Dende outubro de 2023 unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia elevada a firme polo Tribunal Supremo ditamina que Monbus e Alsa repartiron ilegalmente entre si o mercado das principais concesións de autobuses da Xunta. As mesmas liñas de buses que o Goberno galego acabou de renovar en 2020 para culminar un proceso ordenado tamén pola Xustiza.
Entre as consecuencias da firmeza daquela sentenza estivo que a Comisión Galega da Competencia, dependente da Xunta, non tivese máis opción que abrir un expediente sancionador a ambas compañías. A Comisión, presidida -daquela e agora- polo ex-deputado do PP Ignacio López-Chaves, recibira varias denuncias ao respecto, pero arquiváraas sen "comprobar os feitos denunciados" e aínda que "existían indicios racionais da comisión da infracción denunciada".
Esa inacción de Competencia da Xunta lémbraa o propio TSXG noutra sentenza, ditada a finais de novembro e notificada nos primeiros días de decembro, na que constata que Monbus vén de fracasar noutro intento de frear nos tribunais o proceso sancionador. O mesmo freo xa o tentara pola vía da suspensión cautelar a pasada primavera, pero o alto tribunal galego non a concedera ao non acoller argumentos coma o prexuízo económico que padecerían e lembrándolles que os intereses xerais pesan máis que os particulares de cada empresa.
O TSXG rexeita un recurso da empresa de Raúl López para frear o expediente sancionador e lémbralle que Competencia da Xunta o tivo que abrir por orde xudicial ao "existir indicios racionais da comisión da infracción denunciada".
Nesta ocasión o grupo que preside Raúl López alegou que o inicio do expediente de Competencia -aberto por orde xudicial- "predeterminou a culpabilidade" da empresa e "privouna dun proceso con todas as garantías". Ademais, Monbus considerou vulnerados os "principios de legalidade e seguridade xurídica", acusando o propio TSXG de "invadir as competencias" do organismo da Xunta.
A compañía recorría argumentando, adicionalmente, que Competencia "non contaba con indicios racionais" de que "cometese a infracción para poder incoar o procedemento sancionador". Pero o Tribunal lémbralle que o expediente ten como "causa exclusiva" o "mandato imposto por unha sentenza firme". Isto é, a Xunta actúa contra Monbus e Alsa porque foi condenada a facelo.
Alén desta aclaración, a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG sentencia que "non puideron vulnerar o principio de presunción de inocencia" de Monbus nin "predeterminar a súa culpabilidade", xa en Competencia sae "limitan a cumprir" a sentenza previa abrindo o expediente. E teñen que abrilo, enfatiza, "por existir indicios dunha conduta anticompetitiva", o reparto do mercado das concesións con Alsa.
A sentenza resalta que o proceso, que atinxe a unha vintena de empresas dos grupos Monbus e Alsa, pode rematar coa compañía "indemne", pero tamén coa imposición dunha multa e prohibición de optar a contratos públicos
Neste sentido, "será tras a completa instrución" do expediente, "con todas as garantías", cando "se decida o que proceda". E o que pode suceder son dúas cousas: que Monbus "quede indemne" ou "sexa sancionada coa imposición dunha multa", "sen esquecer as accesorias da prohibición para contratar" na lei de contratos de 2017 que, lembran, traspuxo unha directiva europea que o mandaba.
Ese temor último, que a sanción acabe derivando nunha prohibición para obter contratos públicos, está por tras dos intentos para frear o proceso sancionador. Non en van, como informou Praza.gal, o expediente non afecta só ás dúas empresas matrices sinaladas, Monbus e Alsa, senón que dende o pasado setembro se estende a 19 empresas de ambos grupos.
Concretamente, no caso do grupo lucense, o expediente por influír irregularmente na competencia esténdese a Empresa Monforte, Augas de Incio, Gómez de Castro, Transportes La Unión, Autobuses de Pontevedra, Galega de Autocares Gala, Castromil, Eleuterio López y Cía, Rías Altas, Autos Arcade, Auto Industrial, La Hispano Igualadina, Vigo Barcelona e Empresa Luber. As compañías de Alsa investigadas son Autocares Castilla y León, Cal Pita, Compostelana, Interurbana de Autocares, Nex Continental Holdings e Transportes Adaptados Regionales.
Todas estas firmas, segundo Competencia, foron as "concretas empresas que conforman as unións temporais coas que ambos grupos licitaron conxuntamente" a cinco lotes do concurso de autobuses da Xunta no que a xustiza considerou que Monbus e Alsa pactaran. E fixérano "para obter unha posición dominante, senón excluínte, do transporte público galego".