- A familia do falecido no PAC da Estrada sen atención médica: "Esta é unha consecuencia palpable dos recortes"
- Carta aberta do persoal dos PAC tras o falecemento: "Denunciamos dende hai meses falta de medios, non se cobren nin os mínimos"
"Esta desgraciada situación veu demostrar as advertencias que vimos realizando sobre as consecuencias dos recortes de orzamentos e persoal". A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública uniuse este martes ás voces que, tras o falecemento dun home no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada sen ser atendido, lembraron as reiteradas alertas do persoal do Sergas sobre as carencias neste servizo de urxencias de Atención Primaria.
"As protestas e mobilizacións xeralizadas por toda Galicia pola ausencia de substitucións de persoal de baixa ou de vacacións que masifican os centros de saúde" ou "o peche de consultas e traslados de pediatras" son "outras mostras" dunha situación que para a AGDSP ten, en última instancia, a súa orixe na precariedade laboral no sector. "Se non hai substitutos, como alega o Sergas como xustificación" para explicar que en PAC como o da Estrada só haxa un equipo médico "é pola falta de planificación, a mala xestión e a política de recortar e precarizar as condicións de traballo na Atención Primaria", o que dá en que "o persoal fuxa de Galicia".
"Se non hai substitutos, como alega o Sergas, é pola mala xestión e a precarización das condicións de traballo", di a AGDSP
Nun sentido semellante se pronuncia o Colexio Médico de Pontevedra, entidade profesional que cre necesario lembrar que as melloras nos servizos de Atención Primaria do Sergas están paralizadas pola vía dos feitos. "O reordenamento da Atención Primaria -subliña o Colexio nun comunicado- xa foi posto de manifesto" nos traballos previos para este reordenamento, "cuxos traballos se iniciaron a finais de 2015". Pero "pasado o tempo e por falta de vontade política" da Xunta, "non se afrontaron as peticións" dos Colexios nin das Sociedades Científicas, afirman.
O Colexio Médico de Pontevedra lamenta a "falta de vontade política" da Xunta para aplicar as melloras precisas na Atención Primaria
"O Colexio -advirte- asume como súas as reivindicacións dos profesionais médicos dos servizos de urxencias extrahospitalarias", os PAC, os cales "frecuentemente padecen unha sobrecarga asistencial inaceptable" e "avala a dedicación, o esforzo e a profesionalidade dos médicos". Neste sentido, a entidade colexial resalta que "os recortes sanitarios" aplicados durante a crise, "a precariedade, a insuficiencia de medios e a mala xestión dos recursos dispoñibles" son "as principais causas" da actual situación dos PAC.
"Unha vida vale menos de 2.300 euros"
"Esiximos que todos os PAC conten con equipos completos e a cobertura de todos os permisos por vacacións, días ou baixas"
De precariedade fala tamén a CIG Saúde no caso concreto da área sanitaria de Santiago, á que pertence o PAC da Estrada. "Unha vida vale menos de 2.300 euros", resume o sindicato, en referencia á suma "do salario base do persoal facultativo médico [1.300 euros] e de enfermaría [1.000]". "O PAC da Estrada -exemplifican- tal e como se acordara, tería un equipo de reforzo as fins de semana por 2.300 euros ao mes", o que permitiría que cando a doutora sae atender unha urxencia, outra profesional estea de servizo nas instalacións.
"O desenlace no que un paciente morreu na sala de espera podería acontecer igualmente", advirte a CIG Saúde, pero "o que non se tería dado é a situación de angustia que tivo que pasar a familia do paciente, o resto de usuarios do centro" e tamén a auxiliar de enfermaría que tamén agardaba a ser atendida como doente e que tentou, sen éxito, atender o home. "Esiximos que todos os PAC conten con equipos completos e a cobertura de todos os permisos por vacacións, días ou baixas", resumen.