Asociacións de nais e pais da área de Santiago piden que Educación "reflexione" e envíe máis profesorado

Concentración diante do CEP Ventín, en Ames CC-BY-SA FANPA Compostela

"Vimos arrastrando recortes en profesorado e déficit de persoal nos colexios dende moitos cursos atrás, pero este ano resulta aínda máis evidente", di Esther Martínez Piñeiro, presidenta da Federación de Anpas de Compostela

Nove escolas da área de Santiago mobilízanse contra os recortes de profesorado en todos os niveis educativos. Este martes pola tarde, as familias das Asociacións de nais e pais do CEIP de Arcediago (Santiso), o CEIP Barouta (Ames), o CEIP Fontiñas (Santiago), o CEIP A Ramallosa (Teo), o CEIP A Igrexa (Calo, Teo), o CEP Ventín (Ames), o CPI Os Dices (Rois) e o CEIP Quiroga Palacios (Santiago) concentráronse para reclamar que a Consellería de Educación atenda as peticións “urxentes” destes centros de ensino; as familias do CEIP de Pedrouzos, en Brión, fixeron o mesmo este luns, despois de comezar as protestas xa na primeira semana do curso.

“Vimos arrastrando recortes en profesorado e déficit de persoal nos colexios dende moitos cursos atrás. Sempre hai centros nos que faltan profesionais en Audición e Linguaxe (AL), de Pedagoxía Terapéutica (PT), tamén orientadoras e orientadores, e mesmo mestres, pero este ano resulta aínda máis evidente, hai máis centros onde a situación chama a atención”, salienta Esther Martínez Piñeiro, presidenta da Federación de Anpas de Compostela.

Familias na porta do CEIP Barouta (Ames) este martes CC-BY-SA FANPA Compostela

As peticións de profesorado de moitos centros á Consellería non se cubriron ou están lonxe de cubrirse e as familias detectan que non van ter a capacidade de atender de forma axeitada a todo o alumnado. “Exemplos tan rechamantes como o que está a suceder no colexio de Ventín, que reclamou sete profesores e lle concederon medio; ou en Barouta, que pediron trece e lle deron catro e medio. Temos centros que comparten orientadores, inviable para levar a cabo o seu traballo co alumnado, e centros con menos profesionais en Audición e Linguaxe e de Pedagoxía Terapéutica aínda que o curso pasado”, conta Martínez Piñeiro.

"Queremos que manden recursos, estamos cansos de apaños", destacan desde a FANPA de Compostela

A situación é especialmente problemática no caso do alumnado con necesidades especiais. Desde as Anpas reclaman cada curso que a Consellería permita unha “maior estabilidade” destes profesionais dun ano para o outro “porque os cambios constantes de centro dificultan moitísimo o avance co alumnado”.

A FANPA de Compostela apunta que se están a mobilizar desde o comezo do curso escolar pois consideran que “isto aínda pode ser peor cando o curso avance”. Neste sentido, critican o acordo entre a Xunta e algúns dos sindicatos do ensino para reducir as horas lectivas, que cualifican de “papel mollado” por levarse a cabo “a custe cero”. “Non poñen máis profesorado polo que os centros que estaban mal dotados aínda estarán peor”, lamenta a súa presidenta.

Protestas no CEIP Fontiñas, en Santiago CC-BY-SA FANPA Compostela

“Queremos que manden recursos, estamos cansos de apaños. O alumnado é moi heteroxéneo, non se trata só do alumnado con necesidades especiais, tamén están os nenos e nenas que veñen de fóra e non controlan o idioma, ou quen ten problemas na casa puntuais e precisa doutra atención no centro. Necesítanse profesionais que poidan facer o seu traballo e darlle a atención debida e non eses cálculos da Consellería que agora che manda medio profesor aquí e medio alá. A educación non vai así”, asevera Esther Martínez Piñeiro.

Na FANPA de Compostela agardan que Educación “reflexione” e “faga autocrítica” porque destacan que “esta situación se está a dar en toda Galicia”.

80 especialistas menos

No pleno do Parlamento desta semana tamén se abordou este asunto a través dunha proposición do BNG para que se incrementen os medios para a atención á diversidade, tanto nos centros escolares como a nivel sanitario.

"Este curso houbo 80 especialistas de Pedagoxía Terapéutica e en Audición e Linguaxe menos e 30 prazas de atención preferente para nenos con maior discapacidade quedaron sen atender", critica o BNG

“Este curso houbo 80 especialistas de Pedagoxía Terapéutica (PT) e en Audición e Linguaxe (AL) menos e 30 prazas de atención preferente para nenos con maior discapacidade quedaron sen atender”, destacou a portavoz de Educación do BNG, Cristina Fernández, quen incidiu na necesidade de apoio que precisan rapaces como Mauro, un neno matriculado este curso no CEIP Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas que pasou de ter cinco horas á semana de PT e outras tantas de AL noutro centro a non ter ningún apoio no actual, segundo debullou a deputada nacionalista.

Cristina Fernández tamén aludiu, entre outros exemplos, á situación no IES de Valadares de Vigo, con dous profesionais de Pedagoxía Terapéutica menos e un 35% de alumnado con necesidades especiais de atención. No caso do CEIP Santa Mariña de Cabral, tamén en Vigo, un centro referente para o alumnado con trastornos do espectro autista (TEA), pasaron de compartir un profesional en Audición e Linguaxe a estar este curso sen ningún.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.