As familias gastan no ensino concertado un 88% máis que no público

Escolares galegos, nunha aula © CEIP As Solanas

Non é o mesmo. A terminoloxía oficial adoita englobar na denominación "centros sostidos con fondos públicos" os colexios e institutos de titularidade pública xunto a aqueles privados pero que funcionan, total ou parcialmente, grazas ao erario, isto é, a escola concertada. Teoricamente, a concertada vén ser un complemento ao sistema público que garante a igualdade de dereitos e obrigas para o estudantado. No entanto, as cifras din outra cousa, cando menos no ámbito puramente económico. É o que vén de revelar o Instituto Nacional de Estadística (INE), que a partir dos datos do curso 2011-2012 vén de concluír que o ensino concertado lles sae ás familias un 88% máis caro que o público.

Aínda que a asistencia ás aulas é de balde en ambos modelos de ensino existen outros "bens e servizos" que abranguen dende material escolar ata vestiario, transporte, comedor ou actividades de apoio que marcan a diferenza. Así, no conxunto do Estado o gasto neste ámbito foi no pasado curso de 13.142 millóns de euros. Dentro deste montante total, os fogares tiveron que desembolsar unha media de 822 euros por estudante das "aulas de titularidade pública", o 42,7% do total. Mentres, quen enviase o seu fillo ou filla a un colexio concertado tivo que facerlle fronte a un gasto medio de 1.549 euros por alumno. Nas aulas privadas sen concerto o gasto dispárase ata os 3.627 euros por estudante, de media.

"A maior nivel de ingresos, maior proporción de estudantes nas aulas privadas"

Dentro destas cifras globais o reparto tamén varía en función dos niveis educativos. Así, dentro do ensino privado concertado o INE reflicte que "o nivel máis caro foi a Educación Infantil de segundo ciclo, con 1.765 euros por alumno". Na banda contraria están as "ensinanzas de réxime especial de grao elemental e medio" en centros públicos, con 234 euros.

Ademais do gasto, o estudo feito púbico pola institución estatística do Estado permite coñecer tamén as "características sociodemográficas" das familias do estudantado e do seu entorno. Así, o inquérito conclúe que "a maior nivel de ingresos, maior proporción de estudantes nas aulas privadas, con e sen concerto", unha tendencia "máis acusada nos fogares que superaron os 3.000 euros de ingresos mensuais". Así, nos fogares que ingresan ata 1.499 euros ao mes o 80,9% do alumnado acode á escola pública. Entre 1.500 e 2.999 a porcentaxe baixa ata o 75,1% e nos que pasan de 3.000 van á pública o 57,5%. Do mesmo xeito, tamén destaca que nos fogares cuxo "sustentador principal naceu no estranxeiro" o 77,2% dos estudantes estuda nun centro público. Se esta figura "naceu en España", a cifra baixa ata o 67%.

Escolares galegos, nunha aula © CEIP As Solanas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.