Educación remite as ANPAs a peticións por lei de transparencia para coñeceren datos dos seus propios colexios

Manifestación de ANPAs lucenses ante o edificio administrativo da Xunta en Lugo para esixir máis recursos en diversos centros educativos, o pasado setembro CC-BY-NC-SA CIG Ensino

CIG Ensino considera unha "censura intolerable" que a Xefatura de Inspección da provincia de Lugo prohiba ás direccións dos centros facilitar información como número de estudantes ou unidades de cada centro ás asociacións de nais e pais que a solicitan

"Censura intolerábel". É o que, a xuízo da CIG-Ensino, pretende impoñer a Consellería de Educación ás asociacións de nais e pais (ANPAs). É a conclusión do sindicato maioritario entre o profesorado do ensino público tras coñecer a circular que, a través do correo electrónico, remitiu a Xefatura de Inspección Educativa de Lugo aos centros para, en síntese, prohibir que a representación das familias dos colexios poida acceder directamente a datos como o número de estudantes ou unidades de cada un.

No seu lugar, advirten, as direccións deben limitarse a instar as ANPAs a formular á consellería unha solicitude de información ao abeiro da lei de transparencia, vía ordinaria da cidadanía para pedir ao Goberno galego os datos que manexa en calquera ámbito. A inspección educativa xustifica a súa inspección porque, di na circular, tivo coñecemento "de que algunhas direccións de centros" están a recibir "peticións da ANPA para que lle faciliten datos do número de alumnado total do centro, unidades" ou cifras de estudantado con necesidades especiais ou de apoio educativo, entre outras. 

Familias do colexio Castro de Ouro, en Alfoz, manifestándose para reclamar máis recursos no centro CC-BY-NC-SA Fapacel

"Este tipo de datos -di o comunicado- debe tramitarse a través dunha solicitude de información pública" ao abeiro das leis galega e estatal de transparencia, neste caso dirixida á secretaría xeral da Consellería. "No caso de recibir este tipo de peticións", advirte, os centros débense limitar a transmitir esta indicación e, como moito, facilitar o formulario correspondente. Pero "o centro educativo non debe facilitar estes datos", subliña, aínda que algúns deles -caso do número de unidades- están dispoñibles mesmo no Diario Oficial de Galicia.

Tras as protestas de varias ANPAs da provincia lucense, CIG Ensino considera que considerar "que unha ANPA non ten dereito a acceder á información sobre a situación do centro no que actúa como tal" ten especial "gravidade", toda vez que a Inspección "parece esquecer que as nais e pais forman parte do Consello Escolar". Asemade, sinalan, "malamente se pode loitar polo futuro dun centro se a quen quere defendelo se lle nega a información que permite demostrar cales son as necesidades que ten".

Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, na presentación da mobilización convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público para o 26 de outubro CC-BY-NC-SA CIG Ensino

Esta prohibición, agregan, implica tratar as asociacións de nais e pais como a calquera persoa "allea" aos colexios. Se cadra, coidan, o que procura a Xunta é "demorar o máximo posible a información por esta vía", dado que a Administración ten ata un mes para responder ás solicitudes, ou mesmo "non facelo", dado que o Goberno galego está a dispara o silencio administrativo como resposta a peticións de transparencia, chegando a un 25% do total.

A Plataforma Galega na Defensa do Ensino Público chama a manifestarse "contra os recortes" nos centros educativos o vindeiro 26 de outubro en Santiago

Neste contexto, o sindicato reclama ao departamento que dirixe Román Rodríguez a aclarar se "este correo foi produto dunha iniciativa" da Dirección Territorial da consellería na provincia de Lugo ou unha directriz xeral do Executivo. En todo caso, resaltan, cómpre ter en conta que "as indicacións contidas nese correo non teñen rango nin valor normativo" e nese contexto "animan a a todas as direccións a colaborar activamente coas ANPAs e as organizacións sindicais para, coa información necesaria, poder atender as demandas da comunidade educativa e facer fronte ao muro de silencio que nos queren impoñer".

A saída á luz desta indicación da inspección educativa chega despois de que a propia CIG Ensino fixese pública unha relación de 120 centros de Infantil e Primaria "que trasladaron, ben a través da dirección ou de profesorado do centro, incidencias de falta de persoal no comezo de curso". Tamén se produce mentres a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que fai parte a central sindical, chama a participar nunha manifestación "contra os recortes" o vindeiro 26 de outubro en Santiago.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.