Preto de 2.000 inspeccións secretas levan ao Goberno galego a admitir que a puntualidade "condiciona a quen depende dun transbordo ou emprega o servizo para chegar ao seu lugar de traballo", mentres mellora o transporte escolar compartido
Desde que en 2020 a Xunta renovou o sistema de transporte público por estrada de Galicia, obrigada por unha condena do Tribunal Supremo, vén realizando avaliacións periódicas sobre o funcionamento do novo modelo. Estes exames inclúen enquisas ás persoas usuarias pero tamén inspeccións secretas por parte de persoal previamente formado que emprega os buses como o faría calquera cidadán pero anotando as eivas que detecta. As últimas desas inspeccións empregando esa técnica denominada do "cliente misterioso" seguen constatando un empeoramento xeral do sistema de transporte público, coa falta de información en paradas e autobuses e a impuntualidade como principais eivas.
As inspección de "cliente misterioso" na rede de buses da Xunta presentan desde hai uns anos un condicionante significativo xa que o Goberno galego vén advertindo publicamente en que época do ano se realizan. Nas últimas, ademais, a Xunta mesmo sinalou varias das liñas ou zonas polas que comezarían, permitindo así que as empresas concesionarias estivesen sobre aviso. Aínda así, o resultado das inspeccións segue empeorando.
A última campaña de inspeccións realizouse na pasada primavera e aparece agora reflectida na última memoria anual do sistema de transporte que vén de facerse pública, correspondente ao período entre xullo de 2024 e xuño de 2025. Nela sinálase que se realizaron 1.974 inspeccións de "cliente misterioso", cifra similar ás de anos anteriores. E a valoración que se fixo sobre o cumprimento xeral do servizo foi do 82,5%, un punto porcentual menos que o ano anterior e un punto e medio menos que o máximo acadado no mellor ano da serie, o primeiro.
As paradas presentan carencias de información de liñas ou horarios e mesmo de identificación
Canto aos aspectos analizados, a memoria do último ano sinala que a falta de información é a principal eiva, tanto nos vehículos como nas paradas. Esta última memoria, a diferenza das de anos anteriores, detalla á súa vez en que elementos concretos se fixan os inspectores para valorar as paradas, e así sinala que hai problemas cos nomes ou códigos das paradas (a valoración cae do 56,7% ao 43,1%), coa información das liñas (cae do 57,6% ao 50,2% ) ou coa información dos horarios (cae do 57,3% ao 50,5%).
A continuación da información de vehículos e paradas, o seguinte aspecto peor valorado é a puntualidade, cun 68,2%. Neste caso rexístrase unha lixeira melloría nos últimos anos pero aínda por baixo da mellor valoración obtida no primeiro ano no que houbo inspeccións. A propia memoria anual sinala sobre a puntualidade que "este aspecto condiciona a aqueles usuarios/as que dependen dun transbordo ou que empregan o servizo para chegar ao seu lugar de traballo".
Canto aos aspectos mellor valorados nas inspeccións secretas, o sistema de validación do billete é o que obtén mellor puntuación, constatándose a existencia de máquinas canceladoras na inmensa maioría dos buses e unha correcta atención por parte dos condutores.
Transporte escolar compartido
No transporte escolar compartido a puntualidade sobe do 53% ao 75% e as incidencias baixan do 36% ao 19%
A memoria anual do sistema de transporte público galego tamén analiza, como en anos anteriores, o funcionamento do transporte escolar compartido, as liñas de bus nas que ademais das prazas reservadas para escolares hai prazas dispoñibles para o resto da cidadanía. O ano pasado a enquisa realizada aos centros educativos sobre o funcionamento deste servizo reflectira un notable empeoramento, tanto pola caída da puntualidade como polo aumento das incidencias. Pero a última memoria agora coñecida recolle unha melloría. A puntualidade ascende do 53% ao 75% mentres que as incidencias baixan do 36% ao 19%.
Sobre o transporte escolar compartido a última memoria anual incluíu unha análise específica do funcionamento do sistema en Ribeira. Alí constatouse que dúas das cinco liñas existentes "teñen problemas de falta de prazas" e que no 8,6% dos servizos houbo faltas de puntualidade de máis de 10 minutos.