Monbus cualifica de "inxusta" a decisión da Xustiza de sancionala por repartirse o mercado con Alsa

Instalacións centrais do grupo Monbús en Lugo, nunha imaxe de arquivo © Google

A empresa asegura que recorrerá ao Constitucional en defensa da súa "inocencia" e dise sorprendida pola decisión do Supremo de non admitir de xeito firme o seu recurso

Tras ratificar o Supremo a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de sancionar a Monbus e Alsa por repartirse ilegalmente o mercado no concurso para renovar as liñas de bus de Galicia, a primeira das empresas emitiu un comunicado no que cualifica de "inxusta" a decisión xudicial e asegura que recorrerá ao Tribunal Constitucional en defensa da súa "inocencia". Previamente, no seu recurso contra o TSXG a empresa xa acusara a ese tribunal de "usurpar" unha función da Xunta.

Raúl López, máximo responsable do grupo Monbus, á esquerda, nunha entrega de premios da Xunta encabezada polo daquela vicepresidente económico, Francisco Conde, do que dependía a Comisión Galega da Competencia CC-BY-SA Xunta de Galicia

Hai sete meses o TSXG condenou á Comisión Galega da Competencia, nomeada pola Xunta e encabezada polo popular Ignacio López-Chaves, pola súa inacción tras unha denuncia contra o reparto do mercado por parte das dúas empresas. O propio TSXG analizou o fondo da cuestión, constatou esa ilegalidade e ordenou a Competencia que iniciase un expediente sancionador contra as dúas empresas.

Tanto a Xunta como Monbus e Alsa recorreron esa sentenza do TSXG pero o Tribunal Supremo, nun auto avanzado este xoves por Praza.gal, decidiu inadmitir eses recursos. O auto é firme e pon fin á vía xudicial do caso, o que obriga a Competencia a iniciar o expediente sancionador.

No seu recurso a empresa censuraba ao TSXG por entrar a analizar o fondo da cuestión e non limitarse a pedir á Xunta unha nova investigación, e agora lamenta que o Supremo non valorase o fondo da cuestión

Ante estes feitos, os responsables de Monbus, grupo liderado polo empresario lucense Raúl López, emitiu un comunicado no que se din "fondamente sorprendidos pola decisión do Supremo". "Se ben é certo que a admisión de recursos nesta instancia é inferior ao 13%, confiabamos en que o máximo tribunal entrase a valorar o fondo da cuestión, algo que, desafortunadamente, non considerou oportuno facer neste caso".

No seu recurso previo contra a condena inicial do TSXG a empresa, pola contra, censuraba que o tribunal galego entrase a analizar o fondo da cuestión e constatase o reparto do mercado. Ao seu ver o tribunal só podía pedir a Competencia que volvese investigar o caso, pero non podía analizalo o propio tribunal nin ordenar a sanción. Nese recurso Monbus chegaba a acusar ao TSXG de "usurpar" esa competencia da Xunta.

Ignacio López-Chaves na súa toma de posesión como presidente da Comisión Galega da Competencia CC-BY-SA Xunta de Galicia

No comunicado agora emitido a empresa di que "na súa firme defensa da súa inocencia e considerando inxusta a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, esgotará todas as vías legalmente establecidas e interporá nos próximos días un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional". Isto é, a empresa considera que a xustiza violou os seus dereitos constitucionais.

Monbus tamén rexeita que incorrese "en práctica anticompetitiva algunha" e di que tanto ela como a súa socia Alsa "xustificaron amplamente ante as autoridades de competencia correspondentes as razóns polas que concorreron xuntas a algúns lotes do contrato de transporte de Galicia, o que continuarán defendendo e acreditando ante as autoridades pertinentes no momento oportuno". O comunicado nada di sobre porque ademais de concorrer asociadas a varios lotos non competiron entre elas no resto senón que unha ou outra non se presentaron a lotes nos que si se presentou a súa competidora. 

Auto do Supremo que inadmite os recursos de Monbus, Alsa e a Xunta contra a sentenza do TSXG que ordenaba sancionar as empresas por repartirse o mercado CC-BY-SA Praza Pública

Pola súa banda, tras avanzar este diario o auto do Supremo, o BNG, que o cualifica como "sentenza", pediu explicacións á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, á que acusou de "conivencia" e "trato de favor" coas empresas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.