Adega denuncia que a planta "de circular ten ben pouco" pois "o obxectivo é a obtención de fibras de celulosa branqueadas a partir de cartón reciclado, con destino á fabricación de papel tisú", un produto que "sería fabricado nesa factoría nunha segunda fase"
Na última semana de maio a Consellería de Medio Ambiente fixo pública a declaración de impacto ambiental favorable da planta de reciclaxe de papel e cartón para fabricación de pasta de celulosa que Ence está a impulsar nas Pontes, no lugar que ocupaba o depósito de carbóns da antiga central térmica desa vila.
A planta, impulsada a través da empresa Biofibras de Galicia SL, pretende producir "pasta branqueada a partir de papel e cartón recuperado e/ou de residuos de papel e cartón", cun proceso de reciclaxe deses produtos e outro de fabricación de pasta de celulosa, sinala a empresa, que presume de que o proxecto supón "un impulso a la economía circular, un dos objectivos ambientais prioritarios da UE"

"Trátase dun proxecto que baixo a aparencia de circularidade, promoción da reciclaxe e sustentabilidade, agocha importantes eivas", denuncia Adega
Porén, a organización ecoloxista Adega denuncia que a planta "de circular ten ben pouco" pois "o obxectivo desta fábrica é a obtención de fibras de celulosa branqueadas (unhas 100.000 toneladas por ano) a partir de cartón reciclado, con destino á fabricación de papel tisú", un produto que "sería fabricado nesa factoría nunha segunda fase (aínda non avaliada nin concretada) ou noutras instalacións de ENCE". "Trátase dun proxecto que baixo a aparencia de circularidade, promoción da reciclaxe e sustentabilidade, agocha importantes eivas", denuncia Adega.
"Para fabricar papel tisú engadirase fibra virxe de eucalipto dos montes galegos elaborada por ENCE en Lourizán ou Navia", sinala Adega
ENCE afirma na documentación presentada que, ao empregar carbón como materia prima, "non se incrementará a demanda de madeira de eucalipto na rexión nin se promoverá o aumento da superficie dedicada ao seu cultivo". Pola contra, Adega sinala que para a fabricación de papel tisú, "suposto obxectivo final do proxecto", adóitanse mesturar as fibras recicladas cunha proporción de fibra virxe que vai do 71% ao 93%. "Para fabricar papel tisú engadirase fibra virxe de eucalipto dos montes galegos elaborada por ENCE en Lourizán ou Navia", sinala Adega.
Adega denuncia que "o proceso industrial produce 1,55 millóns de m3/ano de augas cunha alta carga orgánica" e que estes efluentes "serán deitados ao río Eume
A asociación ambientalista tamén critica os posible efectos prexudiciais que a planta proxectada nas Pontes tería para as augas do río Eume e, polo tanto, para o parque natural das Fragas do Eume. A planta prevé captar 4.920 m3 de auga ao día da balsa mineira das Pontes, dende hai uns anos convertida en lagoa. Adega advirte de que no proceso de branqueo da fibra "o proceso industrial produce 1,55 millóns de m3/ano de augas cunha alta carga orgánica" e que estes efluentes "serán deitados ao río Eume mediante un emisario duns tres km, logo do seu procesado nunha planta de tratamento".
A entidade considera que "o feito de verter os efluentes do proceso produtivo ao Eume, supón unha clara ameaza polos posíbeis impactos no río e na ZEC e Parque Natural das Fragas"
Adega afirma que "a carga contaminante dos efluentes logo do proceso de depuración, cando menos para pH, sólidos en suspensión, DBO5, temperatura, Ni disolto, Cu disolto e Zn disolto, incumpre os obxectivos de calidade establecidos no Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa". E di que "ENCE pretende acadar os valores sinalados como obxectivos ambientais mediante a dilución dos seus efluentes no río".
A entidade considera que "o feito de verter os efluentes do proceso produtivo ao río Eume en lugar de utilizar a propia balsa mineira como medio receptor, considerabelmente máis caudalosa e cunha hidroloxía máis estábel que o río, supón unha clara ameaza polos posíbeis impactos no Eume e na ZEC e Parque Natural das Fragas do Eume".
