O Goberno galego emprega a mesma denominación do servizo que eloxiou en 2009 e cancelou en 2010 porque era “un gran esforzo económico que ten unha rendibilidade social moi pequena”
O novo sistema de transporte en autobuses que está a ultimar a Xuntar inclúe Noitebús, servizos nocturnos similares a algúns dos creados en 2006 polo bipartito para facer máis seguros os desprazamentos a lugares de ocio. Un proxecto que a Xunta de Feijóo, tras eloxialo inicialmente, decidiu deixar de subvencionar en 2010 por ser “un gran esforzo económico que ten unha rendibilidade social moi pequena”. Agora a Xunta asegura que será distinto.
Integradas nos novos contratos cos que a Xunta está a reorganizar o transporte público en autobús en toda Galicia, algúns deles subvencionados, aparecen diversas liñas nocturnas especialmente deseñadas para desprazamentos de ocio e cando menos varias delas, entre Santa Comba e Negreira ou Muxía, ou entre Bertamiráns e Santiago, contan coa mesma denominación de Noitebús que o servizo creado polo bipartito. A Xunta argumenta que non é unha novidade senón que son modificacións de servizos que xa se viñan prestando aos que agora se suman novos horarios nocturnos ou paradas, e pon o foco en que fronte ás liñas especiais deficitarias e subvencionadas polo bipartito, que o propio PP mantivo e mesmo aumentou durante un ano, agora son froito de estudos de demanda que permiten a súa inclusión nas concesións globais de transporte.
En 2009 a Xunta do PP eloxiaba o "éxito" do Noitebús e mesmo ampliaba as liñas, pero un ano despois considerábao "sobredimensionado" e presentaba a súa fin como unha "decisión difícil"
A finais de 2009, co PP na Xunta desde o mes de abril, o Goberno galego gabábase do “éxito deste servizo” con 330.000 usuarios nos dez primeiros meses daquel ano fronte aos 316.000 de todo 2008. Os populares seguiron promovendo o servizo e en marzo de 2010 anunciaban novas liñas. Pero a finais daquel ano o daquela conselleiro Agustín Hernández mudaba por completo a súa valoración do mesmo, aseguraba que estaba “sobredimensionado, con preto de 200 rutas”, e consideraba excesivo gastar nel arredor de seis millóns de euros ao ano manifestando a súa “confianza en que os cidadáns entendan que nunha situación económica como a actual, cun profundo recorte orzamentario, obrigan a tomar decisións difíciles, como a supresión da subvención ao Noitebús, para potenciar programas como o transporte metropolitano”. A Xunta chegou a dicir que o servizo supuña “un gran esforzo económico que ten unha rendibilidade social moi pequena”.
A Xunta non prohibiu o Noitebús senón que deixou de subvencionalo amosando a súa disposición a autorizar ese tipo de servizos especiais nocturnos á marxe das concesións de transporte xa existentes se algunha empresa, administración ou colectivo decidía implantalo e asumir o seu custe. Non foi así e nos meses seguintes desapareceron todas as liñas.
Os novos contratos inclúen nunha mesma concesión o transporte regular, o escolar e o baixo demanda e a Xunta terá que subvencionalos porque non resultan rendibles, como a maioría dos servizos públicos de todo tipo
Agora o Noitebús aparece no marco da reestruturación global de todo o transporte por autobús en Galicia que está a acometer a Xunta, proceso que debeu facer hai unha década cando caducaron as anteriores concesións que os populares, coa abstención do PSdeG, decidiron prorrogar outros dez anos, decisión posteriormente anulada polo Tribunal Supremo. Facendo da necesidade virtude a Xunta decidiu crear novas concesións que englobasen nuns mesmos contratos zonais tanto o transporte regular ordinario como o transporte escolar ou novas modalidades de transporte baixo demanda. E neses novos contratos, que con notable atraso a respecto das previsións da propia Xunta están a ser licitados e adxudicados en varios bloques desde hai máis dun ano, figura o Noitebús, agora xa non como un servizo a maiores senón formando parte das obrigas das empresas que resulten adxudicatarias das novas concesións.
