O TSXG admitiu a trámite a reclamación e defende as súas paralizacións cautelares de proxectos, criticadas por patronal e Goberno galego, como "mal menor" fronte a posteriores indemnizacións se as obras se inician e son despois anuladas
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de facer pública a súa admisión a trámite dunha reclamación de case 46 millóns de euros que fai unha empresa eólica, Fergo Galicia Vento, á Xunta por autorizarlle un parque eólico na serra do Oribio que despois foi anulado en firme polo Tribunal Supremo.
O TSXG fixo pública esta información cun comunicado no que defende as paralizacións cautelares de parques eólicos que vén ditando nos últimos meses mentres non se pronuncia de xeito definitivo sobre a legalidade ou non das autorizacións que deu a Xunta. O tribunal salienta, fronte ás críticas que vén recibindo de patronal e Goberno galego, que eses freos temporais son un "mal menor" ante as indemnizacións que podería ter que pagar a Xunta ás empresas se ven anulados os seus permisos cando xa comezaran a construír os parques.
O parque eólico do Oribio, en Rede Natura, foi autorizado pola Xunta en 2019 cunha declaración de impacto ambiental outorgada nos derradeiros días do Goberno de Manuel Fraga, en 2005, cando aínda non estaban prohibidas esas instalacións en espazos con esa protección. O TSXG anulou a súa autorización a finais de 2020, cando as obras xa comezaran, e en 2022 o Tribunal Supremo avalou esa anulación.
A empresa promotora, Fergo Galicia Vento, que iniciou os traballos contando cun permiso oficial, reclama agora á Xunta 10,1 millóns de euros polas perdas que sufriu e outros 35,7 millóns por lucro cesante, o que agardaba gañar.
O comunicado público do TSXG defendendo as súas paralizacións cautelares como "mal menor" chega catro días despois de que o PPdeG cargase contra un dos seus xuíces, o ex-portavoz de En Marea Luís Villares
O TSXG, ao tempo que informa de que vén de admitir a trámite a reclamación da empresa, salienta que un dos argumentos que emprega nas paralizacións cautelares de parques eólicos que vén ditando nos últimos meses é o de que estas son "un mal menor" en comparación "co custo económico que para as arcas públicas da Xunta tería a construción das instalacións se posteriormente se declarase a súa ilegalidade, xa que podería implicar o deber de demolición (á conta da administración autorizante) e de indemnizar ao promotor que construíu de boa fe amparado en título administrativo".
O comunicado engade que "por iso, neses autos, desde o punto de vista económico, os xuíces do TSXG, na ponderación dos intereses públicos e os particulares das empresas, se decantan pola prevalencia dos primeiros". Un comunicado que chega catro días despois de que o venres o PPdeG cargase contra un dos varios xuíces que veñen apoiando de xeito maioritario as paralizacións cautelares, o ex-portavoz de En Marea Luís Villares.
Son xa 31 os parques eólicos suspendidos polo TSXG desde que o Supremo restrinxiu criterios para ditar medidas cautelares
O TSXG tamén fixo este martes un novo balance dos parques eólicos paralizados temporalmente desde que o Tribunal Supremo lle restrinxiu os criterios para ditar medidas cautelares. Segundo esas contas, son xa 31 parques suspendidos cautelarmente fronte a 4 nos que o TSXG desestimou aplicar medidas cautelares e poden seguir o seu curso.
No caso dos parques que continúan, nos que anteriores balances citaban os casos dos parques Vilartoxo, Neboada e Uxo, este último vén de desaparecer e veñen de sumarse agora os parques Monte do Cordal e Seselle. O ocorrido co parque de Uxo é que anteriormente o TSXG desestimara unha petición de medidas cautelares de Ecoloxistas en Acción pero despois acolleu outra petición mellor fundamentada da asociación Petón do Lobo.