A Audiencia de Pontevedra avala unha sentenza previa que deu a razón ao pai para garantir o “interese superior dos fillos” porque “os beneficios das vacinas son innegables”
A Audiencia de Pontevedra vén de autorizar a un pai a vacinar os seus dous fillos en contra da negativa da nai a facelo. O tribunal considera que esa é a decisión que garante o “interese superior do fillo” ante as posturas encontradas dos proxenitores e o argumento da nai de que a vacinación en España é voluntaria.
Nun auto do pasado 22 de xullo avanzado este martes por Faro de Vigo e ao que tivo acceso este diario a Audiencia de Pontevedra ratificou unha sentenza previa dun xulgado de primeira instancia de Vigo que en novembro do pasado ano, co aval da Fiscalía, xa dera a razón ao pai fronte á nai, separados desde hai anos. Agora o tribunal ratifica en segunda instancia a decisión de autorizar ao pai a vacinar os fillos porque “os beneficios das vacinas son innegables”.
O tribunal admite que en España non existe obriga de vacinar senón "unha simple recomendación", pero ante as discrepancias dos proxenitores opta por defender o "interese superior do fillo"
O caso remóntase ao ano pasado, cando ante a negativa da nai a vacinar os seus fillos, que agora teñen 11 e 7 anos, o pai, asistido polo avogado vigués Guillermo Presa, recorreu á xustiza ordinaria para obter autorización para facelo el. En novembro un xulgado de primeira instancia deulle a razón, pero a nai recorreu alegando que previamente os dous proxenitores “adoptaron de mutuo acordo a decisión de non vacinar os seus fillos e que a vacinación en España é voluntaria”.
A Audiencia de Pontevedra ratifica agora aquela sentenza e resta importancia ao feito de que inicialmente o pai estivese ou non de acordo con non vacinalos, algo que o proxenitor negou. O tribunal admite que en España non existe obriga de vacinar senón “unha simple recomendación, polo que a decisión final sobre se vacinar ou non os fillos corresponde aos seus pais”, pero ante as discrepancias actuais dos proxenitores o tribunal céntrase en analizar o “interese superior do fillo”.
O tribunal matiza que "non pode quedar ao arbitrio dun dos proxenitores" a decisión de cando vacinar e remite ao calendario de vacinación infantil do Sergas
“Non se discute o dereito dos proxenitores a defender as crenzas que estimen oportunas ou o sistema de educación e vida dos seus fillos que consideren máis adecuado, pero sempre que non resulte prexudicial para os mesmos”, di a Audiencia, que lembra as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) en favor da vacinación e salienta que “a maioría dos estudos científicos sobre a materia levan a concluír que os beneficios das vacinas son innegables tanto a nivel individual como poboacional” por riba dos seus posibles efectos secundarios.
Xa a sentenza de primeira instancia establecera que “as reticencias” manifestadas pola nai -que non se consideraba ‘antivacinas’ pero que tiña “prexuízos sobre a seguridade das vacinas”- “non están avaladas por datos científicos nin obxectivos”. "Debemos concluír que o acordo adoptado [polo xulgado de primeira instancia] toma en consideración o superior interese dos menores, o que nos leva a desestimar o recurso de apelación interposto e a confirmar dita resolución”, conclúe a Audiencia.
O auto engade que “evidentemente non pode quedar ao arbitrio dun dos proxenitores decidir se desexa vacinar os fillos e en que momento” e incide en que a facultade de decisión outorgada ao pai e agora ratificada “está condicionada a que a mesma se realice conforme ao programa e calendario galego de vacinación infantil” establecido polo Sergas.