Eses novos contratos concesionais, como a maioría dos servizos públicos de todo tipo, non resultan en todos os casos rendibles en si mesmos na súa totalidade senón que a Xunta vese obrigada a subvencionalos con cargos públicos para que haxa empresas interesadas en prestar servizos que, na suma global da concesión, resultan deficitarios. Non quere isto dicir que as liñas de Noitebús sexan deficitarias, mesmo poderían dar beneficios, senón que a suma de obrigas de liñas regulares, escolares, baixo demanda ou nocturnas impostas en cada contrato global é estimada deficitaria por parte da Xunta, que está disposta a poñer cartos para que haxa empresas interesadas en prestar eses servizos.
No caso do contrato concesional denominado Oeste da comarca de Santiago, que a Xunta prevé compensar con 790.000 euros ao ano, as liñas nocturnas que se inclúen mesmo aparecen mesmo coa denominación Noitebús creada polo bipartito. É o caso de varias liñas con destino a Santa Comba e orixe en Negreira, Muxía ou Bastavales, ou das liñas Negreira-Bertamiráns-Santiago ou Pedrouzos-Santiago. Servizos nocturnos similares a lugares de ocio aparecen sen esa denominación noutros contratos, como o denominado Comarca do Baixo Miño e sur da de Vigo, que a Xunta prevé compensar de xeito global (incluíndo todos os servizos regulares e escolares) con 728.000 euros. Alí, por exemplo, os venres e sábados de xullo de agosto haberá unha liña nocturna entre as zonas de ocio de Baiona e Praia América coa zona do Areal de Vigo.
O Concello de Ames asegura que a creación da liña de Noitebús é froito das súas alegacións ao plan inicial da Xunta
A Xunta argumenta que no caso da liña de Bertamiráns a Santiago xa existía un servizo nocturno similar como parte da liña regular ao que agora se modifican as paradas e o itinerario. O Goberno galego insiste en que non se está a recuperar o Noitebús como o servizo especial nocturno que era co bipartito senón que se están a contemplar adaptacións de liñas que xa existían en función da demanda social ou dos concellos. No caso da liña de Bertamiráns, fronte á visión da Xunta o Concello de Ames salienta que o Noitebús é unha nova creación froito das súas alegacións.
O Goberno galego pon o foco en que fronte a anteriores servizos de Noitebús de moi longo percorrido as novas liñas nocturnas son similares ás regulares diurnas xa existentes que se introducen aproveitando a reordenación global do transporte en toda Galicia. Con esta reordenación, salienta a Xunta, “racionalízase moito o investimento que se fai no transporte como servizo público e iso permite atender determinadas demandas” que antes non estaban contempladas nos contratos concesionais.
A Xunta xustifica que as novas concesións, que inclúen Noitebús, son froito dun “estudo fondo das necesidades de mobilidade dos cidadáns” e como servizo público "non resulta rendible por si mesmo” e “debe percibir da Administración unha compensación"
Nos propios pregos de condicións dos novos contratos a Xunta xustifica a viabilidade global dos mesmos, como por exemplo no Oeste da comarca de Santiago no que se inclúen eses servizos de Noitebús xunto cos regulares e escolares, indicando que son froito dun “estudo fondo das necesidades de mobilidade dos cidadáns” que conclúe que “a necesidade técnica do servizo deseñado quedou contrastada”. Un servizo global de transporte nesa área que, argumenta a Xunta, “non resulta rendible por si mesmo” polo que “debe percibir da Administración unha compensación derivada do cumprimento das obrigas de servizo público que se lle impoñen”. Cando en 2010 a Xunta decidiu deixar de subvencionar as anteriores liñas de Noitebús nada argumentou sobre “as necesidades de mobilidade dos cidadáns”.