Unha das moitas preguntas que nos fixemos cando triunfou a moción de censura foi a de si o cambio prometido chegaría aos oligopolios e de ser así cando e como sería ese cambio. A estas alturas todo parece indicar que teremos que esperar....unha vez mais. Mentres tanto, como estamos vendo, pagaremos pola luz o prezo que os oligopolios eléctricos teñan a ben fixar. Como por caso agora que, en plena ola de frío, e na terceira ola da pandemia, deciden unha suba de luz realmente desorbitada (un 37% interanual: a segunda mais alta da historia recente) (1). Algúns dos efectos desta suba xa os coñecemos: que en plena ola de frío decenas de miles de familias das clases con menores rendas non poñerán a calefacción por non poder pagala. Tamén as pequenas e medianas empresas verán como se lle incrementan os custos coas conseguintes repercusións negativas tanto na produtividade como na competitividade, impacto que terán que sumar ao da COVID.19.
As explicacións a estas subas son as de sempre: os mercados. Así no lo deixaron moi claro tanto a Vicepresidencia terceira e Ministra de Economía. señora Calviño: "non podemos faceren pensar aos cidadáns que a reforma do sector eléctrico que estamos abordando con determinación supón que non poden darse subas puntuais do prezo da luz cando se da unha tormenta perfecta como a que estamos a vivir estes días", como a Ministra de Transición ecolóxica señora Ribera que argumenta " na suba tamén inflúe o feito de que a fotovoltaica en inverno é menos eficiente e produce menos, polo que a eólica non pode cubrir boa parte da demanda. Esto fai que, no sistema, sexa o gas natural o que teña a determinación do prezo para todo o mercado por xunto.... pouco renovable, moita demanda polo frío e os mercados de gas e (dos bonos) CO2 altos fan que teñamos un incremento importante do prezo". Uns argumentos que para os que pensan que os mercados son perfectos resulta impecable pero para os que creemos que non son perfectos senón que precisan de regulacións, como no caso das eléctricas, non nos vale. Pola súa parte o Ministro de Consumo, señor Garzón, mais prudente, derivou o tema a CNMC (Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia) para que investigue si esta suba é irregular.
Organizacións de consumidores, como FACUA, prefiren falar directamente de especulación e lle recordan ao goberno os seus compromisos expostos no acordo de investidura cando os partidos asinantes (PSOE e UP) se comprometeron tanto a abaratar a factura eléctrica como a emprendelos cambios normativos necesarios para reformar o mercado eléctrico e poñer así fin as zumarentas ganancias que a situación de oligopolio lles permite as grandes compañías.
"Son os mercados" sinala o goberno español de torno (PSOE/UP). Ten razón. Pero, de que mercados estamos a falar?. Por que segundo EUROSTAT España ocupa o quinto lugar dos estados da UE, o terceiro segundo o poder adquisitivo, entre os que teñen a electricidade mais cara. Un mercado oligopolista que permite que o prezo final da enerxía (33% da factura) sexa fixado polas propias empresas. Un sistema de fixación de tarifas por xunto que facilita, como afirma FACUA, a especulación nos prezos tal e como sucedeu, por caso, no inverno do 2016/2017 cando algunhas destas empresas elevaron artificialmente a actividade e, xa que logo, os prezos. A fixación de prezos polo sistema de puxa e cando se trata de produtos financeiros, como sucede no mercado de electricidade onde se poxan OTC, permite que sexan os grandes bancos e fondos de investimento quen controlen e fixen os prezos ao seu antollo en cada poxa. Un sistema que ás empresas oligopolistas españolas lles resulta moi doado por que permite obter tales ganancias. Ganancias que se ven favorecidas por que neste sistema de fixación de prezos, nos que se teñen en conta as diferentes fontes enerxéticas e as distintas tecnoloxías, sempre se toma como referencia de prezo da enerxía a fonte mais cara do mercado por xunto nesa franxa horaria. Un sistema tan complexo e sutil que segundo a CNMC mais de un terzo dos consumidores non son quen de entender a súa factura da luz.
Non menos relevantes resultan tanto as características dun mercado enerxético no que as renovables, por razóns políticas, teñen un peso moi reducido -por mor de que no ano 2014 o goberno de torno (PP) recortou as axudas as enerxías renovables provocando que durante ese mandato a potencia nesa fonte baixara 28 hW - como a que os crecentes déficits obrigan a incrementalas importacións. Hai mais factores que fan que en este mercado os abusos sexan continuos. Por caso en relación a contabilización do consumo a substitución dos contadores analóxicos por contadores dixitais mais precisos si elimina en parte a posibilidade anterior de manipulación a distancia por parte das empresas supuxeron, a pesar diso, unha suba nos custos tanto no alugueiro do contador (+40%) como na potencia contratada. Outro dos compoñentes do prezos é a chamada peaxe de transporte -parte da factura (41,14%) que representa o pago polo transporte da enerxía e o uso da infraestruturas- cuxo custo está relacionado tanto coa potencia contratada, sempre superior a necesaria, como co consumo o que fai que aínda que é regulado polo goberno de torno está indirectamente en mans das propias compañías eléctricas o que facilita continuos abusos xustificados durante moito tempo co falaz argumento do déficit tarifario pero que en realidade se explican polo enorme poder de estas empresas que lles permite influír no goberno a hora de fixar custes como este. Consciente desta anomalía a CNMC formulou no seu vida unha revisión do vixente sistema de cálculo deste custo facéndoo variable en función da hora, o día da sema e a zona na que reside o consumidor. Revisión que segue paralizada.
Un mercado oligopolista como este, tan falto de competencia e de transparencia, permite abusos permanentes por parte das compañías eléctricas que ademais se ven favorecidas polo enorme poder político e xudicial que teñen ao contar nos consellos de dirección e administración con expolíticos e exmaxistrados ("portas xiratorias"). As portas xiratorias fan que os políticos teñan interese en facer todo canto poidan por axudar aos seus amigos das empresas privadas das que veñen e as que pensan volver.
(1): Hai que subliñar que esta suba no prezo da electricidade afecta maiormente aos consumidores acollidos a tarifa indexada co mercado por xunto (PVPC: Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor), que supoñen aproximadamente o 40%.