A pasada semana o Ministerio de Sanidade anunciou a posta en marcha dunha serie de restricións á aplicación da vacina do tétano, "ante a comunicación oficial de desabastecemento" por parte das dúas compañías que comercializan a vacina en España (DITANRIX de GlaxoSmithKline, DIFTAVAX de Sanofi Aventis). As dúas empresas informaran de que neste ano 2017 ían poder importar apenas a metade das doses habituais. A Comisión de Saúde Pública acordou reservar as vacinas dispoñibles para o tratamento de feridas contaminadas, con risco de infección por tétano, suspendendo temporalmente a dose de recordo a adolescentes (aos 14 anos) e adultos.
A Comisión de Saúde Pública acordou reservar as vacinas dispoñibles para o tratamento de feridas contaminadas, con risco de infección por tétano, suspendendo temporalmente a dose de recordo a adolescentes (aos 14 anos) e adultos
O SERGAS aplicou o acordo, facendo pública este martes a modificación temporal do calendario de vacinación e recoñecendo que "neste momento descoñécese o tempo que vai ser necesario para resolver este problema, aínda que pode prolongarse a medio prazo". A vacinación de recordo aos 14 anos queda, polo tanto, suspendida temporalmente, comunicando o SERGAS que "a dose será restituída cando se restableza o subministro habitual". En todo caso, tanto o SERGAS coma o Ministerio sinalan que "a suspensión temporal da vacinación non supón un risco para a poboación, xa que as persoas que o necesiten por valoración do risco individual, disporán da vacina".
José Antonio Taboada, Xefe de Servizo de control de enfermidades transmisibles do SERGAS, explica que, polo tanto, "non hai graves consecuencias nin risco para a saúde” pero recoñece que "é certo que estes problemas de desabastecemento crean unha inquedanza na sociedade e unha alarma e actúan negativamente sobre a valoración do programa de vacinacións e do propio sistema asistencial no seu conxunto". "Cando estas cousas se repiten, teñen efectos negativos sobre a valoración da sanidade pública", salienta.
"Non hai nin risco para a saúde” pero "é certo que estes problemas de desabastecemento crean unha inquedanza na sociedade e actúan negativamente sobre a valoración do programa de vacinacións e do propio sistema asistencial no seu conxunto", di
Taboada explica que "o desabastecemento non é responsabilidade da Xunta, pois esta cuestión non está transferida e a competencia é estatal, exercida pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios" e adianta que "o Ministerio está buscando unha alternativa a ese desabastecemento, buscando laboratorios doutros lugares do mundo, aínda non autorizados aquí, ou mesmo outros recursos". A Consellaría de Sanidade informa na súa nota que a partir deste momento a distribución aos puntos de vacinación realizarase en doses moi limitadas "para dispor dun stock de seguridade cubrir as necesidades de actuacións ante posibles feridas tetaníxenas".
Tose ferina
Esta semana a Xunta anunciou que a mediados deste ano 2017 o incremento do subministro permitirá a recuperación da vacinación completa contra a tose ferina
As restricións da vacina do tétano anunciadas nos últimos días únese á situación que se vén dando nos últimos dous anos coa vacina da tose ferina correspodente aos 6 anos, que leva 24 meses fóra do calendario por desabastecemento. Porén, esta semana a Xunta anunciou que a mediados deste ano 2017 o incremento do subministro permitirá a súa recuperación. Mentres, vénse aplicando unha inxección de dTpa (de baixa carga), que complementa as tres doses de DTPa (difteria, tétano e tos ferina) dos 2, 4 e 11 meses. E, ademais, priorízase a súa aplicación nas mulleres embarazadas, para protexer os e as neonatas. Taboada anuncia que o incremento do subministro permitirá tamén "recaptar os rapaces e rapazas que no ano 2015 e 2016 non tiveron a súa dose ao cumprir seis anos".
Meninxite B
O conflito que se está a dar nalgunhas farmacias ten que ver coa vacina para a meninxite por meningococo B, que ten unha incidencia moi baixa en Galicia, con tendencia a diminuír
Un caso distinto é o da vacina da Meninxite B, non incluída no plan de vacinación do SERGAS e que está a provocar situacións de desabastecemento nas farmacias de toda España ante a demanda de moitos pais e nais, que queren aplicárllela aos seus fillos e fillas. Taboada entende esta preocupación mais sinala que en ningún caso se dá un problema de saúde: “Non hai un problema de saúde, pero si se deu un problema social. Seguimos tendo medo á meninxite en Galicia, o que é normal, porque foi unha enfermidade endémica na nosa comunidades durante moitos anos. Ese medo permanece e leva a unha alarma social”.
Taboada explica que "Galicia foi pioneira hai anos na vacinación por meningococo C, pola particular incidencia que se daba da enfermidade" e destaca que “agora xa non temos casos de meningococo C grazas á vacinación”. O conflito que se está a dar nalgunhas farmacias ten que ver coa vacina para a meninxite por meningococo B, que ten unha incidencia moi baixa en Galicia, con tendencia a diminuír. De feito, o pasado ano diagnosticáronse só 14 casos, e apenas 5 deles en nenos e nenas.
"Seguimos tendo medo á meninxite en Galicia, o que é normal, porque foi unha enfermidade endémica na nosa comunidades durante moitos anos. Pero non hai un problema de saúde", explica Taboada
José Antonio Taboada explica que non foi incluída no calendario de vacinacións de Galicia por dous motivos: "Esta vacina é nova e aínda non hai datos suficientes para incluíla nun programa de vacinación. Hai moitos aspectos dela que aínda descoñecemos". E, ademais, "non protexe no 100% dos casos, senón ao redor do 70%", sinala. "A Comisión de Saúde Pública recomendou usala só nuns casos moi determinados, de risco máis alto. E nestes casos o Sergas facilita gratuitamente a vacina e non presentou nunca situacións de desabastecemento".
A alarma social que vén provocando este tema nos últimos meses levou a que mentres que en todo o planeta se distribuíron o pasado ano 10 millóns de vacinas, tan só en España vendéronse o 17%, "un numero elevadísimo, sobre todo tendo en conta que apenas hai casos desta enfermidade", apunta Taboada. "En Galicia, en concreto, a maior parte destas vacinas estanse aplicando a persoas nas que o risco é mínimo, entre os 5 e os 14 anos, nos que apenas se dá esta enfermidade", engade.