Na mañá deste venres 16 de febreiro, a poucas horas de que remate a campaña electoral e a dous días das eleccións do domingo, milleiros de profesionais sanitarios recibiron nos seus teléfonos móbiles mensaxes nas que o Sergas lles anuncia o abono na súa nómina de incrementos retributivos que foron acordados e aprobados hai xa varios meses.
Milleiros de profesionais sanitarios recibiron SMS nos que o Sergas lles advirte de melloras retributivas acordadas e aprobadas hai meses
Médicos de Atención Primaria, residentes de Familia, profesionais de atención hospitalaria e enfermeiras están a recibir SMS durante a mañá deste venres SMS nas que a Consellería de Sanidade advírtelles de melloras e actualizacións das súas condicións laborais que foron xa incluídas ao aprobar os Orzamentos da Xunta de 2024 ou froito de acordos aos que o Sergas chegou na Mesa Sectorial xa o pasado ano e para desconvocar a folga médica en abril de 2023.
"Informámoslle que a partir da nómina deste mes de febreiro lle será abonado mensualmente un novo grao de carreira profesional con atrasos dende xaneiro de 2024", reza unha das mensaxes recibidas por sanitarios que amosaron a súa "indignación". "Menuda falta de ética, de valores e de todo", di a Praza.gal un dos sanitarios que recibiu a mensaxe oficial no seu teléfono móbil.
Neste caso, o SMS fai referencia ao recoñecemento a un novo grao de carreira profesional na convocatoria do pasado ano e que afecta preto de 10.000 profesionais do Sergas, que son os que terían recibido esta mensaxe.
As mensaxes lembran as melloras no salario acordadas para 2024, o novo grao da carreira profesional ou os incrementos no importe das gardas
Outra das SMS que este venres circula entre os profesionais sanitarios da sanidade pública galega é o que anuncia "melloras retributivas 2024: Abonaráselle a partir desta nómina o incremento das noites en días laborables nun 7,9% e festivos e noite prefestiva de sábado do 15,71%. As noites de venres serán abonadas como festivas", lembra no SMS o Sergas ao persoal sobre un acordo que foi asinado entre o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e os sindicatos na Mesas Sectorial o pasado mes de abril e aprobado definitivamente polo Consello da Xunta en xuño.
Ademais, tamén hai mensaxes dirixidos a persoal de enfermaría que ten quendas de tarde e nas que se lles advirte que a partir da nómina de febreiro recibirán "o complemento de turnicidade en Atención Primaria por quenda de tarde cos atrasos de xaneiro de 2024". Tamén os residentes en formación de Familia recibiron unha mensaxe sobre o "incremento do 7,9% e en días festivos dun 15,61%" dos "importes de gardas".
A CIG acusa a Xunta de facer "campaña electoral co persoal do Sergas" e cualifica de "inaceptable a instrumentalización das institucións por parte do PP"
A chegada masiva de SMS a doce horas do peche da campaña electoral e a menos de tres días das eleccións provocou fortes críticas por parte de moito persoal que advirte, ironicamente, da "casualidade" que supón que melloras xa anunciadas, aprobadas e sabidas sexan publicitadas e difundidas entre os profesionais sanitarios "xusto antes dunha xornada electoral".
O Sergas, segundo conta Europa Press, atribúe as mensaxes á comunicación "fluída e habitual" que mantén cos seus traballadores.
Pola súa banda, CIG-Saúde, sindicato maioritario na sanidade en Galicia, acusa o PP de facer "campaña electoral co persoal do Sergas" ao enviar mensaxes que informan de "melloras salariais acadadas meses atrás" e "froito da acción sindical".
"Pode ser legal pero é eticamente reprobable", denuncia Enfermeiras en Loita; "é propaganda, máis que información", di Agamfec
"É inaceptable a instrumentalización que fai o PP das institucións para facer campaña política e intentar frear o descontente do persoal da sanidade, di a central nacionalista, que pide ao Sergas que "non utilice" os profesionais sanitarios.
Desde Enfermeiras en Loita aseguran que "anunciar subas salariais a falta de dous días para as eleccións autonómicas e enviar SMS masivos a todos os traballadores do Sergas pode ser legal pero eticamente reprobable". "Este movemento xera en nós un enorme rexeitamento e quen sabe se non provocará xusto todo o contrario", advirten.
Pola súa banda, Jesús Sueiro, presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), mostrou o seu abraio polos milleiros de mensaxes sobre "medidas xa acordadas e que non supoñen ningunha novidade". En declaracións a Radio Galicia-SER, asegurou que os SMS "son propaganda, máis que información".