O rural berrará forte contra os recortes en educación e que afectan gravemente ás súas poboacions e aos seus pequenos. A Coordinadora Galega de Anpas do Rural, recentemente constituída, convoca unha protesta este mércores 12 en Compostela, coincidindo coa apertura do curso en Infantil e Primaria, na que lembrarán que os graves axustes da Xunta “inciden directamente no deterioro da calidade da educación, afectando en maior medida aos centros educativos do rural”.
"Os recortes inciden directamente no deterioro da calidade da educación, afectando en maior medida aos colexios do rural”
A coordinadora, constituída por anpas das provincias de Lugo e Ourense, protesta así “contra a decisión da Consellería de Educación de suprimir unidades e eliminar profesorado nos colexios do rural”, o que pon en precaria situación tanto ao rural como a educación dos máis cativos. Os actos de protesta comezarán ás 11.30 co recibimento ás anpas da montaña luguesa que estiveron a realizar o Camiño de Santiago por etapas para protestar contra os recortes. Xa ás 12, os concentrados marcharán dende o Obradoiro até San Caetano xunto coas diversas organizacións sociais e sindicais que apoian a manifestación.
Será no edificio administrativo onde lean un comunicado de protesta e onde levarán a cabo un “acto sorpresa” no que lle fará ver aos responsables de Educación “que a educación, en tempos de crise, non se pode ver recortada”.
As familias reclaman un especial tratamento da educación no rural para evitar a súa desaparición
As familias que forman parte de diversas poboacións do interior galego reclaman que todos os rapaces “teñan dereito a recibir na súa escolarización a atención de todos e cada un dos especialistas correspondentes en cada un dos ámbitos ou materias”, así como que os agrupamentos, de realizárense, “se fagan sempre atendendo ás características e necesidades do alumnado e non tan só ao seu número”.
Ademais, reivindican que os centros do rural, “atendendo ás características especiais das zonas de interior e de montaña para cubrir as súas necesidades específicas”, teñan dereito “a un especial consideración, establecéndose unha ratio reducida”. No caso das escolas unitarias e dos CRAs, as familias advirten que se precisa “con urxencia” unha peculiar organización funcional enfocada “á súa supervivencia, adaptada a cada realidade e coa máxima flexibilidade en ratios e en agrupamentos”.
“Tal organización ten que basearse nun plan específico que se require para un xusto desenvolvemento no ámbito rural e en todo caso ten que asegurar a debida dotación de profesorado especialista e de apoio”, asegura a coordinadora, que reclama tamén “a recuperación do programa Prescolar na Casa, modélico e que durante 35 anos veu sendo pioneiro en Galicia”.
"Os axustes colocan a infancia e a xuventude do interior como especies en perigo de extinción"
“Estamos ante unha clara situación de discriminación onde non se está a garantir o dereito á igualdade de oportunidades para os nenos e nenas da montaña e do rural”, advertirán as familias na concentración, que porá luz sobre “a triste realidade” que coloca a infancia e a xuventude do interior como “especies en perigo de extinción” “As administracións, lonxe de protexernos, atácannos sen piedade”, quéixanse as familias, que cren que estes últimos axustes poden supoñer “o golpe de graza” para un rural “que morre”.
A concentración do mércores estará apoiada por numerosos sindicatos e organizacións sociais, así como pola Mesa Galega de Educación no Rural, que denuncia tamén "os improcedentes recortes no ensino impostos pola Consellería de Educación". "Os recortes na dotación de profesorado no rural incrementan as medidas aniquiladoras que se veñen sumando sobre este ámbito cunhas consecuencias que transcenden severamente cara o futuro"., denuncia o colectivo, que anuncia que se suma ás mobilizacións da Coordinadora de Anpas.
Do mesmo xeito, Galiza co Galego manifestou tamén o seu "apoio á loita da Plataforma pola defensa da montaña e do rural e saúda a constitución da Coordinadora galega de ANPAs do rural", ademais de mostrar a súa adhesión ás mobilizacións previstas.