A Xunta ve positivo que 14 colexios saian de E-Dixgal porque podían facelo preto de 250

Un ordenador do programa E-Dixgal © Xunta

O presidente esgrime o requisito do programa de educación dixital de que os centros deban permanecer catro anos nel antes de darse de baixa

O pasado venres a Consellería de Educación fixo público que o programa de educación dixital E-Dixgal contará o vindeiro curso con 599 centros, 14 menos que neste curso tras darse de baixa ese número e non solicitar ningún novo a alta. É o segundo ano de retroceso do número total de centros inscritos no programa, tras varios anos de críticas de familias, profesorado e expertos. 

Un dos requisitos para formar parte do E-Dixgal é que os centros que se incorporen ao mesmo permanezan nel un mínimo de catro anos. Unha condición que foi esgrimida este luns polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para restar relevancia á saída do programa de 14 centros. 

O presidente cifrou en arredor de 250 os centros que poderían saír do E-Dixgal para o próximo curso, polo que salientou que "só" 14 quixesen deixalo fronte á maioría que se "manteñen no sistema". 

As críticas forzaron a Xunta a recuar con E-Dixgal, prometendo mellores contidos e máis libros de texto

Ante as críticas ao programa, a Consellaría de Educación anunciou a principios deste mes de maio importantes cambios no programa a partir do vindeiro curso, cambios que buscan frear este abandono de centros e reducir as críticas de familias e docentes. A Xunta di apostar agora por un ensino "híbrido" e promete unha maior presenza dos libros de texto tradicionais coa posibilidade de que as familias accedan a axudas de libros de texto. Así mesmo, anunciouse unha mellora nos contidos, outro dos aspectos máis criticados.

Dende este vindeiro mes de setembro,os colexios integrados no programa E-Dixgal poderán incorporar por primeira vez ata tres libros de texto na etapa de Primaria nas materias que elixan libremente, combinando así ordenadores e manuais en papel. Será unha decisión voluntaria por parte de cada centro. Para facilitar a súa adquisición, a Consellería dotaraos dun fondo que se prestarán de xeito gratuíto seguindo os mesmos criterios de renda que xa operan actualmente para outras axudas da Consellería. 

En Secundaria, onde xa se combinaban libros de texto e recursos dixitais, tamén haberá estas liñas de apoio, atendendo así unha reivindicación das familias. A Xunta di querer ser “sensible ao sentir da comunidade educativa” e, igualmente, "adaptar o proxecto ás novas realidades e á evolución social e pedagóxica".

Ademais, a Xunta anunciou tamén melloras na formación do profesorado e a oferta de cursos para as familias, así como o incremento da seguridade para evitar que o alumnado faga uso dos ordenadores cedidos pola Xunta para acceder a contidos prexudiciais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.