O hospital Fátima de Vigo saltou a lei para que a súa clientela esquivase o desabastecemento da vacina da meninxite en 2016

Sentenza que ratifica que o hospital privado Fátima de Vigo fixo pasar consultas externas por ingresos para facilitarlles unha vacina con desabastecemento nas farmacias CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza Pública | Foto © Vithas

O Tribunal Superior avala sancionar ao centro privado polo seu “subterfuxio” de facer pasar consultas externas por ingresos para así vacinalos coa farmacia hospitalaria cando non había existencias nas boticas das rúas

Cando a finais de 2015 as autoridades sanitarias permitiron que a vacina Bexero contra a meninxite B se comercializase nas farmacias, a súa elevada demanda produciu desabastecementos ata comezos de 2017. Naquel contexto o hospital privado Fátima de Vigo, do grupo Vithas, utilizou o “subterfuxio”, segundo o cualifica o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), de facer pasar consultas externas de pediatría por ingresos para que así esa clientela súa tivese acceso ás existencias da vacina que tiña na farmacia hospitalaria. Así o vén de establecer o tribunal nunha sentenza con data do 18 de setembro na que ratifica unha sanción imposta pola Consellería de Sanidade, que censurou que coa súa actuación o centro privado só beneficiou aos seus “clientes” e á súa “imaxe e recoñecemento” atacando o principio de igualdade e non discriminación no acceso aos medicamentos.

Fragmento da sentenza do TSXG avalando as sancións da Xunta a Fátima CC-BY-SA Praza Pública

Aínda que recomendada ás familias por pediatras do Sergas, a vacina contra a meninxite B non é das incluídas no calendario de vacinación gratuíto da Xunta, pero cando se autorizou a súa comercialización xeral nas farmacias, previa receita médica e a un prezo de 106 euros cada dose (o número de doses varía segundo a idade do neno ou nena), houbo recorrentes desabastecementos pola súa elevada demanda. Segundo a sentenza agora feita pública, a finais de 2016 a Consellería de Sanidade realizou unha inspección ao hospital Fátima e detectou que estaba a dispensar vacinas da súa farmacia hospitalaria, que debían estar reservadas a pacientes ingresados, a clientela á que atendía nas consultas externas, que debía adquirila como o resto da poboación nas farmacias das rúas, onde era difícil conseguila. Gestión Sanitaria Gallega SLU, titular do hospital, recorreu a sanción que lle impuxo a Xunta pero primeiro un xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo e agora o Tribunal Superior de Galicia tras un segundo recurso avalan ao Goberno galego.

“A situación de desabastecemento da vacina e a intención de favorecer aos seus pacientes non xustifica unha ampliación das funcións da farmacia hospitalaria, legalmente acoutadas, nin a súa utilización para vacinar a pacientes non ingresados”, di a sentenza

Segundo a sentenza agora feita pública, na actuación de Fátima “non só hai unha dispensación indebida de medicamentos en establecemento distinto ao autorizado (neste caso, oficina de farmacia) senón que se implantou un procedemento ad hoc no hospital para a dispensación e administración da vacina Bexero a pacientes ambulatorios das consultas externas de Pediatría mediante o que se altera a realidade das cousas e se rexistran como ingresos procesos asistenciais ambulatorios de consultas externas”. Malia que o hospital argumentou que aos seus efectos unha consulta externa tamén é un ingreso, o tribunal di que “un paciente ambulatorio que acude a unha consulta externa de pediatría non se pode dicir que sexa un paciente que tivese un ingreso hospitalario, nin por tanto que sexa un paciente acredor da dispensación e administración da vacina con cargo ao servizo de farmacia hospitalaria”. E engade que “a situación de desabastecemento da vacina e a intención de favorecer aos seus pacientes tampouco xustifica unha ampliación das funcións da farmacia hospitalaria, legalmente acoutadas, nin a súa utilización para vacinar a pacientes non ingresados”.

Calendario de vacinación infantil do Sergas, que non inclúe a vacina contra a meninxite B como gratuíta pero que pediatras do Sergas recomendan mercar nas farmacias, onde está dispoñible desde finais de 2015 por 106 euros a dose CC-BY-SA Xunta de Galicia

Sanidade censurou que a actuación de Fátima "só beneficiou aos seus propios ‘clientes’ e á propia ‘imaxe e recoñecemento’ do hospital" atacando "o principio de igualdade e non discriminación no acceso aos medicamentos"

O hospital chegou a argumentar que non era coñecedor de estar facendo nada incorrecto xa que non recibira ningún requirimento previo por parte da consellería, ao que o tribunal lembra que “a ignorancia das leis non escusa o seu cumprimento”. O centro privado tamén argumentou, segundo reflicte a sentenza, que non obtivo un gran beneficio coa súa actuación, xa que as 95 vacinas administradas a 82 pacientes supuxeron unha facturación de 10.084 euros nun ano, co que “descontando os custos do medicamento, de consulta, de administración do hospital, trataríase dun beneficio que apenas chegaría aos 1.600 euros”. 

Porén, na defensa da súa sanción a Consellería de Sanidade argumentou, segundo recolle a sentenza, que “esta a actuación [de Fátima] que só beneficiou aos seus propios ‘clientes’ e á propia ‘imaxe e recoñecemento’ do hospital entraña efectivamente un menosprezo e conculca frontalmente o principio de igualdade e non discriminación no acceso aos medicamentos, á marxe do beneficio económico obtido”. 

Segundo a sentenza do TSXG, Sanidade sancionou correctamente tanto o “procedemento ad hoc establecido de alteración da realidade das cousas en relación co subterfuxio de asimilar indebidamente os ingresos hospitalarios coas consultas externas” como “o feito mesmo da dispensación indebida dun medicamento en establecemento distinto ao autorizado”. A sentenza non fai públicos o importes das sancións, pero di que “son as mínimas impoñibles en relación coas infraccións graves” cometidas, o que segundo a graduación da lei de ordenación farmacéutica as situaría en 30.001 euros cada unha.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.