autonómica. E, tras a segunda xuntanza oficial da mesa de contratación, fica confirmado que o xigante militar israelí Guardian Homeland Security competirá con outras dúas empresas por fornecer este equipamento ao Goberno galego.
A subdirectora xeral de Contratación e Coordinación de Fondos Europeos, María Carmen Arnoso, asinou este pasado día 23 de xuño na súa calidade de presidenta da devandita mesa de contratación a acta na que dá conta de que, para comezar, puideron confirmar que unha das tres empresas presentadas, a catalá Usis Guirao, presentou a documentación que faltaba, polo que pode competir. Constatou, asemade, que tanto Guardian Homeland Security como Dotación y Equipamiento enviaron ao Goberno galego as mostras dos seus chalecos no prazo requirido.
Tanto a compañía israelí como a catalá completaron o proceso e a súa documentación dáse por "presentada e accesible". Non obstante, agora é Dotación y Equipamiento a que debe achegar documentos pendentes. Entre eles, un certificado de laboratorio que demostre a composición da funda do chaleco, o compromiso de constituír un seguro de responsabilidade civil dun mínimo de 3 millóns.
E esta empresa gaña o concurso, o contrato rozaría o terreo acoutado polo Goberno de España no decreto de medidas contra o xenocidio en Gaza
É neste punto no que fica polo momento o proceso. Se Dotación y Equipamiento presenta os papeis en tempo, serán tres as aspirantes. Se non, a mesa de contratación terá que seleccionar entre Guardian e Usis aplicando os criterios definidos nas condicións do contrato.
Se a gañadora é Guardian Homeland Security, a Policía adscrita á Xunta estaría equipada polo autopresentado como "representante oficial en España dos principais fabricantes israelís de material policial e militar". Alén das connotacións políticas ou mesmo éticas das relacións comerciais con esta compañía no actual contexto internacional, o contrato rozaría o terreo acoutado dende finais de 2025 polo Goberno de España no Real Decreto "de medidas urxentes contra o xenocidio en Gaza e de apoio á poboación palestina".
Como informou Civio, un dos preceptos desa norma prohibe importar de Israel material de defensa que inclúe chalecos. E, segundo Guardian, os seus "produtos de protección balística" son "made in Israel". Caberían matices, como aclarar se os materiais fornecidos están almacenados en territorio español antes da entrada en vigor da norma por parte dunha empresa que foi "fundada por antigos membros dos servizos especiais de seguridade do Estado de Israel" e cuxa matriz, Guardian LTD Israel, está presidida polo tenente xeneral retirado das forzas armadas israelís Yom Tov Samia, segundo consta no seu catálogo de produtos 26-27 para España.