O tribunal sinala que as compañías estaban “dominadas de forma clara polas empresas do grupo Monbus”, unha circunstancia que afirma que “tivo que ser apreciada” pola mesa de contratación
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a adxudicación, por parte da Xunta, de dous lotes do contrato de transporte escolar (os lotes 51 e 45) porque as Unións Temporais de Empresas (UTE) estaban dominadas polo grupo Monbus.
O tribunal sinala que as compañías estaban “dominadas de forma clara polas empresas do grupo Monbus”, unha circunstancia que afirma que “tivo que ser apreciada” pola mesa de contratación e que debeu ser aplicado o límite imposto na Lei de Contratos do Sector Público e no propio prego reitor, que acoutaban o número de lotes que poderían adxudicarse a cada licitador. En concreto, o prego establecía un máximo de adxudicación a unha mesma licitadora de oito lotes.
O alto tribunal galego acolleu os recursos interpostos por vinte empresas de transporte, as cales se agruparían na futuras UTE Canbus e Somosbus, contra a adxudicación dos dous lotes
O alto tribunal galego acolleu os recursos interpostos por vinte empresas de transporte, as cales se agruparían na futuras UTE Canbus e Somosbus, contra a adxudicación dos dous lotes. Nas sentenzas os maxistrados explican que a Xunta aprobou o expediente para contratar o transporte escolar para 424 centros públicos, dividido en 57 lotes. Monbus xa anunciou que recorrerá a sentenza.
A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo sinala nos ditames que a participación das empresas de Monbus foi do 94 % no lote 4; do 93 %, no lote 6; do 92 %, no lote 11; do 95 %, nos lotes 13, 14, 25 e 45; do 97 %, nos lotes 24 e 57; do 100 %, no lote 32; e do 63 %, no lote 50 e no 51. “Polo que foron un total de 12 as licitadoras nas que as empresas daquel grupo tiñan unha presenza moi significativa", sinala.
As empresas "puideron ser utilizadas para encubrir acordos colusorios restritivos da competencia” co obxectivo de “neutralizar a limitación máxima de adxudicacións e, amparado nunha posición de dominio, poder repartirse de forma anómala o mercado”, di o tribunal
O TSXG salienta nos ditames que “sería posible que, a pesar de ser razoable desde o punto de vista empresarial a agrupación de empresas en futuras unións temporais ou -mesmo- que existise unha necesidade obxectiva para a súa constitución, tamén puideron ser utilizadas para encubrir acordos colusorios restritivos da competencia” co obxectivo de “neutralizar a limitación máxima de adxudicacións e, amparado nunha posición de dominio, poder repartirse de forma anómala o mercado”. Por iso, recalca que “non ten tanto interese examinar a identidade das empresas que formarían cada UTE, senón o seu grao de participación nelas, que é o que se conseguiu acreditar coa proba practicada de oficio”.
O TSXG asegura que pode probarse a existencia de “prácticas concertadas cun obxectivo contrario á competencia, así como a existencia de agrupacións de empresas controladas por unha ou varias”
Neste senso, os maxistrados destacan que a futura UTE Escolar Lote 51 “estaría formada por sete empresas do grupo Monbus e dúas alleas”, á vez que advirten que “non pode pasarse por alto” que as compañías dese grupo “contaban cunha participación maioritaria, ao alcanzar o 63 % do total, fronte ao 37 % restante das outras dúas”. En canto ao outro lote, o alto tribunal galego advirte que a futura UTE Escolar Lote 45 estaría formada por cinco empresas do grupo Monbus e catro alleas, aínda que as primeiras “contaban cunha participación moi maioritaria, que alcanzaba o 95 %, fronte ao 5 % restante das outras catro”.
En marzo o TSXG ordenou á Comisión Galega da Competencia iniciar un expediente sancionador contra Monbus e Alsa por participar conxuntamente nos concursos convocados pola Xunta para renovar as liñas de autobús de Galicia co obxectivo de "repartirse o mercado”
O TSXG, polo tanto, asegura nas sentenzas que pode probarse a existencia de “prácticas concertadas cun obxectivo contrario á competencia, así como a existencia de agrupacións de empresas controladas por unha ou varias”.
O pasado mes de marzo o TSXG ordenou á Comisión Galega da Competencia iniciar un expediente sancionador contra Monbus e Alsa por participar conxuntamente nos concursos convocados pola Xunta para renovar as principais liñas de autobús de Galicia co obxectivo de "repartirse o mercado”.
En 2016 o Supremo obrigara o Goberno galego a renovar as obsoletas liñas interurbanas e iniciou un proceso no que Monbus resultou aínda máis beneficiado
Tras a sentenza do TSXG, un xulgado abriu dilixencias por prevaricación contra o director de Mobilidade da Xunta pola súa xestión dos autobuses. Na súa denuncia, Galibus, asociación de empresas do sector que se sente prexudicada por Monbus, reclamaba á Xunta os contratos cos que en 2019 e 2020 reorganizou as liñas de transporte público de Galicia.
En 2016 o Supremo obrigara o Goberno galego a renovar as obsoletas liñas interurbanas e iniciou un proceso no que Monbus resultou aínda máis beneficiado.