Tras rexeitar o Supremo o seu recurso contra o Tribunal Superior de Galicia, agora as empresas piden directamente a este que anule a súa sentenza "por vulneración de dereitos fundamentais", paso previo a solicitar o amparo do Constitucional
"O pronunciamento e o razoamento seguido pola sentenza [do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia] infrinxen o dereito fundamental á presunción de inocencia". Así o din Monbus e Alsa nos incidentes excepcionais de nulidade que veñen de presentar ante ese tribunal para que invalide a súa propia sentenza na que o pasado marzo constatou que as dúas empresas se repartiran ilegalmente o mercado en Galicia.
Esa sentenza do TSXG foi avalada hai un mes polo Tribunal Supremo, pero as empresas aínda tiñan a posibilidade de presentar, como fan agora, este incidente de nulidade por considerar que nela se incumpriu un dereito fundamental, neste caso o de presunción de inocencia. Este paso é condición previa para que nunha seguinte fase poidan acudir ao Tribunal Constitucional, como xa avanzaron que farían.
A orixe do preito de Monbus e Alsa contra o sistema xudicial está en 2020, cando as dúas empresas decidiron presentarse xuntas a varios contratos do concurso para a renovación das liñas de bus interurbano en toda Galicia que estaba a acometer a Xunta. Pola contra, non competiron entre si no resto de contratos. O resultado foi que levaron xuntas ou por separado boa parte dos contratos.
Outras empresas prexudicadas e a CIG denunciaron a situación, pero nin a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade nin a Comisión Galega da Competencia, nomeada pola Xunta, viron nada reprochable. Porén, tras un recurso xudicial dunha empresa afectada, o pasado marzo o TSXG constatou que o comportamento de Monbus e Alsa era contrario ás leis de defensa da competencia e censurou que a Comisión Galega da Competencia nin sequera investigara o asunto. Así que a decisión do tribunal foi condenar a Competencia, presidida polo popular Ignacio López-Chaves, a iniciar un procedemento sancionador contra as dúas empresas.
O TSXG constatou que o comportamento de Monbus e Alsa era contrario á libre competencia, e o Supremo avalou esa sentenza e considerou que o tribunal galego se pronunciara "á vista das circunstancias concretas do caso"
Monbus e Alsa recorreron esa sentenza ante o Tribunal Supremo co argumento, entre outros, de que o TSXG usurpara unha competencia da Xunta ao ordenarlle sancionar en lugar de ordenarlle só volver investigar o caso. Porén, hai un mes o Supremo avalou a sentenza do tribunal galego e rexeitou sequera admitir a trámite o recurso das empresas por entender. Segundo a argumentación do Supremo, o TSXG analizara o fondo da cuestión sobre se o reparto do mercado entre Monbus e Alsa "á vista das circunstancias concretas do caso".
Tras esa decisión do Supremo, uns días despois a Xunta cumpriu co que se lle ordenaba e iniciou un expediente sancionador contra Monbus e Alsa, procedemento que aínda pode prolongarse durante dous anos e cuxo resultado despois tamén pode ser recorrido ante a xustiza ordinaria. Pola súa banda, Monbus cualificou de "inxusta" a decisión da xustiza e avanzou a súa disposición a levar o caso ante o Tribunal Constitucional por entender que os tribunais vulneraran os seus dereitos.
Ese camiño é o que agora veñen de iniciar Monbus e Alsa coa promoción do incidente excepcional de nulidade ante o TSXG. Este tipo de recurso ten por obxectivo denunciar a vulneración dun dereito constitucional fundamental por parte dun tribunal de xustiza e só se pode interpoñer cando o recorrido xudicial do fondo da cuestión remate, como sucede unha vez que o Supremo rexeitou hai un mes o recurso das empresas.
O incidente de nulidade interponse ante o tribunal autor da sentenza que se considera que vulnerou un dereito fundamental, neste caso o TSXG, e é "obrigado como paso previo ao recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional", como salientan os escritos presentados por Monbus e Alsa avanzando así que ese é o seu obxectivo final.
Segundo os escritos de Monbus e Alsa, a sentenza do TSXG vulnerou a súa presunción de inocencia porque o tribunal determinou "a existencia dunha conduta anticompetitiva antes de instruírse procedemento algún para determinar a súa responsabilidade, algo que sinxelamente non pode levar a cabo unha sala do contencioso-administrativo sen violentar o artigo 24 da Constitución Española", o que garante a presunción de inocencia ata que se demostre o contrario. Isto é, as dúas empresas consideran que o TSXG non podía analizar o fondo da cuestión e decidir por si mesmo que a súa conduta nos concursos públicos de 2020 era un pacto ilegal para repartirse o mercado.
Monbus e Alsa din que o que fixo o TSXG foi unha "cualificación dunhas condutas a partir duns feitos que dá por probados, predeterminando a culpabilidade"
Monbus e Alsa din que o que fixo o TSXG foi unha "cualificación dunhas condutas a partir duns feitos que dá por probados, predeterminando con iso tanto o resultado dun eventual procedemento administrativo como a culpabilidade dos que quedarán suxeitos ao procedemento que se ordena incoar". As empresas engaden que a sentenza do TSXG ordenando á Comisión Galega da Competencia incoar o procedemento sancionador contra elas deixa a ese órgano da Xunta "sen marxe de apreciación algún" e a Monbus e Alsa "sen a posibilidade de defenderse durante a tramitación do procedemento sancionador". Nada di o escrito da posibilidade que tiveron de defenderse durante o propio preito ante o TSXG, que desestimou os seus argumentos.
Os escritos de Monbus e Alsa rematan pedindo ao TSXG que dite un auto no que recoñeza que a súa sentenza do pasado marzo lesionou "o dereito fundamental á presunción de inocencia" e que "volva ditar unha sentenza respectuosa co dereito fundamental vulnerado".