Tráfico inicia unha semana de controis de buses escolares tras denunciar 139 dos 297 inspeccionados en xaneiro

Unha inspección da Garda Civil a un autobús escolar © Guardia Civil de Pontevedra

"O 90% dos accidentes que se producen son no momento de subir ou baixar do vehículo", salienta

A Dirección Xeral de Tráfico desenvolverá desde este luns 18 e ata o venres 22 de novembro unha campaña especial de control do transporte escolar en Galicia. Noutra campaña similar doutra semana realizada o pasado xaneiro inspeccionáronse 297 vehículos dos que 139 foron denunciados.

A Delegación do Goberno de España en Galicia salienta que a campaña "ten unha especial transcendencia en Galicia", a comunidade con máis liñas de transporte escolar, que cada día desprazan máis de 90.000 alumnos e alumnas. Na campaña comprobarase "que tanto autobuses como condutores cumpran coa normativa na materia, que inclúe, entre outras obrigacións, a necesidade de que os menores vaian acompañados por unha persoa debidamente cualificada".

O 90% dos accidentes no transporte escolar prodúcense no momento de baixar ou subir do vehículo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tamén se sinala que "entre as condicións de seguridade que deben cumprir todos os transportes escolares, estipúlase a antigüidade máxima dos vehículos destinados a este tipo de pasaxeiros, o seguro de responsabilidade civil ilimitado ou a obrigatoriedade de levar o sinal de transporte escolar.

Ademais dos controis de Tráfico, a Xunta tamén vén detectando incumprimentos contractuais, pero hai un ano prorrogou todas as súas concesións de transporte escolar

Segundo Tráfico, "o 90% dos accidentes que se producen durante o transporte escolar teñen lugar no momento de subir ou baixar do vehículo, ou xusto nos instantes inmediato e, en moitos casos, trátase de atropelos por unha distracción do menor, do condutor do transporte escolar ou dos acompañantes".

Unha campaña similar á que agora comeza desenvolveuse xa en xaneiro, tamén durante unha semana, na que foron controlados 297 vehículos, dos que 139 foron denunciados con 216 denuncias formuladas. "As irregularidades administrativas son as que maior número de denuncias xeraron, seis de cada 10", di Tráfico, destacando entre elas "non dispoñer da autorización especial para realizar transporte escolar ou non subscribir un seguro de responsabilidade ilimitada".

Un bus escolar nunha imaxe de arquivo © Concello de Ames

Á marxe dos incumprimentos en materia de seguridade, a Xunta tamén vén rexistrando incumprimentos contractuais por parte das empresas que lle prestan o servizo de transporte escolar, fundamentalmente por empregar autobuses máis antigos e contaminantes do comprometido, pero tamén por non prestar ou demorar servizos, nalgún caso polo que o Goberno galego considera que é unha "decisión consciente de incumprir o contrato".

Malia isto, hai un ano o Goberno galego prorrogou todos os seus contratos sen volver convocar un concurso público.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.